“Nacho Taibo, o Ulises galego”

Entrevista a Nacho Taibo en La Opinión:
“Nacho Taibo conserva intactas no corazón as ilusións, as utopías, a inxenuidade e a fantasía da nenez que tantos perden ao medrar. Ainda soña cunha máquina do tempo que o leve á idade dos gregos e os romanos. Un dos seus libros, Informe Bestiario, tiña un protagonista inspirado no Ulises de Homero, que podería ser un trasunto do autor, un heroe que tras anos viaxando e vivindo aventuras polo mundo mantendo incólume a integridade e a fidelidade a sí mesmo regresa á súa terra e é recoñecido. Se hai unhas semanas era homenaxeado pola comunidade escolar do instituto Neira Vilas de Perillo en Oleiros, onde deu clase de Lingua e Literatura Galega dende que se puxo en marcha o centro e ata a súa xubilación en 2014, un cuarto de século, o vindeiro sábado será honrado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
“É moi de agradecer”, di con sinxeleza Taibo, que lembra a emoción que lle causou que lle puxesen o seu nome a unha aula do instituto. Unha desas historias que pechan un círculo de vida dase no feito de que a persoa que fará a laudatio na homenaxe, Inmaculada Otero, ademais de escritora e a profesora que o substituiu no Neira Vilas cando se xubilou, foi alumna súa. “Éncheme de orgullo, satisfacción e responsabilidade”, apunta. O autor era fillo de emigrantes e naceu en Madrid e alí viviu case trinta anos. Falaba castelán. Pero nunca se sentiu madrileño, levaba Galiza no corazón. Pasaba os verán na Coruña e en Oleiros e elixiu falar e escribir en galego.
“En Madrid coñecín a Celso Emilio Ferreiro, do que eu era fan absoluto. Estaba a traballar en Antibióticos S. A. Levoume Isaac Alonso a coñecelo, eu era un rapaz que compraba todos os libros del. Era encantador, nada engreído”.
Taibo comezou a estudar enxeñaría naval pero despois fixo Socioloxía. Traballou tres anos nun banco. “Sumábamos cantidades que xa sumara un departamento e despois de nós outro departamento as sumaba. Alí tiñas que botar a imaxinación a voar porque non tiñas outra saída”. Cando deixou o banco fixo, como sociólogo, as enquisas para as primeiras eleccións democráticas e constatou “a enorme diferenza de actitude, de comportamento, entre a xente da costa e a do interior, máis retraída”.
Deixou Madrid e veu a Galiza e comezou a impartir clase en varios centros educativos. En Oleiros viviu gran parte da súa vida e no Neira Vilas deixou unha fonda pegada. Compaxinou o seu labor docente coa súa paixón pola escritura, que o levou a publicar o primeiro libro en 1975, Os inmortais. A súa obra foi lectura obrigada nos centros educativos e foi Premio da Crítica Española no 78. A Ponliña Irlandesa, A Semancia, Homes de ningures, son outros dos arredor de vinte títulos deste mestre. A súa última obra publicada foi Os tres de nunca en 2016.
Este narrador, que le varios libros en distintos idiomas ao mesmo tempo, garda moitas historias inéditas, listas para que as colla unha editorial. Entre elas unha novela de amor, a primera que escrebe. Recoñece que o seu compromiso co galego e a súa escrita non comercial non o axudou á hora de difundiar a súa obra.
“Eu sigo escribindo case todos os días, necesito escribir porque o paso ben. Alguén dixo que escribimos porque non somos felices, pero eu agora son feliz e teño que escribir. Agora tendo a simplificar o estilo, antes era máis rebuscado. Non era nada ou pouco comercial. Eu non pensaba no lector nunca, a miña visión é que cando escribo quero ser eu”, explica.
O compromiso coa lingua é un piar na vida de Nacho Taibo e ve con pena un “panorama moi negro” en Galiza. Conta de amigos que se pasaron ao castelán. “Hai un declive continuado. As autoridades galegas teñen un discurso triunfalista pero ocultan deliberadamente que cada vez se fala menos. E se edita menos porque non se subvenciona. O meu último libro non entendo como Xerais mo aceptou porque era un risco. Até o bipartito había subvencións á edición en galego, a Xunta compraba o 10% da edición, pero quitáronse. Falta unha aposta decidida pola cultura galega escrita. Curiosamente, eu de novo en Madrid oía chistes sobre os galegos e o seu acento, e agora alí din que o clima é estupendo, que a xente é encantadora, que xa o era antes, que o galego é marabilloso, que en Galiza se vive de marabilla. Non sei a que se debe este cambio”.
O escritor destaca o mérito das editorais por publicar en galego a pesares de todos os atrancos. E quítase importancia ao falar do mérito de xente que partindo do castelán elixe o galego para sempre. “Antes eu tiña a visión de que vou escribir para cambiar o mundo. Agora, que cos meus escritos estou axudando á lingua, non poría a man no lume. Quizais mellora a lingua dos que len, pero que axuda a consolidar o galego, en pleno declive, dubido”.
O sábado será o Día de Nacho Taibo. Ás 11.30 en Santa Cruz descubrirase un monolito e plantarase un carballo na súa honra e despois no castelo recibirá a Letra E da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Haberá discursos do autor, do alcalde e de responsables da asociación, antes dun xantar de confraternidade na terra do Ulises galego.”

