Tabela dos libros. Marzo de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Cambados: Xornada Vocacións e ideais de Plácido Castro

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Plácido Castro (1902-1967) é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Pola súa orixe e a súa formación, foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta. Humanista, anglófilo e erudito, ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.
Na súa traxectoria son de grande importancia os períodos británicos. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu na súa formación humanista e intelectual. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural da súa contorna, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.
A segunda etapa británica discorreu tras a Guerra Civil. Os camiños da vida levaron de volta a Plácido a Londres, onde colaborou varios anos coa BBC, sen perder o contacto con Galicia. Dende alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.
O universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos máis estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Plácido non é só universalista por convicción política, senón porque ese é o seu xeito de existencia, fondamente interiorizado e derramado en todos os ámbitos. Desde Londres ou O Salnés, Plácido apostou sempre por modelos de modernización de Galicia que preservasen o noso contorno e fixesen da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.
Esta xornada, organizada pola Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, e coordinada por Xulio Ríos, pretende afondar nos tres eixes que marcaron a vida de Plácido Castro: tradución, xornalismo e universalismo.

PROGRAMA

Centro ExpoSalnés
Paseo da Calzada, s/n
36630 Cambados
22 de febreiro

16:00 horas
Inauguración
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Fátima Abal Roma, alcaldesa de Cambados
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
16:20 horas
Plácido Castro e a tradución
Modera: Xulio Ríos
Laura Linares, Irish Research Council Government of Ireland Postgraduate Scholar
María Jesús Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa, Universidade da Coruña
17:20 horas
Pausa
17:45 horas
Plácido Castro e o xornalismo
Modera: María Jesús Lorenzo Modia
César Lorenzo, xornalista e editor de Biosbardia
Luís Álvarez Pousa, xornalista e director de Tempos Novos
18:30 horas
Plácido Castro e o universalismo
Modera: Laura Linares
Xulio Ríos, coordinador da Comisión de Acción Exterior do CCG
Rubén Camilo Lois González, catedrático de Xeografía, Universidade de Santiago de Compostela
19:30 horas
Clausura

A inscrición pode facerse aquí.”

Morre Arturo Lezcano, xornalista durante máis de medio século

Desde Praza:
“O xornalista Arturo Lezcano Fernández, Ruco, faleceu este xoves na Coruña aos 79 anos de idade. Nacido en Ourense en 1939, publicou os seus primeiros textos en prensa xa aos 16 anos, e comezou a súa carreira profesional en La Región. Trasladouse despois a Ferrol, onde foi redactor xefe e logo director de Ferrol Diario. Finalmente, traballou a partir dos primeiros anos oitenta en La Voz de Galicia, onde chegou a ser redactor xefe, converténdose ademais no primeiro Amigo do Lector cando o xornal creou esta figura.
Xubilouse no ano 2003, aínda que nos anos seguintes seguiu escribindo artigos de opinión de forma habitual. Foi Premio de Xornalismo de Galicia en 1987 e Premio Julio Camba en 1991. Escribiu varias obras de narrativa: Os dados de Deus ou Só os mortos soterran seus mortos, e tamén de ensaio, como Risco segundo Risco.
Foi tamén un home de cultura e amante do cinema. Foi un dos cofundadores do Cine Club Miño na cidade de Ourense na década dos 50 e do Cine Club Zoom en Ferrol. Neses anos mantivo tamén unha estreita relación con Antón Risco, do que foi amigo, aínda que tamén asistía con frecuencia aos faladoiros de Vicente Risco. De feito, foi durante moitos anos vicepresidente da Fundación que leva o nome do intelectual ourensán.
Este venres Luís Martínez-Risco Daviña, actual presidente da Fundación Vicente Risco, sinalaba que Lezcano tivo “un papel fundamental” na constitución da entidade. “Nunca quixo que fora un laudatio de Vicente e Antón Risco. Todo o contrario. Queria que se convertera nun referente de pensamento que continuara o labor que, desde antes da década do 1920, iniciara don Vicente, actualizando o seu discurso, mais sen perder nunca a vocación universal de Galiza”, escribe.
La Región defíneo como “xornalista de raza” e La Voz de Galicia destaca a súa “vocación temperá”. Tamén o Colexio de Xornalistas destaca este venres o “pesar” e a “tristura” cos que a profesión recibiu a nova do falecemento de Arturo Lezcano, ao que hoxe despiden necrolóxicas encabezadas por unha frase do propio Risco: “non se pode coñecer o descoñecido a través do coñecido”.
O seu corpo está a ser velado no tanatorio coruñés Servisa, onde este sábado ao mediodía se celebrará unha misa. Será soterrado no cemiterio de Feáns.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2018

