Manuel Rivas: “A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento”
Entrevista a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Moitos dos seus libros falan do pasado. Como de importante é a memoria?
– Manuel Rivas (MR): A memoria hai que entendela. Gústame falar da memoria activa ou do activismo da memoria. Este libro [Os libros arden mal], por exemplo, comeza cun episodio de mediados do século XIX, pero remata nos nosos días. A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento. A memoria é coñecemento. É dicir, asociase normalmente coa lembranza do pasado, pero realmente a memoria activa ten que ver co coñecemento. Este non poder existir sen memoria. Somos o que lembramos, que dicía Italo Calvino.
– LVG: ¿Como se artella unha novela como esta?
– MR: Eu creo moito no que poderíamos chamar «o andar da literatura». Cada obra pide un xeito de andar. Neste caso, o propio libro suxire como está escrito, xa que nel aparece moitas veces o andar de Charlot a través da imitación dalgúns personaxes. O andar da literatura é moi semellante a este andar. Pisa ao tempo nunha cousa e na contraria. Ese andar da literatura pisa na vida e na morte ao mesmo tempo. Este libro está feito continuamente a partir diso. A xente morre e renace, loita para sobrevivir. Pisa no día e na noite; na luz e na escuridade.
– LVG: ¿Cal foi a motivación que lle fixo trazar ese mapa da memoria que é Os libros arden mal?
– MR: Nun libro como este pasas un pouco por todo. É un traballo de risco. Hai quen fala de motivacións morais ou históricas cando escribe, pero eu quédome cunha cousa que non sabería explicar. Poderíamos falar dunha estraña obriga que fai que poñas en marcha esa historia. Non estás a pensar nos efectos, porque nin sequera sabes se vas poder navegar. Non sabes se iso vai ser útil ou non, pero queres facelo. Tes ese chisco de esperanza e tamén esa obriga. O que me gusta da literatura é saber que pasa coa xente, por que se odian, por que loitan ou que senten. Eu estaba desexando estar cos personaxes. Chegaba a casa e os buscaba, ía correndo polas noites por se escapaban. Quería estar no ventre da balea. (…)”
Salceda de Caselas: Historias da fronteira, espectáculo de Lois Pérez
O venres 4 de agosto, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Entenza, en Salceda de Caselas, Lois Pérez presenta o espectáculo de narración oral Historias da fronteira.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 3
O xoves 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Contacontos-presentación de Un máis, de Olalla González, publicado por Kalandraka. Participa o ilustrador Marc Taeger.
– 18:00 h. Larraitz Urruzola: A viaxe de Rosalía, no escenario central do Xardín dos Libros.
– 18:30 h. Xurxo Lobato asina exemplares de Vento nas velas, na caseta da Librería Arenas.
– 19:00 h. Momento Coruñento, con motivo da 4ª edición de Contos da Coruña, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville, publicado por Baía Edicións. No acto participa, xunto ao autor, Andrea Maceiras.
– 20:30 h. Dez anos de Os libros arden mal, de Manuel Rivas, publicada por Xerais. “A mellor novela da década“, con Manuel Bragado.
– 21:15 h. Presentación de Demos de verán, de Miguel Vázquez Freire, publicado por Xerais. Con Tino Santiago.
Eli Ríos gaña o López Abente cun poemario que pretende ser “unha bomba explosiva”
Artigo en Sermos Galiza:
“Logo de acadar a finais do ano pasado o Torrente Ballester de novela (o máis suculento dos premios en galego), Eli Ríos acaba de gañar o López Abente de poesía por unanimidade do xurado, un recoñecemento que significa moito para ela porque “é un poemario moi arriscado na forma” e “quere romper coas formalidades que hai hoxe na poesía”.
É máis, explica Ríos, “pretende ser unha bomba explosiva para dinamitar o sistema poético”. E dispara: “Vai contra esa xente que publica versos nas cuncas, versos tipo Paulo Coelho, positivistas, que pretenden vendernos que a poesía é iso. Tamén contra a xente que colle versos das mulleres e os fai propios como se fosen públicos, sen citar. Contra os que queren que a poesía sexa só academicista e dunha elite, contra aquela xente que fai análises de poéticas dos libros de muller como se fosen biografías”. (…)”
Víctor F. Freixanes: “A Galicia fáltalle un proxecto político propio que canalice o seu potencial”
Entrevista de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como naceu este libro [Unha ducia de galegos]?
– Víctor F. Freixanes (VF): Naceu dunha curiosidade persoal e de grupo, no entorno aquel do Burgo das Nacións, en Santiago, onde estabamos un grupo de amigos e xentes moi variadas, preocupados por Galicia e o futuro do país. Apareceran uns libros de conversas de Pániker e Baltasar Porcel e empezamos a preguntarnos, que pasa, ¿Galicia non existe? Isto que chamamos nós o galeguismo, Galicia, a nación, a lingua e a cultura, Castelao e os exiliados, ¿isto non existe? Pensei que podía facer un libro de xornalismo, no que a través dun diálogo case socrático preguntase quen somos, de onde vimos e a onde queremos ir, ordenando cronoloxicamente o relato a través de diversas figuras, do máis vello, Otero Pedrayo -a memoria do século XIX e os vellos fidalgos-, ata a xeración anterior á nosa, a do 68. Quería viaxar a través da lingua e a cultura, porque entendía que podían ser un denominador común que aglutinase rexistros diferentes: eu procuraba unha polifonía, que todo o mundo non emitise no mesmo rexistro ideolóxico ou vivencial, pero que puidesen ser representativos do que estaba pasando niso que chamamos o galeguismo, que era o que nos interesaba naquel momento.
