Álex Bayorti, escritora, autora de Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A escritora Álex Bayorti achégase á literatura en galego con Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, novela xuvenil editada por Urco e gañadora do XV Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. Pode accederse á entrevista aquí.”

Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, que terán lugar do 1 de abril ao 29 de abril, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

50 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, debe facerse a partir do 28 de marzo en pontevedraliteraria@gmail.com, indicando:

  1. Paseo literario no que se quere inscribir
  2. Nome completo
  3. Enderezo electrónico
  4. Teléfono de contacto

A asignación das prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 1 de abril
Pontevedra, onde o silencio é sonoro, con Fina Casalderrey. (Con subida ao campanario de Santa María -1€ de donativo-)
De certo, para percorrer Pontevedra, coma calquera das cidades con importante patrimonio histórico-arquitectónico, non precisamos nin de palabras. Abonda con levar os ollos abertos e ‘escoitar’ as pegadas na pedra, nas fontes, nos vestixios da vella muralla, nas estatuas dos persoeiros (Valle-Inclán, Castelao, Bóveda, Manuel Quiroga, Teucro, a serea Leucoíña…), nas casas brasonadas…; pegadas que nos falan se as invocamos.
Percorreremos o casco histórico, desde a Basílica de Santa María a Maior (a Grande), onde se comezará por subir ao campanario e imaxinar as orixes da cidade (a subida ao campanario custa 1 euro), e contemplar o primeiro, e no seu día tan próspero, barrio da Moureira, xa só imaxinado; para rematar na Praza da Peregrina.
De camiño, nas pontes, nas pegadas dos vellos faladoiros, nas rúas, nas vellas imprentas, nos restos da antiga muralla, nos monumentos, nos edificios emblemáticos, nas pedras (que tamén teñen alma), nas prazas, nas fontes, nos escudos, nas árbores, nas estátuas…, agardamos que vaian agromando as lendas, as pegadas dalgúns dos nosos personaxes sobranceiros, que nos contarán algunhas cousas que, inevitablemente, se mesturarán con algunhas lembranzas propias.

Sábado 22 de abril
Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos, con Xosé Monteagudo
Seguindo escenarios da novela Todo canto fomos, entre outros, veremos onde se situaban os principais cafés dos anos vinte e trinta, berce de importantes iniciativas culturais e políticas (Café Méndez Núñez, Café Moderno), algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época (Escola de Maxisterio Feminina, Colexio Froebel, Instituto), onde estaban as imprentas que publicaban os xornais e obras literarias, e visitaremos os lugares relacionados coa fundación e funcionamento do Partido Galeguista, así coma os da represión exercida na cidade tras o golpe de Estado do 36.

Sábado, 29 abril
Boapedre (na ficción): A Pontevedra da Palabra Antiga, namorando o Río, de Agarimo no Mar, con Xosé Vázquez Pintor
Seguindo escenarios da novela A memoria do boi, faremos un percorrido polos espazos da cidade antiga de Boapedre, onde, en épocas diversas, os personaxes da obra tentaron vivir, soñar e impedir que as inxustizas de sempre marcasen as súas existencias.”

Bases do X Premio de poesía Victoriano Taibo

“Por décimo ano consecutivo, o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, comprácese en convocar unha nova edición do premio de poesía que pretende honrar a figura de Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, mestre galeguista, creador de ducias de artigos sobre a lingua e sobre feitos e personaxes galegos, narrador, membro da Real Academia Galega e do Instituto Histórico do Minho, persoeiro, en fin, de méritos acreditados e fondamente comprometido coa lingua e a cultura galegas. (…)

BASES

O IEM, Instituto de Estudos Miñoráns, convoca o X Premio de Poesía Victoriano Taibo baixo o mecenado do Concello de Gondomar. O premio, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo, rexerase polas seguintes bases:
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións e estarán escritos en lingua galega, de acordo coa normativa aprobada pola Real Academia Galega en 2003.
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.
3. De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou au- toras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: Apartado 30, 36380 Gondomar Pontevedra
4. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
5. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2017.
6. O xurado estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no eido literario.
7. A obra premiada será publicada polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.

O feito de participar supón a aceptación destas bases. Gondomar, a 28 de marzo de 2017″

Especial sobre escritoras galegas en Recendo, de Cuac FM

Desde Recendo de Cuac FM:
8×20 Especial Sobre Escritoras Galegas. Programa número 248, no que realizamos estas tres entrevistas a escritoras galegas:
Ledicia Costas.
Susana Sánchez Arins.
Pilar Pallarés.

Pode escoitarse aquí.”