Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega elixiu a María Dolores Sánchez Palomino, no pleno ordinario celebrado o 17 de novembro, académica de número. A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña, investigadora de prestixio internacional no ámbito da lexicografía e membro correspondente da RAG dende 2004, dirixe na actualidade a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego, que pasará a ofrecerse proximamente en liña. Ocupará a vacante producida tras o pasamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat o pasado 29 de decembro. Na xuntanza dese martes acordouse tamén que o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, adiado por mor da pandemia, se celebre o próximo mes de decembro se a situación sanitaria o permite.
María Dolores Sánchez Palomino dirixe dende 2012 a Rede de Lexicografía RELEX, na que participan máis dun cento de investigadores de quince grupos de países como España, Francia, Alemaña, Italia ou Sudáfrica; e dende 2011 veu impartindo docencia no European Master of Lexicography, EMLex, organizado por un consorcio internacional de universidades e merecedor dunha mención Erasmus Mundus. É tamén unha das redactoras do Dictionnaire Étymologique Roman e nestes momentos codirixe o proxecto de deseño e posta en marcha do Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega, no que participan investigadores das tres universidades galegas, e das de Zürich (Suíza) e Leipzig (Alemaña).
A académica electa comezou a colaborar co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega en 1990. Dende entón, cooperou na elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega, e foi redactora do Diccionario da lingua galega da RAG e o ILG (1990) e do Diccionario da Real Academia Galega (1997). É académica correspondente dende 2004 e participa de maneira continuada na revisión e actualización do DRAG, dispoñible en liña dende 2012.
Ao longo da súa carreira, María Dolores Sánchez Palomino dirixiu e participou noutros proxectos lexicográficos de ámbito autonómico, estatal e europeo, e foi autora dun alto número de publicacións e contribucións relevantes non só nesta especialidade, senón tamén no eido da dialectoloxía e da literatura galega e románica en xeral.
A celebración do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero foi outro dos asuntos abordados no pleno ordinario deste martes. Se a situación sanitaria o permite, terá lugar na primeira quincena do mes de decembro, segundo o acordado.
A sesión que, segundo é tradición, debía desenvolverse o pasado 17 de maio, tivo que ser adiada por mor das restricións vixentes durante o primeiro estado de alarma. A homenaxe tampouco puido ter lugar na nova data fixada, o 31 de outubro —cadrando co 110 aniversario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero—, pola repunta de casos de coronavirus nas sete cidades galegas e as medidas adoptadas polas autoridades sanitarias.”
Cervo: presentación de Madialeva, de Ana Moreiras
Vigo: presentación de Pangalaica. Recortes poderosos, de Xurxo Souto, o 27 de novembro
Bases do III Premio Laudamuco para textos teatrais
A Coruña: actos arredor de Zona a Defender, de Manuel Rivas
Francisco Valeiras, Quico, gaña o XXXIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Vídeo da presentación de O meu avó e o queixo, de María Reimóndez
Afonso Becerra, novo presidente da Revista Galega de Teatro
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Revista Galega de Teatro, ‘Erregueté’, ten nova directiva. Afonso Becerra como director; e Ana Abad como vicedirectora.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Esther Carrodeguas: “Tiven que vomitar o poemario Malcriada porque as experiencias das mulleres Xiada me estaban afectando”
Entrevista a Esther Carrodeguas en no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Malcriada parte da experiencia dun taller de teatro coa asociación Xiada de empregadas do fogar e converteuse nunha proposta poética e dramática sobre o mundo das empregadas do fogar. Sther Carrodeguas acaba de gañar o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de público adulto por República Sideral. E ademais, a Sther Carrodeguas, actriz, anda polos escenarios galegos coa comedia ‘Feminissimas’, dirixida por Xabier Castiñeira.
A entrevista pode escoitarse aquí.”






