Xulio Amigo toma o relevo de Bragado no Culturgal
Desde Sermos Galiza:
“Xulio Amigo será o novo presidente de Culturgal. Asume o cargo en substitución de Manuel Bragado, que dirixiu a asociación responsábel da feira das industrias culturais entre 2014 e este ano. Amigo é, ademais, o director comercial da emblemática Editorial Galaxia.
En Culturgal intégranse a Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), a Asociación Galega de Empresas Musicais e a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (Eganet).
Xulio Amigo xa exercera a presidencia de Culturgal con anterioridade. En declaracións que recolle o comunicado que anuncia o seu novo cometido, explica que “nas dez edicións anteriores se logrou construír unha marca de enorme valor, atraer e comprometer o público e consolidar un equipo de traballo cualificado e implicado”.
A décimo primeira edición de Culturgal celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.”
En defensa da cultura e lingua catalás. En defensa dos dereitos cívicos
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tras este 23 de abril e unha Diada de Sant Jordi que non gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.
Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade. De por parte, vén de vello a celebración de encontros galeuscanos, isto é, a colaboración permanente entre escritoras/es das literaturas galega, catalá e basca, que desexamos non se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira.
A día de hoxe, seguen en prisión preventiva persoas que unen á súa condición de representantes públicos cataláns a súa actividade como escritores e escritoras. Asemade, noutros casos, xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresamos a nosa preocupación por esta situación, e a nosa solidariedade con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal. Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes.
A AELG agarda que triunfen a palabra e o diálogo ‒alimento da literatura‒ e remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, que é alicerce imprescindíbel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo. A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral.
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
24 de abril de 2018
Fallo do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil
Reunidas en Pontevedra o 23 de abril de 2018, día internacional do libro e dos dereitos de autoría, o xurado do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por:
– Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno
– Andrea Martínez, alumna do IES Torrente Ballester
– Carme Hermida en representación do Concello de Pontevedra
– Montse Pena Presas, experta en LIX
– Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora,
considerou como gañadora por maioría dos votos a obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, pola fortaleza dos personaxes femininos dotadas dunha afouteza optimista e sen creba, a introdución do bestiario máxico galego nun contexto histórico e, no entanto, dotado de modernidade e a mestría con que tece con precisión a linguaxe nos novelos da maxia.
Unha vez aberta a plica o autor resultou ser: Antonio Manuel Fraga.
Asemade o xurado considera finalistas e recomenda a súa publicación as obras presentadas cos seguintes lemas:
“Be Water”
“Irmá Paxaro”
Xs autorxs destas obras poden poñerse en contacto coa editora en info@urcoeditora.com
Queremos agradecer ás 31 persoas que participaron na primeira edición do premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil pola calidade das obras presentadas.”
Ferrol: presentación do número 2 da revista Follas Novas
Compostela: contacontos-obradoiro A brétema, de María Victoria Moreno, con Eli Ríos e Andrea Jamardo
Pontevedra: presentación do documental María Victoria Moreno, galega por amor
Ferrol: recital de Lois Pérez e Rosalía Fernández Rial na Semana de Poesía Salvaxe
A Coruña: primeiro pase público de Versogramas
Compostela: presentación á prensa de De Gres a Cádiz, de Xosé Neira Vilas
O xoves 26 de abril, ás 12:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes), en Santiago de Compostela, preséntase á prensa De Gres a Cádiz, novo volume da Biblioteca Neira Vilas da Editorial Galaxia. Alí estarán Dolores Vilavedra e Luís Reimóndez, editores do libro, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.