Ourense: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Álvaro Cunqueiro xornalista

O venres 29 de abril, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro xornalista, antes e despois de 1936, a cargo de Xesús Alonso Montero. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

Lectores Galegos en Bos Aires: V Ciclo de literatura galega en 2011

O V Ciclo de literatura galega dos Lectores Galegos en Bos Aires celebrarase no Café Tortoni de Bos Aires, estando especialmente dedicado á prensa galega, percorrendo unha serie de tópicos sobre os que a literatura galega semella volver unha e outra vez, pero agora dende outro espacio: a prensa. Analizaranse e debateranse a realidade da lingua, da cultura, do territorio, da memoria, ou da identidade sobre a base dun feixe de artigos e entrevistas xornalísticos publicados por autores galegos. Este é o cronograma de encontros:

19 de marzo, 16:00 horas: Análise do artigo Galicia contada a un extraterrestre, de Manuel Rivas.
16 de abril, 16:00 horas: Conferencia sobre Xornalismo e Literatura, a cargo de Mariela Sánchez.
30 de abril, 15:00 horas: Conferencia aberta sobre Xornalismo Periodismo en Galicia, a cargo de Víctor F. Freixanes.
21 de maio, 15:00 horas: Conferencia sobre Bilingüísmo, diglosia e linguas minorizadas. O caso arxentino a cargo de Mariana D’Agostino, e Historia da lingua galega: da ‘doma e castración’ al plurilingüísmo, a cargo de Andrea Cobas Carral.
25 de xuño, 16:00 horas: A lingua na prensa – Parte II.
13 de agosto, 15:00 horas: A terra na prensa (territorio e historia).
17 de setembr, 16:00 horas: A cultura na prensa (territorio e historia).
1 ou 8 de outubro, 16:00 horas: (A Confirmar). Conferencia de Dolores Vilavedra.
15 de outubro, 16:00 horas: A emigración na prensa – Parte I (quen somos, como somos e donde estamos), a cargo de Antón Rey.
12 de novembro, 15:00 horas: A emigración na prensa – Parte II (como nos ven e como nos vemos nós), a cargo de Claudia Amigo.
10 de decembro, 15:00 horas: A identidade na prensa. Presentación do Ciclo 2012.

Xosé María Lema Suárez gaña o XV premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela

Xosé María Lema Suárez ven de gañar a XV edición do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela que organiza a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada por cinco artigos publicados nos medios El Correo Gallego, Xonal de Galicia, La Voz de Galicia e Música na Noite. O xurado, conformado por Nuria Campos, Valentín García Gómez, Miguel Ramón de la Calle, Luis Reimóndez e José Manuel Bouzas, valorou dos artigos de Lema Suárez “a defensa da lingua galega como definitoria da identidade e valor fundamental da nosa cultura”. O autor recibirá o galardón no marco da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar o vindeiro 17 de setembro.
Vía Fervenzas Literarias.

A Coruña: presentación do libro Níxer, de Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa, Moustapha Bello Marka

O acto, que contará coa participación de Alfonso Costa, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval, Isabel Iglesias e Manuel Bragado, terá lugar o vindeiro martes, 1 de xuño, ás 20:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12) da Coruña.

Ourense: presentación do libro Níxer, de Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa, Moustapha Bello Marka

O acto, que contará coa participación de Alfonso Costa, Camilo Franco, Francisco Fernández Naval, Isabel Iglesias Santos e Manuel Bragado, terá lugar o vindeiro mércores, 26 de maio, ás 20:15 horas no Liceo de Ourense (Lamas Carvajal, 5, Ourense). Organizado por ACCIÓN CONTRA A FAME, O LICEO DE OURENSE e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA.

Miguel Anxo Murado no III Encontro Cidade da Coruña

Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o mércores día 28 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”. O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, e acollerá a Hélia Correia (5 de maio), Alberto Manguel (11 de maio) e a Xavier P. Docampo (19 de maio). Autor galego dunha prolífica obra narrativa, poética, ensaística e dramática, Miguel Anxo Murado cubriu como xornalista as guerras de Croacia e Bosnia e mais a Segunda Intifada Palestina. Durante as súas estadías en Oriente Medio traballou como oficial de prensa das Nacións Unidas, asistindo ao goberno palestino e, máis tarde, como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo, xermolo dos volumes Fin de século en Palestina, A segunda Intifada ou Ruído. Presentará ao conferenciante Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.