– LVG: E agora, ¿que se acadou e que quedou polo camiño?
– VF: Teño a sensación de que non conseguimos o soño que queríamos. Non o conseguimos. Uns, porque confundimos os desexos coas realidades, e outros, porque non soubemos facer política. Porque hai xente que confunde a política coa relixión, que cren que a política é crer o que non vemos, cando a política é unha ferramenta para ir transformando pouco a pouco a sociedade, coa sociedade ao lado, contigo, non ti a corenta quilómetros alá arriba e que ninguén sabe quen es. Hai moitas persoas, nas que nós, a nosa xeración, tiñamos moita ilusión nelas e que non foron arriba. Pero non se trata de reprochar nada, porque todos somos responsables do mesmo barco. (…)
As conversas con Otero Pedrayo, Paz-Andrade, Seoane, Blanco Amor, Piñeiro, Celso Emilio, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Beiras, Ferrín, monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares, nas que se falaba abertamente da traxectoria do galeguismo e o seu futuro, resoaron naquel tempo, igual que hoxe o seu eco. «O libro tivo un éxito grande de entrada entre os círculos do que podíamos chamar o galeguismo, e despois unha curiosidade enorme na sociedade galega que reclamaba a vida democrática. Había unha especie de demanda social de que isto había que cambialo e ao mesmo tempo había unha fame de información: como o cambiamos, cara a onde o cambiamos, quen van ser os axentes do cambio. Aí había un descoñecemento enorme», rememora Freixanes. (…)”
Cuestionario Proust: Miguel Vázquez Freire
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Vázquez Freire:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tratar de atopar sempre o lado positivo das cousas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade, ou sexa, estar aí cando as precisas.
4.– A súa principal eiva?
– Certa inxenuidade ao xulgar intencións e accións.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sentirme ben comigo mesmo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Asistir impotente á dor de alguén querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– En todo momento, unha boa persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame o país no que vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Teño debilidade polas flores ventureiras que medran soas, desde as margaridas ata as flores dos fiúnchos.
12.– O paxaro que prefire?
– Encántame o voar das pegas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño moitas prosas sagradas e decantarme por unha depende moito do que poida estar lendo ou relendo. Vale sempre a de don Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– O mesmo que na prosa, e vale tamén Cunqueiro.
15.– Un libro?
– Se isto é un home de Primo Levi.
16.– Un heroe de ficción?
– Tom Sawyer.
17.– Unha heroína?
– Alicia (do País das Marabillas).
18.– A súa música favorita?
– Depende moito das circunstancias mais en todas as circunstancias gozo con A frauta máxica de Mozart.
19.– Na pintura?
– O xardín das delicias de O Bosco.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Pasteur, Fleming… os sabios e as sabias que puxeron os seus coñecementos a disposición da humanidade.
21.– O seu nome favorito?
– Arno.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Esaxerar os defectos dos outros, negar os propios.
23.– O que máis odia?
– O mesmo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Os feitos militares non me merecen admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber cantar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sendo quen de aceptala cando chegue.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Positivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A torpeza.
30.– Un lema na súa vida?
– Cómpre sempre intentar facer o mellor mesmo sabendo que sempre se poderá mellorar.”
Eli Ríos gaña o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente
“Reunido o xurado do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, composto polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación Gonzalo López Abente, Suso Sambade Soneira, con función de secretario e membro activo na deliberación do IV Premio de Poesía. O xurado determina que o premio deste ano 2017 é outorgado por unanimidade ao poemario que leva por título CULPABLE co lema Gita Gogóia, obra da que é autora Eli Ríos (Elisabeth Ríos Liste).
O xurado salienta que a obra é unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista.
– Valoramos a proposta poética que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido.
– O poemario achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico.
– Consideramos atinada a inclusión de elementos de cultura popular contemporánea.
Salientar tamén que neste IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente houbo unha alta participación, con media ducia de poemarios, dos que non se fan públicos os títulos, que o xurado considera que deberían ser publicados.
Costa da Morte 26 de xullo de 2017″
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 2
O mércores 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Roteiro pola Coruña anos 20, guiado por Felipe Senén, e inspirado nas vellas fotografías de Luciano Roisin: A Coruña anos 20, editadas por Alvarellos. O punto de partida será a carpa de actividades da Feira, cunha duración aproximada de 75 minutos.
– 19:45 h. Presentación de Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón, editado por Xerais. Con Manuel Bragado.
– 20:00 h. Sinatura de Ledicia Costas na caseta da Librería Lume.
– 20:30 h. Presentación Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
Compostela: Xavier Queipo no Tac, tac, tac de Numax
O martes 1 de agosto, ás 18:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, terá lugar outra entrega do Tac, tac, tac. Un conto nun lugar nun límite de tempo, con Xavier Queipo. El será o encargado de escribir en directo un relato na vella Olivetti da libraría. Posteriormente, este texto mecanografado estará na mesa situada ao pé do escaparate da libraría.
A actividade enmárcase na iniciativa deseñada por Suso de Toro que trae cada mes a un escritor ou escritora do noso panorama literario cunha característica en común: escribiron a máquina nalgún momento da súa mocidade. Esta proposta busca volver á experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario. Os relatos elaborados «converteranse nalgo case máxico, que só se poderá ver indo a un lugar, como se fose sagrado», segundo o propio De Toro. Cada texto elabórase na máquina de escribir situada a carón do escaparate da Libraría Numax e apenas hai indicacións previas, permitíndose os borróns e correccións manuscritos que farán de cada texto un obxecto único.