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2018.
Queremos agradecervos a todas e a todos as doce edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de poesía para Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vivir a galope, de María Xosé Queizán.
– Mellor libro de teatro para Eroski Paraíso, de Chévere.
– Mellor álbum de banda deseñada para O puño e a letra, de Yolanda Castaño.
– Mellor libro traducido para público adulto para A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, traducido por María Reimóndez.
– Mellor libro de literatura xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas embarca, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Emma Pedreira.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Besta do seu sangue, de Emma Pedreira.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2018.
– O peor acontecido para o falecemento de Xabier P. DoCampo.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para A Sega.”

Ana Romaní: “Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial”

Entrevista de Laura R. Cuba a Ana Romaní en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): O espazo [Diario Cultural] tivo un compromiso social moi firme. Que imaxe da cultura galega se deu desde o programa? Hai risco de caer en estereotipos neste labor?
– Ana Romaní (AR): O risco do estereotipo, do lugar común e da conformación dun único discurso existe sempre e hai que estar sempre moi pendente de non caer niso. Creo que o contexto do Diario Cultural é moi relevante. É un espazo cultural nun medio público. Iso xa é un marco que obriga a respectar unha lei que di que cómpre unha defensa do idioma. Nós soubemos sempre que eramos un espazo de servizo público. Iso implica un discurso de pluralidade. Escasamente dogmático e sempre interrogante, interaccionante co que acontece. Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial.
– A: Alén de traballar nun axente cultural versátil, tamén es académica. Este ámbito é frecuentemente sinalado polo inmobilismo cultural. Pode o teu ingreso supor un vento fresco desde dentro da institución?
– AR: Con respecto ao da academia, aínda non entrei. Efectivamente, xa teño un pé dentro. Foi unha decisión complicada e difícil. Xa o teño dito nalgunha ocasión, non son persoa de institucións. Son estruturas ás que non son moi dada. Vaia por diante, eu agradezo moito a consideración dos membros da Academia, mais resultoume difícil. Non obstante, ao mesmo tempo considero que as institucións culturais son necesarias. O país necesita de institucións culturais permeábeis que se fagan cargo das súas urxencias sociais e culturais. Nese sentido, iso comprométeme no senso en que todas e todos por activa e pasiva somos responsábeis de como se desenvolve o sistema. Descoñezo a institución por dentro, non sei como é, que dinámicas establece, como se traballa dentro, que se pode facer… Tentarei ser honesta comigo mesma. (…)
– A: Ao longo destes anos, pensas que este abandono da cuestión social acusouse moito na área de cultura?
– AR: Eu podo explicar o que vivín desde o Diario Cultural. Nós fixemos un exercicio de resistencia. O programa foi pasando por moitas épocas, foi reinventándose e reformulándose constantemente en función tamén dos recursos dos que dispuña. Estes foron reducíndose e minguando co paso dos anos. Ás veces é moi difícil desenvolver un traballo cultural cunha merma de espazo, medios e recursos. Nós desenvolvemos o traballo nesas circunstancias, e tamén é certo que cando hai que aplicar recortes por cuestións de orzamento, a cultura é dos primeiros sectores en se resentir. (…)
– A: Desde a organización do premio valoraron o teu compromiso social, que tamén se filtra a través do teu compromiso feminista. A cultura, a música e o propio xornalismo son territorios moi masculinizados.
– AR: Unha cousa é a participación das mulleres nos distintos ámbitos sociais, que é unha cuestión de xustiza social e equidade. Outra cuestión, a que me interesa, é o feminismo, que o concibo como un proxecto emancipador, de construción de futuro e de alternativa social. Interésame e alimento ilusionada e con expectativas os cambios que os feminismos e as feministas poidan introducir nos distintos ámbitos da vida. Iso é o que máis me interesa. Estamos nun sistema que ten uns mecanismos que funcionan dunha determinada maneira. Ten unhas normas, uns códigos no simbólico, no cotián… que é o sistema patriarcal que eu cuestiono. A min paréceme que é un sistema que se reactiva reformulado con outras aparencias constantemente. Eu creo que, nese senso, hai que estar moi vixiantes e moi atentas porque obviamente hai moitos avances, aí está o 8M do ano pasado, mais hai unha reactivación do sistema reformulado baixo outra aparencia mais que segue aí. Por exemplo, os asasinatos das mulleres é unha fenda social. Cada asasinato abre un abismo social que nos implica a todas e todos. É unha fenda na nosa liberdade e dignidade colectiva como sociedade. É un estado de agresión constante no que vivimos desde o simbólico e xa non só nas violencias e agresións. Estamos vivindo nunha especie de disfunción, porque por un lado temos os discursos de corrección mais por outro lado é un territorio de barbarie. (…)”