Noites de safari de Marleen Malone, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Faltar faltan textos narrativos eróticos no noso sistema literario e, de poñernos lilás, faltan textos narrativos eróticos galegos escritos por mulleres conscientes e reclamantes dunha sexualidade digna e en clave de xénero, é dicir: textos conacentristas. Se ben algunha editora fai o seu esforzo (Positivas dá ao prelo cada dous anos o resultado dun certame adicado á temática), en poesía estamos servidas. Case non nos damos remexido entre a profusa produción poética que hai arredor da fame ou da vida dos nosos abaixos en verso libre e isto contraponse coa xa pesadísima imposición narrativa dos abaixos deses señores que se despepitan para ensinarnos como escribir e mesmo tamén como escribir sobre o que nos ferve no lugar de ebulición (e non falo do cerebro, nin das musas, nin nada diso que entra en efervescencia no momento de escribir).
Son moi escasas as señoras narradoras que deciden escribir de xeito desinhibido sobre (o seu) sexo e erotismo e, se cadra, isto é debido aos prexuízos que sempre se dan sobre a obra feminina: o autobiografismo. Todo o que sae ao público asinado con nome de muller será rigorosamente filtrado por unha tendencia biográfica onde parte do narrado ten que devir de parte do vivido como se non soubesemos ficcionar. E así, calquera fala de como lle gusta –ou non, o asunto-.
Se cadra é por iso que Iolanda Zúñiga sae a medias con Marleen Malone nisto das gañancias do seu Noites de safari. E na responsabilidade de se todo falla. Porque de lelos, estes libros deberían lerse en horizontal e cunha soa man e non consultando a foto e a biografía e a Wikipedia da autora e, se cadra buscar o anonimato dun alias refrenda ese noxo que sentimos nosoutras cando ficcionamos e desde a crítica tratan de retratarnos domésticamente.
Noites de safari é un libro de relatos e máis un libro de caza. Un tratado de fauna de costumes nocturnas. Tamén un “espello de príncipes”, ese manual medieval de conduta que empregaba a fábula para adestrar futuros señoritos, retratando un xeito concreto de actuar para logo dicir: así non.
Zúñiga ou, mellor dito, Malone desmárcase do erotismo autocompracente e sensual onde algunhas autoras volven colocar as súas protagonistas embaixo dos depredadores sexuais ou tratan de achegar unha conduta sexual propia que é pouco menos que incrible e idealizada. (…)”

Paseo Literario por Compostela. Xuño 2018 (María do Cebreiro)

Os Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago.
Trátase dunha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

As inscricións, gratuítas, poden realizarse no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, indicando o nome, apelidos, un teléfono de contacto, e o(s) Paseo(s) ao(s) que se quere asistir.

Estes son os paseos previstos:

Xoves 14 de xuño, ás 18:00 h.
A cidade das augas, con María do Cebreiro.
Punto de partida: Ponte Vella do Sar.