Manuel Gago: “A novela é un formato magnífico para divulgar feitos esquecidos ou pouco coñecidos da nosa historia”

Entrevista a Manuel Gago en Radiofusión, desde Xerais:
“O club de lectura de Radio Fene escolleu a novela O exército de fume, de Manuel Gago, e o faladoiro-entrevista arredor do libro emitiuse en Radiofusión.
A peza pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”

“Frankenstein e outros monstros”, por Armando Requeixo

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“(…) O Frankenstein de Shelley, xa bicentenario, foi traducido ao galego por Fernando Tato Plaza, quen deu a coñecer unha estupenda versión no ano 2000 na Editorial Galaxia.
Doutra parte, vampiros, zombis e, sobre todo, licántropos son monstruario adoito nas nosas letras. Concomitante co mundo propio da literatura vampírica (aínda que con personalísimo selo) amósase Un ollo de vidro (1922) de Castelao, relato de seres de ultratumba, entre o terror e o humor de agre lucidez. O rianxeiro aproveita esta atmosfera para a máis debeladora crítica social: “Quixen saber quen fora o vampiro nos mundos dos homes. Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco, dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era, ¡era un cacique!”.
Mortos viventes habitan tamén as páxinas de, por exemplo, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) de Vicente Risco, o protagonista da cal acaba por compartir unha danza macabra coa mesmísima momia de Tutankamón.
Tamén foi o escritor ourensán un dos que mellor abordou entre nós a licantropía literaria, como demostra O lobo da xente (1925), ficción narrativa sobre o mundo do lobishome que logo tratou ensaisticamente en Un caso de lycantropía. O home lobo (1929), onde estudou a vida de Manuel Blanco Romasanta, o célebre lobishome de Allariz.
Nos últimos anos, salienta a obra de Paula Carballeira por ser a única que compuxo un ciclo teratolóxico completo coas tres figuras: o vampiro da novela O ganso pardo (2002); os zombis do relato A era de Lázaro (2004) e o licántropo da narración O lobishome de Candeán (2009).”

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 14 de agosto

O 14 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co seguinte acto literario destacado para este día:

21:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Alfonso Otero Regal, por Regal Cerámica.

Arrinca a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño

Desde Erregueté:
“Este sábado 11 de agosto comeza a XL Mostra de Teatro Galego de Cariño cun programa que se desenvolverá até o venres 17. Dezasete compañías conforman o cartel que conta con seis espectáculos de rúa, diferentes actuacións de programación infantil en horario matinal e cinco funcións nocturnas no Auditorio Municipal. No seu corenta aniversario, a Mostra de Teatro Galego de Cariño contará tamén con diversas actividades paralelas entre as que se inclúen obradoiros, concertos ou unha xornada de traballo de Escena Galega.
O sábado 11 de agosto, a galega Natalia Outeiro abrirá a sesión matinal con A vida tola ás 12.30 horas na Porta Pulida. Pola tarde, a Praza Roxa acollerá a partir das 20.00 horas o espectáculo O Apartamento, de Cirk About It (Castela-León). Recoñecido co Premio Feira de Teatro de Castela-León ou Premio ao Mellor espectáculo de rúa Feten 2017, O Apartamento presenta unha situación cotiá como pode ser a convivencia nun apartamento para explicar como a rutina pode romperse con facilidade.
O domingo 12 de agosto Culturactiva presenta na Praza da Ribeira a partir das 12.00 horas o seu Saaabor!, un espectáculo para todos os públicos que mestura música, maxia e humor co mundo da gastronomía de fondo. Por outra parte, ás 13.15 horas o Parque do concello “Campín” será o escenario para o grupo de ukeleles Ukestra do Medio e o seu ecléctico repertorio. Finalmente, ás 20.30 horas o circo chega á Praza do Mercado da man de Shakti Olaizola con Baldín Bada: unha proposta para todos os públicos co que coñecer de preto os disparates e as loucuras dunha pintora e un músico.
O luns 13 de agosto no Auditorio Municipal a compañía portuguesa Partículas Elementares presenta O ninho: unha proposta de teatro de monicreques visual, simple e intimista. Pola noite, a partir das 22.15 horas o Auditorio Municipal acolle Commedia. Un xoguete para Goldoni, de Contraproducións. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, Commedia volve á escena 25 anos despois da súa estrea repetindo no posible o mesmo equipo creativo dun espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego.
O martes 14 de agosto, Baobab Teatro abre a xornada ás 12.00 horas no Auditorio Municipal con Pum! Pum!, un espectáculo que combina os monicreques, co teatro de actor, a música, as máscaras e as sombras para descubrir as historias e os medos da nena Marieta. Pola noite, ás 22.15 horas A Panadaría desembarca no Auditorio Municipal coa comedia musical Elisa e Marcela, un dos espectáculos máis aplaudidos da temporada e que conta, entre outros recoñecementos, o Premio María Casares na categoría de Mellor Espectáculo.
O mércores 15 de agosto, Títeres Trompicallo desprega a partir ás 12.00 horas, no Auditorio Municipal, o seu Planeta Ardora, un espectáculo de monicreques para toda a familia. Pola tarde, chegado de Portugal, ás 20.30 horas a Praza Roxa servirá de escenario para o espectáculo de clown Lullaby, de Godot (Portugal). Finalmente, na sesión da noite, Mofa e Befa tomarán o Auditorio Municipal ás 22.15 horas con Cranios privilexiados… ou a crítica da razón perralleira.
O xoves 16 de agosto, Ghazafellos Teatro presenta Lúa no Auditorio Municipal ás 12.00 horas. Trátase dun espectáculo dirixido por Pepablo Patinho no que, da man dunha nena chamada Lúa, percorreremos o mundo dos maiores cos ollos da infancia. Por outra parte, ás 20.00 horas o Local Social de Cariño acolle a presentación da erregueté – Revista Galega de Teatro coa lectura-concertada de Lear, de Francesc Meseguer editada no seu número 92. Para rematar a xornada, a partir das 22.15 horas a compañía Redrum Teatro, baixo a dirección de Álex Sampayo, leva o thriller A canción do elefante ao Auditorio Municipal.
Finalmente, o venres 17 de agosto, o Auditorio Municipal acolle a presentación de Aire, do proxecto musical María Fumaça en sesión matinal. Pola tarde, a Praza do Mercado será o espazo no que o belga Okidok despregue a partir das 20.00 horas Slips Experience, unha proposta de humor, acrobacias e teatro xestual. A continuación, Chévere tomará o relevo a partir das 22.15 horas no Auditorio Municipal coa disparatada comedia musical Río Bravo 3.1. que a compañía retoma vinte e sete anos despois e coa que pecha o pano da Mostra de Cariño no seu corenta aniversario.”

