Xurxo Souto: “A maior proba de que A Coruña e Vigo son iguais é que Caballero crese Paco Vázquez”

Entrevista a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Como é a súa nova obra [A gran travesía de Chiruca Macallás]?
– Xurxo Souto (XS): É un libro, e o digo con toda humildade, diferente. Porque fala do mar e as mulleres son todas protagonistas. No mar, as mulleres sufren unha dobre invisibilidade: porque é un mundo esquecido e máis pola condición de mulleres. Neste caso Chiruca, a protagonista, é patroa do Gran Sol. A maquinista tamén é unha muller. E reivindico o traballo de redeiras e mariscadoras. E mesmo os mitos do mar están contados en clave de muller.
– LO: Outro elemento diferente é que na novela A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Por que?
– XS: É un pouco provocador pero desde os ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Para un barco que cruza o Atlántico, é o mesmo atracar nun peirao ou noutro. O que ocorre é que unha rapaza de Coia non sabe onde queda Labañou e un de Labañou non sabe o que é Teis. (…)
– LO: Con que obxectivo?
– XS: Co de reivindicar a unión emocional entre Vigo e Coruña.
– LO: Haberá lectores que non o entendan ou lles sente mal?
– XS: Non creo. Levamos moito tempo facendo chistes de Vigo e A Coruña e está ben que o fagamos porque é moi divertido. Pero o certo é que en Vigo están desolados porque o Deportivo está en Segunda División e non hai derbi. Realmente é algo superficial e alentado quizais por políticas localistas. Pero non serve para nada esa rivalidade. O día en que as dúas cidades máis importantes en número de habitantes de Galicia comecen a colaborar poderemos cambiar a realidade. (…)”

Amauta Castro obtén a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

“Amauta Castro (pseudónimo literario de Rafael X. Muñoz Castro), nado Euskadi en 1981, obtivo a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Amauta Castro, titulado A tarde. O desacougo de entre 34 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
O autor galardoado é poeta e tradutor. Di que naceu en Euskadi por accidente, fillo dunha galega e un andaluz emigrados na marxe esquerda do Nervión. Criouse en Vigo pero, en 2004 emigra por razóns de traballo a Salt (Girona) onde actualmente reside. Participou en diversas publicacións colectivas e antoloxías como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Andar21, O Ollo Público, O poliedro da soidade ou a Revista Ligeia. Ten colaborado co suplemento “Altermundo” de Galicia Hoxe. Levou a súa voz a diversos festivais e acción poéticas coma o “X Festival de Poesía a les Caves” (Sant Sadurní d’Anoia) e o “Proxecto Catalitzador 2013” (Barcelona). En 2017 resultou gañador do XXXI Certame de Poesía Rosalía de Castro.
A entrega do premio terá lugar o próximo sábado 17 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Manuel Forcadela, Berta Dávila e Míriam Ferradáns.”

Bases do XIV Premio de Narración Curta Concello de Curtis: “Reto literario: vacas, un tren e zombis”

“Na convocatoria deste ano a temática é “case” libre. Cóntanos o que queiras, pero no teu relato terán que aparecer: vacas, un tren e… zombis! É un RETO LITERARIO! Anímate!

BASES DO CERTAME DE NARRATIVA CURTA DO CONCELLO DE CURTIS
“RETO LITERARIO: VACAS, UN TREN E ZOMBIS”

1. Convócase o XIV Premio de Narración Curta do Concello de Curtis “RETO LITERARIO: VACAS, UN TREN E ZOMBIS”.
2. Os traballos presentados deberán estar escritos en lingua galega.
3. Os textos deberán ser orixinais, inéditos, e non premiados en ningún outro certame.
4. Deberán enviarse escritos en formato Word e cunha extensión comprendida entre os 3000 e os 5000 caracteres (espazos incluídos).
5. Enviaranse á seguinte dirección de correo electrónico: relatoscurtis@gmail.com
Achegarase no documento de Word unha última folla que conteña unha copia do DNI, enderezo, teléfono de contacto, e a categoría á que pertence.
6. A data límite de entrega é o 20 de abril de 2019.
7. Establécense dúas categorías:
A- Alumnado dos centros de ensino a partir dos 12 anos
B- Dos 18 anos en diante
E dous premios en metálico para cada categoría:
Categoría A:
1º premio de 200 euros.
2º premio de 100 euros.
Categoría B:
1º premio de 350 euros (suxeitos ás retencións fiscais correspondentes).
2º premio de 150 euros.
8. Os traballos que non cumpran as presentes bases quedarán fóra de concurso.
9. Os premios estarán suxeitos a retención oportuna que resulte da aplicación da lei vixente en materia de rendas de persoas físicas no momento da súa concesión.
10. O xurado, que estará composto por membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura, resérvase o dereito de outorgar un premio compartido en calquera das categorías se así o considera.
11. Os traballos premiados pasan a ser propiedade do Concello de Curtis, que se reserva o dereito de publicación a través dos medios que considere oportunos e sen afán de lucro.
12. Convidarase ós/ás premiados/as ó acto de entrega que terá lugar no mes de xuño, e no que se agarda a súa asistencia ou a dunha persoa autorizada.
13. A presentación das obras supón a aceptación destas bases.

Para calquera dúbida, escribir ó correo electrónico do certame: relatoscurtis@gmail.com ou chamar ao 651046603.”