Ana Romaní: “Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos”

Entrevista de Daniel Salgado a Ana Romaní en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que significa obter o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio de Cultura?
– Ana Romaní (AR): Foi unha sorpresa moi emocionante, realmente. Sobre todo polo momento en que chega. Dalgún xeito este premio ten un certo efecto reparador. Ás veces os premios teñen unha dimensión diferente en función do momento en que chegan. Neste sentido é para min reparador e gratificante, e ao mesmo tempo toma unha dimensión colectiva que me parece moi interesante e que me resulta moi grata.
– SG: Coincide coa desaparición do Diario Cultural tal e como existía. É un contraste gráfico: a emisora pública de radio rebaixa o seu traballo e, ao tempo, vostede é recoñecida profesionalmente no exterior.
– AR: Non sei que considerou o xurado á hora de valorar e de decidir o premio. Non sei se entrou esta cuestión no debate ou é casual. Pero a lectura que eu fago si ten esa dimensión colectiva. A situación actual, con toda a mobilización de #DefendeAGalega ou os Venres Negros, coloca no centro o debate sobre a función social do xornalismo. E é moi importante que traballadoras e traballadores da CRTVG formulen neste momento a necesidade de considerar e valorar a función social do seu labor e dos medios públicos. Os xornalistas ou o xornalismo non debe esquecer nunca esa dimensión social do seu traballo.
– SG: Esa reflexión sobre a función social tamén atinxe os medios privados?
– AR: Claro. Creo que nós como profesionais temos que estar sempre moi vixiantes. Que facemos? Para quen o facemos? Que función social está a cumprir? De quen é cómplice ou non o que facemos? Cómpre unha análise continua do propio labor. Dalgunha maneira esa función social da CRTVG está detrás destas mobilizacións e é, na miña opinión, moi relevante non só para os medios públicos, senón para os medios en xeral e para a sociedade.
– SG: Que papel deben cumprir os medios públicos de comunicación respecto da cultura?
– AR: Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos. É dicir, ir máis alá de ser medios en galego para se converteren en medios galegos. Con modelos propios, paradigmas propios, sobre o que significa a información e a comunicación nun país. Axendas propias, modelos propios e diferentes. E isto tamén é necesario na información cultural.”