Fallo do Certame de Microrrelatos Día do Libro 2019

“O 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.
O xurado, que estivo formado, por:
Armando Requeixo, escritor e crítico literario.
Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.
Ánxela Gracián, escritora e tradutora.
Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).
– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).
Determinou os seguintes premios:

– CATEGORÍA INFANTIL:
1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia.
2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico.
3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz.
– CATEGORÍA XUVENIL:
1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva.
2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción.
3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo microrrelato A pantasma.
– CATEGORÍA ADULTOS:
1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa.
2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio.
3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno.

A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.”

Porriño: actividades destacadas do 10 de maio na Feira do Libro 2019

O 10 de maio continúa a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de libro Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación de libro A formiga no carreiro, de Raquel Castro, publicado por Galaxia.

Olga Novo: “Hai persoas que realizan actos de poesía aínda que despois non escriban un só poema”

Entrevista de Daniel Salgado a Olga Novo en Sermos Galiza:
“A Feliz Idade (Kalandraka, 2019) da poeta Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é a da creación. A da creación humana e a da creación poética. Salmo vitalista e pregaria pola liberdade, composicións que cantan á materia e cantan á memoria, salutación aos outros, funde poesía e amor. “como o útero me medra / ata alcanzar a dimensión exacta / da poesía”, escribe en Premontaña. “Que toda herdanza sexa a do amor e non a propiedade”, afirma na Carta limiar que endereza á filla acabada de nacer. Novo explica a Sermos Galiza o contexto e as forzas que operan no seu quinto libro de poemas. Eis un extracto da entrevista publicada no semanario en papel.
– Sermos Galiza (SG): É difícil preguntar sobre unha poesía tan afirmativa como a súa.
– Olga Novo (ON): Desde logo, é unha poesía afirmativa, porque é a poesía dunha muller autoafirmada. Eu escribo como vivo, dalgunha maneira. Ás veces pregúntanme polos proxectos que teño en marcha e nunca sei que contestar. Porque a poesía, a escrita en xeral, vai nacendo ao mesmo tempo que as experiencias vitais. A poesía xorde na vida. Non teño un proxecto teórico formado, senón que hai creación espontánea. É o sentido dun trallazo, unha concepción un tanto romántica da creación.
– SG: O “fogonazo” que titula a primeira sección do libro.
– ON: Exactamente. Ese fogonazo é en realidade a irrupción da vida, a concepción dun ser e polo tanto un embarazo. E, no fondo, é tamén o fogonazo da propia creación literaria. De feito ao longo de todo o libro dáse esa identificación entre esas dúas creacións. Ao final, non deixan de ser dúas creacións vitais. Ambas as dúas están moi conectadas, son experiencias do propio corpo, da existencia. (…)”

O Centro Dramático Galego inicia mañá en Tui a xira da súa produción Neorretranca e posmorriña

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) arranca a xira da súa produción Neorretranca e posmorriña mañá venres en Tui, onde chega tras unha estadía dun mes na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Esta será a primeira parada no percorrido galego deste espectáculo, que poderá verse tamén en Pontevedra, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo e Vigo.
En concreto, o Teatro Municipal tudense será o escenario da función de mañá, ás 20,30 h., para a que as entradas poden adquirirse de xeito anticipado no web www.culturatui.info, así como no despacho de billetes desde unha hora e media antes de que dea comezo o espectáculo.
Dez actrices poñen en escena as dúas pezas arredor das que se constrúe esta proposta: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A través delas, o CDG ofrécelle ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que é o punto de partida común de ambos os textos.
Este fío condutor compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo. A compañía da Xunta puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Sinopses
A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.
Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.
Dez actrices
Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabel Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.
O resto do equipo artístico tamén é maioritariamente feminino, con Marta Pazos a cargo do deseño da escenografía; Alicia e Lola Dapena (Saturna), do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música orixinal e do adestramento vocal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; Rosa Moledo, da asesoría lingüística, e o Mago Teto, da asesoría de maxia. Ademais, Iria Azevedo traballa na asistencia de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música, e Hugo Torres, de produción.
Neorretranca e posmorriña poderá verse, a continuación, no Auditorio Afundación de Pontevedra (17 de maio, 20,30 h.), no Teatro Rosalía Castro da Coruña (24 e 25 de maio, 20,30 h.), no Teatro Lauro Olmo do Barco (31 de maio, 21,00 h.), no Auditorio Municipal de Rianxo (14 de xuño, 21,00 h.) e no Teatro Afundación de Vigo (5 de xullo, 20,30 h.).”