Desde Xerais:
“Con data de 12 de abril de 2018 Manuel Bragado Rodríguez causou baixa como Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia a petición propia.
Manuel Bragado continuará colaborando coas empresas do Grupo Anaya en Galicia como asesor editorial polo que seguirá vencellado á nova etapa que se abre a partir de agora.
Xerais agradécelle a profunda e comprometida dedicación destes 28 anos desenvolvendo un proxecto editorial que dinamizou e liderou durante 24 anos.
Todo este tempo supuxo un intenso revulsivo para a proxección social da cultura galega a través dos libros e a lectura.”
Vigo: entrega do Premio Illa Nova 2018
Redrum estrea a comedia Estas aí? no Teatro Colón da Coruña
Desde Erregueté:
“A compañía Redrum Teatro ultima os detalles para a estrea do seu novo espectáculo, Estas Aí? que terá lugar no Teatro Colón da Coruña os días 14 e 15 de abril ás 20:00 h.
Grazas a unha colaboración de residencia artística temporal co Concello de Teo, durante os primeiros días do mes de abril a compañía Redrum Teatro está levando a cabo os últimos ensaios deste novo espectáculo protagonizado polos coñecidos actores Xúlio Abonjo e Isabel Risco e dirixido por Alex Sampayo.
Estas Aí? é unha comedia que narra os desencontros dunha parella que se muda a un novo apartamento habitado por un personaxe invisible que lles fará desesperarse coas súas trasnadas. Mentres están a superar a sorpresa e buscan a forma de convivir co inesperado convidado, un feito casual failles cuestionar o seu amor e a forma na que se están relacionando. Durante o proceso descubrirán que, ás veces, as cousas non son o que parecen e que a forma na que nos comunicamos pode construir barreiras ou destruilas. (…)
Despois da estrea na Coruña, o espectáculo xa ten pechadas as primeiras datas da xira, que percorrerá Redondela (21 de abril), Cerdedo-Corobade (29 de abril), Teo (11 de maio), Vilalba (12 de maio), O Rosal (18 de maio), Ponte Caldelas (17 de agosto), Cambre (14 de outubro), A Illa de Arousa (20 de outubro), Ribeira (26 de outubro) e Cariño (28 de outubro).”
Book trailer de A canción de Sálvora, de Antón Riveiro Coello. Realizado por Mirian Otero Sande
Vigo: presentación de Curiosidade, de Estíbaliz Espinosa
A sexta feira 13 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, Estíbaliz Espinosa presenta Curiosidade, publicado por Aira Editorial. No acto, xunto á autora, participa o editor César Lorenzo Gil.
Gondomar: presentación de Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval
Daniel Asorey gaña a II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón
Desde Cultura de Galicia:
“O profesor e escritor Daniel Asorey é o gañador da II edición do Premio de Relato Breve Nélida Piñón, que convocan o Concello de Cerdedo-Cotabade, a Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra. Este ano o certame introduciu a novidade de dous accésits, que lles corresponderon a Rosendo Cid e Xesús Fraga.
O xurado, composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar, a profesora de Lingua Galega e Literatura Malores Villanueva Gesteira e a xornalista e escritora Ana Cabaleiro López, destacou a calidade das obras presentadas e o bo nivel dos relatos que concorreron a esta convocatoria.
O primeiro premio foi para Daniel Asorey pola obra Anatema, da que salientan “a arquitectura da trama” e “unha elaborada estrutura que mantén a tensión ata o final”, así como o equilibrio que sostén o relato. Anatema está situada en Santiago de Compostela, un espazo coñecido ao que o escritor dota “dunha nova dimensión que transcende a realidade”. As paixóns humanas e o gran lirismo dalgunhas pasaxes conforman unha historia trazada con mestría. Profesor de ensino medio, Asorey ten publicados varios relatos e conta xa na súa traxectoria con diversos premios de narración curta, o último o de Narrativa Breve Repsol, co que se fixo no ano 2016.
Pola súa banda, 37 vidas breves deulle ao escultor Rosendo Cid Menor un dos accésits do galardón, por unha narración que recolle a historia dun grupo de persoas de xeito fragmentado, “escintileos de vidas contemporáneas que se cruzan e que dan como resultado achados profundos que obrigan ao lector a reflexionar”, segundo recolle a acta do xurado.
Con Roller Girl, o xornalista Xesús Fraga faise co outro accésit, por “un relato ben trabado a través dunha introspección psicolóxica que aborda temas sociais de interese”. Unha historia “aparentemente mundana”, segundo destaca o xurado, “dotada de intensidade e forza narrativa”. (…)”