A Coruña: recital de Pilar Pallarés e Mary Jo Bang no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 13 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Pilar Pallarés e a poeta estadounidense Mary Jo Bang. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2019.

A Coruña: I Festa da Poesía Atlántica Amergin

Compostela: Lecturas en homenaxe a Xabier P. DoCampo, o 4 de xuño

“Neste próximo mes de xuño de 2019 cúmprese un ano da morte do escritor Xabier P. DoCampo.
A A.C. O Galo convídate a participar na homenaxe que se vai celebrar a partir das 17:00 horas do martes 4 de xuño de 2019 na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela.
O Acto consistirá na lectura de textos de Xabier P. DoCampo. Os e as participantes porémoslle voz á súa palabra, evitando calquera tipo de discurso. Ás 19:00 horas haberá unha pequena charla da crítica e máxima coñecedora da súa obra María Jesús Fernández.
A participación da A. C. O Galo, o mesmo que a doutras organizacións participantes, consiste na presenza de asociados e amigos que poidan ler un texto.
Por tanto, precisamos persoas interesadas en participar nesta homenaxe a Xabier P. DoCampo lendo un pequeno texto, para o que debedes anotarvos canto antes, e con data límite o 25 de maio, neste correo electrónico comunicacion@ogalo.gal
Agradecemos que nos indiquedes un tramo de media hora entre as 17:00 e as 19:00 para adxudicar a orde das leituras.”

Porriño: actividades destacadas do 11 e 12 de maio na Feira do Libro 2019

O 12 de maio finaliza a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para esa fin de semana:

Sábado 11
18:30 h. Concerto-presentación de Canta, miña pedra, canta, con Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
19:30 h. Coloquio: Antonio Palacios, patrimonio e historia, con Xosé Ramón Iglesias Veiga e Xosé Ramón Paz Antón

Domingo 12
18:30 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo (Guindastre Edicións). Posterior sinatura de libros na caseta da Secretaría.
19:30 h. Sinatura de libros: Ledicia Costas asina Infamia (publicada por Xerais) e outros libros na caseta da Secretaría.

O Carballiño acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador

Desde Erregueté:
“O Carballiño converterase en epicentro do teatro amador os días 10, 11 e 12 de maio coa celebración do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador no que participan diferentes colectivos de Galicia, Portugal e Castela-León. O evento, que se enmarca dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador –formada pola Federación Galega de Teatro Amador, a Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana/Teia e a erregueté– propón un programa intenso no que a creación se combina con diferentes espazos para a formación e a reflexión.
As representacións teatrais comezarán no Auditorio Manuel María o venres 10 de maio ás 20.30 horas da man do grupo portugués Teatro de Balugas e o espectáculo Pão Nosso, unha peza que aborda de forma poética o ciclo do pan na aldea. O sábado 30 de maio ás 20.30 horas, Latele (Laboratorio Teatral Leonés) tomará o relevo coa presentación de Raíces de Lorca, unha homenaxe a todas as mulleres que nos marcaron a través da historia. Pola súa parte, o domingo 12 de maio ás 17.00 horas, o grupo galego Lohengrín será o encargado de pechar o programa con A mirada das bolboretas, unha peza interactiva para toda a familia na que a música se mestura co traballo xestual.
I Premio Platta de Teatro Breve
O domingo 12 de maio ás 12.30 horas terá lugar a presentación do texto gañador do I Premio Platta de Teatro Breve, que nesta ocasión foi para Morreu a tía María, de Xosé Prada. A peza, editada xunto coas súas traducións ao castelán e ao portugués na colección Cadernos Platta que edita a erregueté cofinanciada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal poderá verse en escena da man das persoas participantes nos obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas que se desenvolven durante o festival.
Dentro da súa actividade de estímulo á creación, á innovación e á mellora da calidade do teatro amador galego, o Fetta conta este ano cun obradoiro de escrita guiado polo dramaturgo Ernesto Is. De igual xeito, coa intención de ofrecer un espazo para a reflexión sobre as artes escénicas e abrir novas perspectivas desde o teatro amador, a actriz Victoria Teijeiro será a encargada de inaugurar a serie de coloquios que este ano se centrarán no tema “Teatro e inclusión”.
A presentación do programa que onte tivo lugar no Concello do Carballiño contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a Presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón e dos directivos do grupo de teatro Tiruleque Xosé Prada e Lydia Almonte.
No acto, Diego Fernández manifestou o “orgullo por acoller este festival que completa a programación municipal na véspera da Semana das Letras Galegas” ao tempo que apuntou que se trata dunha das citas anuais do teatro afeccionado en Galicia. Pola súa parte, Manuel Doval sinalou estar “especialmente motivado por esta presentación que se fai nunha vila tan vinculada ao teatro como é O Carballiño” e aproveitou a ocasión para destacar a colaboración da Deputación cos concellos e asociacións en materia cultural e aplaudir a inclusión no programa dunha obra infantil, dinamizando a formación entre os escolares. Por último, desde a organización animouse a animouse á veciñanza do Carballiño a asistir ás representacións e demais actos do festival organizado desde Fegatea que, como sinalou Chelo Pampillón, traballa por incentivar o teatro afeccionado que é “é un xeito de teatro por amor”.”