Artigo de Xoán Costa en Sermos Galiza:
“Foi Manuel Lourenzo o primeiro en optar por unha representación galega de Macbeth, en Ribadavia en 1975 e na Coruña. A tradución, feita polo propio Manuel Lourenzo, non se publicou mais consérvase na Biblioteca Arquivo Francisco Pillado Mayor da UDC.
A representación da Coruña contou cun cartaz de Luís Seone en impresión de Moret. A representación correu a cargo do Teatro Circo, o primeiro grupo galego de teatro independente.
Antes disto Galiza coñeceu Macbeth noutros formatos. Primeiro, en maio de 1857, a través da ópera de Verdi. Cóntao El Iris de Galicia en breve anuncio que tamén indica que é a primeira vez que se representa en Galiza esta peza que se estreara dez anos antes en Florenza.
Con máis atraso aínda chegou a Galiza o Macbeth de Orson Welles. O filme, do ano 48, non foi referenciado na prensa da Galiza até 1963 e non entra na carteleira até 1970.
Si tivo moita repercusión na prensa galega a noticia, procedente de Lisboa, do incendio que arrasou o Teatro Nacional en decembro de 1964 durante unha representación de Macbeth, acentuando así un certo ar de maldición, fatalidade e supersticións teatrais asociadas desde o século XVII á obra. Nen a elas foi alleo Manuel Lourenzo.”
Aberto o prazo para enviar orixinais ao II Certame Literario de Relatos Curtos de Crecente
O 3 de agosto finaliza o prazo para a presentación de orixinais ao II Certame Literario de Relatos Curtos de Crecente, organizado polo Clube de Lectura da localidade. Toda a información aquí.
Miguel Sande gaña o Premio de Poesía Afundación
Desde Sermos Galiza:
“O xurado da XVII edición do Premio de Poesía Afundación nomeou como gañador o xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, co seu poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta. O Premio de Poesía Afundación, convocado por esta entidade xunto co Centro PEN de Galicia, contou con 30 obras inéditas apresentadas a concurso.
A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela, o escritor Xabier Castro Martínez e o presidente do Centro PEN Luís González Tosar; tivo lugar ás 18:30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela da cuarta feira 17 de xullo.
O xurado puxo en valor o feito da obra estar “escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, mais tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas”. Ademais, o propio xurado tamén resaltou que a expresión poética está plenamente lograda “nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética”.
As persoas compoñentes do xurado destacaron así mesmo como o autor “constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecábel, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado”.
Pedro Otero, director xerente de Afundación, e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta, participaron do acto de entrega de premios e parabenizaron Sande por gañar o premio de poesía e pola súa calidade. (…)”
Ledicia Costas: “Infamia é un libro que se constrúe de xeito paralelo ás noticias máis duras, pero nel tamén hai ocos para a luz”
Desde Xerais:
“O programa Mediodía Cope Vigo, da Cadea Cope, emitiu unha entrevista coa escritora Ledicia Costas sobre a novela Infamia, libro publicado por Xerais na colección Narrativa. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón.”
Xabier Paz: “Un dos fíos importantes da vida de Galileo foi a súa relación coas mulleres”
Desde Xerais:
“O programa Con voz de, de Radiovoz, emitiu na súa sección A noite necesaria unha entrevista con Xabier Paz sobre o libro: Galileo no espello da noite, publicado por Xerais. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón.”
Comeza a XXXV MIT de Ribadavia
Desde Erregueté:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comeza hoxe oficialmente a súa trixésimo quinta edición, despois de que onte comezase oficiosamente co obradoiro visual de Irene Cantero na igrexa da Madalena e coa compañía de teatro afeccionado da vila Teatro do Vilar, que, pola noite, inaugurou as funcións no Auditorio do Castelo coa obra Aspirina para dous.
A partir de hoxe poderán verse na vila do Ribeiro un total de 24 espectáculos de cinco nacionalidades distintas. Ademais, poderase participar nun programa de actividades paralelas que inclúe obradoiros, coloquios con artistas, mesas de debate e presentacións.
Entre os espectáculos máis esperados desta edición está a estrea da nova produción de Chévere, Curva España, Amarillo, dos mexicanos Teatro Línea de Sombra, ou Jauría, o espectáculo de Kamikaze realizado a partir das transcricións do xuízo realizado a “La Manada”.
O circo terá un protagonismo destacado nesta edición con espectáculos como Orquestra de malabares, de Pistacatro; Oh!Limpiadas, de Sincronacidas –obra galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa en FETEN 2019–, ou o espectáculo da Compañía de Circo “eia” inTarsi, Mellor Espectáculo Revelación nos Premios Max 2017, unha obra que aborda o tema das novas masculinidades, outro dos eixos temáticos do programa deste ano.
A 35ª edición da MIT, ademais, renderá unha homenaxe a Ernesto Chao que, xunto coa celebración do 50º aniversario de Abrente, terá lugar o sábado 27 ás 20:00 no Salón de Actos da Casa do Concello.
Máis información e programa completo da 35ª MIT de Ribadavia, aquí.”
A Esgueva, Madarnás, O Carballiño: XI Festa da Palabra na Insua dos Poetas
Melide: presentación de Rente ó mar, de Antonio Vázquez Tierra
Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Lourdes Maceiras
Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria con Lourdes Maceiras, celebrado o pasado 29 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías realizadas por Ángel Segovia).