Fallo do VII Certame de Poesía Torre de Caldaloba


Desde Culturalia GZ:
“No mediodía deste pasado venres, 15 de novembro de 2024, fallouse o VII Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.
O xurado, integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto, decidiu por maioría de votos emitir o seguinte fallo:
Primeiro premio á obraco pseudónimo Albatros, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, correspondía a Francisco Javier Fernández Dávila (Fran Fernández Davila).
Segundo premio á obra A vasteza do nó, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, pertencía a Rafael Xoán Muñoz Castro (Amauta Castro).
Da obra gañadora o xurado dixo que amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións. Un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non.
De A vasteza do nó, o xurado destaca a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina. Tamén destaca a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de grande acerto literario.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro sábado 23 de novembro no local social de Pino.”

A compañía Elefante elegante estrea novo espectáculo en Alemaña, unha peza baseada na novela Os bicos feridos, de Anna R. Figueiredo

Desde Nós Diario:
“A cidade alemá de Nuremberg prepárase para acoller a estrea de Schmetterlinge, unha produción innovadora que conecta culturas e sensibilidades europeas a través da adaptación teatral de Os bicos feridos, novela da escritora Anna R. Figueiredo.
Este espectáculo está dirixido por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante e estréase no emblemático teatro alemán Gostner Hoftheater de Nuremberg, onde estará en cartel até o vindeiro 7 de decembro.
Schmetterlinge segue a historia de Olivia, unha muller que naceu en Alemaña, filla de pais galegos emigrados. Aínda que vive na Galiza desde os oito anos, regresa ao país onde naceu para traballar como empregada de limpeza na casa e no laboratorio de Lisa, unha médica forense, divorciada e con dous fillos. Un día, Olivia coñece a Samuel, o fillo de Emma, unha actriz e cantante que non logra consolidar unha carreira artística. Samuel suicídase, e Lisa encárgase de realizar a autopsia.
A obra Schmetterlinge, título que significa en alemán Bolboretas, explora temas universais de perda, superación e identidade nunha montaxe cunha linguaxe plástica que evoca a poesía visual. A colaboración entre Elefante Elegante e Gostner Hoftheater é unha oportunidade única para afondar nas complexidades da novela e levala a un novo nivel escénico. (…)”

Ourense: entrega do premio do IX Concurso Balbino de Relatos e presentación de O meigallo dos soños, de Juanjo Lamelas

Crónica videográfica do recital poético-musical celebrado no marco do Bonito pra chover. Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela

Bonito pra chover foi un Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela, con diversas actividades que tiveron lugar durante o mes de outubro e inicios de novembro de 2024. A AELG colaborou con esta actividade, co apoio de CEDRO, no recital poético-musical do 2 de outubro na Igrexa de San Domingos de Bonaval, co seguinte programa:
– Breve introdución musical.
– Saúda de Jakson Renner e Cesáreo Sánchez Iglesias
– Leitura de textos do poeta Jackson Sampaio.
Cesáreo Sánchez Iglesias
Daniel Asorey Vidal
Luiza Fernandes
Uxía
– Interpretacións musicais
Euterpe
Léo Pinheiro

Aquí pode verse a crónica videográfica: