A Coruña: presentación de Obra dramática completa. Sinfonía de escenas, de Luísa Villalta

A cuarta feira 16 de maio, ás 20:00 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), presentarase o volume da Obra dramática completa de Luísa Villalta, subtitulada Sinfonía de escenas, publicado por Edicións Proscritas en colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda. No acto intervirán María Xosé Bravo, Pilar García Negro, Alexandrina Fernández Otero, Manuela Varela e Lino Braxe.

Porriño: actividades destacadas da Feira do Libro do 11 ao 13 de maio

O domingo 13 de maio finaliza a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Venres 11
19:00 h. Presentación e concerto de Oviravai, co seu último traballo: As andanzas de Paio, publicado en Galaxia.

Sábado 12
18:00 h. Actividade infantil: Teatro na mochila, con Anxo Moure.

Domingo 13
12:30 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
19:00 h. Ledicia Costas asina exemplares de As peripecias de Extravaganzza Pérez e outros libros.
20:00 h. Falando de libros con… Clara do Roxo.

Programa María Victoria Moreno A Escena!, organizado pola Deputación

A Mostra de Teatro de Ourense recoñece o papel pioneiro de Tereixa Campo

Desde Sermos Galiza:
“A clausura da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) recoñeceu o sábado 28 de abril, o labor pioneiro de Tereixa Campo no teatro lugués e, por extensión, galego. A activista teatral do Val do Mao recibirá o premio da organización da Miteu.
Coordinadora da Aula de Teatro do Campus de Lugo entre 1994 e 1998 e fundadora da Asociación Barriga Verde e de Achádego Teatro, o traballo incansábel de Campo por un teatro de base é salientado na viséximo terceira edición da Miteu.
Profesora durante décadas no colexio público de Casás, en Lugo, tamén se encargou da dirección escénica dunha versión da zarzuela Non chores Sabeliña, de Xosé Trapero Pardo, e escribiu pezas dramáticas como O xogo de Pinto Pinto, Contos de Sempre ou O sorriso das pedras. Antes de Achádego, practicou o teatro en Tarabelo.
O acto de entrega do galardón foi ás oito do serán no Teatro Principal de Ourense. Ademais do premio da organización, tamén se entregaron os premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz e os premios á mellor resolución técnica Suso Díaz. Maricastaña, a Aula de Teatro da Universidade de Ourense, xérmolo da Miteu, representou As ondas das pedras no río e houbo música a cargo de Dani Minimalia, guitarrista.
A clausura pon o ramo a unha mostra en que se puideron ver arredor de 30 espectáculos teatrais e que comezou o pasado 12 de abril. Organizan o Concello de Ourense, a Deputación e a Universidade de Vigo -da que depende o campus ourensán- coa colaboración de Sarabela Teatro, o Café Cultural Auriense e a Xunta. Diríxea Fernando Dacosta.”