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 13 de agosto

O 13 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co seguinte acto literario destacado para este día:

19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións, en edición de Armando Requeixo.

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o sábado 11 e domingo 12

O sábado 11 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 11 só en horario de tarde):

Sábado 11
21:00 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo e Vicente Míguez, publicado polo Seminario de Estudos Terras de Viveiro.

Domingo 12
20:00 h. Falando de libros con… Paco Rivas, Carlos Nuevo Cal e Pablo Mosquera.
21:00 h. Presentación da edición homenaxe Día do Orgullo Galego, dedicada aos Seis poemas galegos de García Lorca, de Chan da Pólvora. No acto, Jesús Castro realizará unha performance sobre un dos poemas

“A verdade finxida”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
Pedinche luz prestada, o segundo poemario de Marica Campo, gaña no 2000 o I Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Este certame nace grazas á Asociación Cultural Ergueitos e ao Concello de Sarria nun momento no que os premios eran necesarios para normalizar e fortalecer o noso sistema literario ademais de darlle visibilidade á producción poética que se estaba a facer no momento. Inaugura, desta forma, un premio que durante dezaoito anos abriu novos camiños a diferentes voces, que publicaron os seus libros de poemas na editorial Espiral Maior, e asenta unha plataforma na que a poesía ten unha voz central no panorama literario galego.
O libro recolle trinta e tres sonetos de ton petrarquista nos que a autora nos vai sorprender. Non é casual a escolla desta métrica. Tampouco a da brevidade deste cancioneiro amoroso de corte clásico.
A expresión rítmica, de concisión lapidaria, que usa a autora xa nos guía cara un valado no que delimitar o espazo e encarcerar o tema do amor. Os dous cuartetos e os dous tercetos nos que se presenta unha situación, desenvolvemento e final limitan até o celme a sentimentalidade para poñer o foco na necesidade de esconxurar xa “que preciso saír e respirar” (páx. 77). “Sílabas computadas e ritmos prefixados para conter a desmesura e convertela na palabra xusta“, como afirma Pilar Pallarés no prólogo.
O eu feminino contrasta coa seriedade da composición e, cun uso da linguaxe sorprendente, procura todos os ti para conformar un nós no que reivindicar as diferentes voces que integran a xeanoloxía na que afirmar o sentir propio. (…)”

“Se cadra somos todas a mesma”, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Mais nesta Confusión de María Balteira é ela quen ten voz propia, quen conta a súa propia historia. A obra foi unha encarga de Achádego Teatro, grupo amador de Lugo. Moi representada desde a súa estrea no Valadouro e seleccionada para o Festival Agustín Magán, organizado pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), parte do conto que lle dá título ao volume de relatos Confusión e morte de María Balteira, que xa fora obxecto de lectura dramatizada por Afonso Becerra. Mais neste texto dramático non atopamos unha simple transposición dun xénero ao outro, senón que esa “confesión” do relato segue o seu fío até virar “nobelo ou madeixa de varias cores”, segundo di atinadamente García Negro (p. 30), e adquirir unha nova dimensión poliédrica onde comparece a sociedade patriarcal e católica encarnada no crego bradante que a examina dos sete pecados capitais e dos dez mandamentos, ao que ela retruca con lucidez, no primeiro acto, “Confesión”. Comparecen tamén os seus amantes e detractores, aqueles que a trobaron desde o escarnio, e aos que contesta autodefiníndose. Ela reclama a súa autoría, unha autoría feminina contestataria, deconstruíndo a autoría tradicional masculina, entendida como “autoridade” (Macedo e Amaral, 2005: 7-8). (…)
Nesta marabilla dramatúrxica de Marica Campo achéganos á María Balteira que fala por si mesma. Posterior a esta peza teatral, con todo, cómpre resaltar moito o referencial traballo de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, Tres mulleres de armas tomar, sobre María Balteira, María Castaña e María Soliña, trens mulleres esquecidas / deostadas pola HIStoria. Campo ponnos diante dun espello escénico que desafía as normas que nomearon e articularon o mundo para o privilexio masculino: o único camiño é a sororidade. Século XIII / século XXI, cantigas de escarnho e maldizer / sentenza, as redes sociais e os medios arredor do caso da Manada… “Se cadra somos todas a mesma”, dille a monxa “sorrindo enigmática” ao peregrino (p. 88), antes de que unha voz en off recite “Eva”, de Rosalía de Castro, traducido por Marica Campo. Un peche redondo para un texto dramático (e un espectáculo) redondos.”