Conversa con Manuel Rivas arredor de Contra todo isto
Bases do I Certame de poesía Torre de Caldaloba
Vídeo da presentación do libro Luísa Villalta. Obra dramática completa na Coruña
Xosé Daniel Costas Currás: “As mulleres foron fundamentais na construción de Moaña”
Entrevista
a Xosé Daniel Costas Currás en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): De que vai falar durante o roteiro que guiará por Moaña?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): O roteiro percorrerá Moaña dende o Porto de Pasaxe ata o Concello. Imos ir facendo diferentes paradas centrándonos no mar e na memoria das mulleres, que tanto transformaron o mar e tanto o traballaron: no laboral, no ecolóxico e no xeito de vivir. Ao longo do percorrido irei lendo poemas adicados a mulleres redeiras, mariñeiras a mulleres que venden na praza, mariscadoras, ecoloxistas. Tamén iremos facendo diferentes paradas: no Mercado de Abastos, no mercadiño que se celebra todos os sábados, onda as mulleres que venden produtos do campo,… queremos interactuar coas mulleres de Moaña. Tamén imos parar en puntos que eu considerei que teñen trascendencia, como a estatua dos mariñeiros ou unha rúa do centro, onde lerei un poema adicado a Cándida Lago.
– DP: Vai empregar unicamente poemas seus ou de máis autores?
– XDCC: Eu tíveno fácil, porque collín todos os meus poemas, teño moita produción de textos vinculados co mar e vinculados con mulleres, e coloqueinos nos lugares de Moaña máis acaídos. O meu primeiro libro chámase Conservas e con el acadei o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel falo das conservas e da memoria, tanto miña coma da miña nai e das mulleres que me ensinaron a edificar a miña vida. Hai tamén moita temática das conserveiras da zona de Meira, e aproveitaremos o espazo de Moaña para ver Meira e explicar máis alá do centro da vila outros elementos que son importantes na vida moañesa.
– DP: Vai falar da muller traballadora en xeral ou tamén dalgún personaxe feminino destacado?
– XDCC: Falaremos globalmente da muller como traballadora, pero tamén queremos achegar o próximo. Falarei de mulleres anónimas, pero explicando quen son, que axudaron a construír Moaña. Tamén emprego personaxes que tiveron importancia na vila, que teñen rúas adicadas, que tiveron un traballo ecolóxico ou cultural importante. E tamén falaremos de memoria histórica, a través de persoas que estiveron toda a vida vinculadas ao mar pero que, por diferentes motivos, sufriron o exilio forzado na época da Guerra Civil.
– DP: Moaña non sería o mesmo sen as súas mulleres.
– XDCC: Non. A miña primeira frase en Conservas, está adicada a todas as mulleres que me ensinaron a ser muller. As mulleres son parte fundamental na construción social, marítima e económica de Moaña, porque levan toda a vida traballando na conserva, no marisqueo…, e conseguiron grandes reivindicacións laborais. Son capaces de que o Estado lles recoñeza o seu traballo e poder vivir con pensións dignas. Marisqueiras, redeiras… todas fixeron un gran traballo no pasado e tamén no momento actual, pois hoxe por hoxe está a Asociación de Mulleres de Moaña, que traballa fortísimamente. Temos moi presente como no pasado as mulleres axudaron a construír Moaña. (…)”
Vídeo da conversa O cerne galego da Coruña
O escritor Xoán Neira preséntanos Gaiola aberta
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A obra reúne a poesía infantil que Xoán Neira escribiu nos últimos 20 anos. O libro está publicado en Baía, en edición do crítico literario Armando Requeixo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Moaña: crónica fotográfica do Roteiro Literario con Xosé Daniel Costas Currás
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Moaña, as traballadoras do mar, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018, que dirixiu Xosé Daniel Costas Currás o sábado 25 de agosto. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Poio: lanzamento de Atlantidae, de Adela Figueroa
María Xosé Queizán: “O que non é lingua galega é o que falamos agora, que é crioulo”
Entrevista
de María Obelleiro a María Xosé Queizán en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Ten o recoñecemento que cre que debería?
– María Xosé Queizán (MXQ): Pois si, mais eu non o interpreto como deber, eu fixen o que quería facer. A pesar de todos os inconvenientes eu teño forza e enfróntome con todo, non teño medo. A xente diría que son valente, pero son forte e vital.
– SG: Por que non ten cadeira na RAG?
– MXQ: Como van meter unha persoa coma min aí? Nas estruturas masculinas, nas que apenas había mulleres e nas que segue habendo poucas, as que entran son aquelas que saben que van traballar para eles pero que non van desbaratar a cuestión. É lóxico, entran mulleres, eu non quero chamarlles dóciles nin quero insultar as que están aí, pero evidentemente están porque calan e outorgan, porque na medida en que tivesen outro comportamento, xa non estarían. Pero en todo é así, non só na Academia.
– SG: Vostede é partidaria de empregar grafía portuguesa.
– MXQ: Totalmente. Déronme o premio Lois Peña Novo e estaban alí os do ILG, os catedráticos, os académicos… e falei a gusto sobre a miña teoría, que é evidente. O que había antes era o galego e todo isto que falan de galego-portugues é mentira porque falar diso antes de que exista Portugal… A lingua dos cancioneiros era o galego, a lingua que se creou aquí. O que non é lingua galega é o que falamos agora, que é crioulo, está contaminada de hai anos. Acabei dicindo que eu escribo neste crioulo pola mesma razón pola que me inclinei a falar galego, porque é a lingua que fala o pobo, pero que iso non impide saber que o portugués é o galego culto.
Nas miñas memorias conto moito da culpa de Piñeiro. Cando introducen o galego no ensino ese era o momento de normalizar a grafía, mais el estaba en contra. Os do ILG, dirixidos por un asturiano, Constantino García, decídense pola dialectoloxía, que é a maneira de destruír unha lingua.
– SG: Que supuxo para Galiza Piñeiro?
– MXQ: O gran poder. Tiña un poder impresionante. Tivo moitísimo poder e influíu en todos os aspectos, no cultural, no lingüístico, no político… en todos. Era un home poderoso que vivía austeramente, como un cura. Nunca traballou… creo que a xente ten que traballar. A xente que non traballa sempre vive a costa de alguén que fai o seu traballo.”











