A Coruña: coloquio con Craig Patterson, tradutor ao inglés de A Esmorga e Sempre en Galiza
(Rúa Educación, 1, A Coruña)
Ribeira: presentación da carpeta solidaria Luva negra. 4 gravados e 5 poemas, de Xosé Poldras e Alicia López
Sabela González publica a terceira entrega de As crónicas de Landereina
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“As crónicas de Landereina. Libro III: Sangue de Lúa é a terceira entrega da saga fantástica que asina Sabela González. Coa apócema da destrución da Pedra de Lúa nas mans de Berenguela e Güenaela, a escritora Sabela González retoma as aventuras destas dúas veciñas de Landereina, que agora deben escapar da illa dos sabios para volver á capital do reino e rescatar o príncipe Ohn, onde a traidora segue a gañar terreo aterrorizando a todos co seu goberno tiránico. Pode accederse á entrevista aquí.”
Xosé Ramón Mariño Ferro, antropólogo, autor de Autobiografía dun labrego
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O profesor de Antropoloxía Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Mariño Ferro, visita o programa para falar do seu libro Autobiografía dun labrego. Estudo novelado de Antropoloxía. Trátase do relato real da vida dun campesiño desde o seu propio punto de vista. Este innovador formato permítelle ao lector descubrir os costumes e cultura popular de Galicia en eidos coma o noivado, o sexo, o casamento, a morte, as aparicións ou a enfermidade. Pode accederse á entrevista aquí.”
Entrevista audiovisual a Teresa Moure, por Estela Pan
“O cuarto de Beatriz Maceda Abeleira”
Desde A Sega:
“Son filla única e nai de fillo único. Como filla sempre gocei dun cuarto para min soa, como nai, deixaron de existir os espazos privados durante anos. A noite, e non sempre, converteuse nese cuarto silencioso no que en ocasións as palabras agromaban con xenerosidade.
Cando era pequena e viñan amigas a casa o primeiro que dicían era que apenas había xoguetes e a súa cara de decepción, co tempo, deixou de molestarme. Para xogar prefería a rúa, no meu cuarto os libros eran o máis valioso que tiña e co que máis gozaba.
Sempre me custou compartir espazos e segue sendo así. Só o meu fillo conseguiu que fose xenerosa nese punto durante uns anos.
Agora vivo exiliada na cidade, nun ático, cun recuncho no dormitorio co mar en fronte. Ese mar herculino que é o que me dá un espazo infindo, que algún día tamén terei que abandonar.
Escribindo acado rodearme dunha esfera case infranqueabel na que loito cos meus personaxes, que saen e entran dela con desvergoña. Mais en ocasións, alguén, cos seus poderes afectivos, logra traspasala. Porque sempre hai un personaxe principal, real, ao que é imposible non deixar pasar.
Por onde ía eu?”
Vigo: presentación de 4 xinetes, de Anxo Fariña
O xoves 16 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), terá lugar a presentació do libro 4 xinetes, de Anxo Fariña, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Anaír Rodríguez. Haberá unha sorpresa doce de “La Artesa. Pastelería creativa” e uns agasallos para as persoas asistentes.
Re-inicio da Residencia de escritores e escritoras de Rianxo
Desde Axóuxere Editora:
“(…) Asentándonos na aldea de Brión (Rianxo), no mesmo sitio no que fora deseñada unha Residencia de escritores e escritoras, entre os anos 2012 e 2014, lugar tamén onde unha vida comunitaria e creadora se dera entre as persoas da editora e as persoas amigas, concebimos outra vez a idea de darlle pulo a unha nova andaina daquel querido proxecto das residencias. Tras ter traballado nos últimos meses sobre esta cuestión, xunto co Concello de Rianxo, finalmente podemos dar a coñecer unha dupla convocatoria de residencias para o vindeiro verán do 2017.
A singularidade desta nova xeira radica en que continuamos co vello programa da Residencia de escritores e escritoras, pero engadimos un novo tipo de concepto residencial no espazo da casa que Axóuxere Editora dispón na parroquia de Leiro, en Rianxo. Desta vez, e tentando con isto sentar un precedente no quefacer intelectual galego, ideamos un espazo de acollida para pensadores e pensadoras, para que poidan adicarse durante o tempo da súa estada á reflexión e ao pensamento crítico e teórico, sen necesidade de ningunha conclusión ou produción escrituraria.
Xa que logo, abrimos o tempo de recepción de propostas, tanto para a Residencia de escritores e escritoras, como para a de pensadores e pensadoras, que rematará o día 16 de abril. Podedes atopar toda a información sobre estas dúas convocatorias nas ligazóns que aparecen embaixo. Agardamos que, desta vez, o camiño que se abra sexa coma o dun perpetuum mobile que na vagarosa quietude do espazo rianxeiro se dispoña cara ao infinito soñado polo poeta do mar, ese infinito no que pensamento, literatura e vida se funden e confunden.