Entrevista a Antonio Reigosa en Zig-zag

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Antonio Reigosa, escritor e investigador, coordinador das Xornadas de literatura oral da AELG. Pode verse a entrevista aquí.”

Eduard Velasco gaña o Premio Díaz Castro de poesía

Desde Sermos Galiza:
“O escritor galego-catalán Eduard Velasco vén de gañar a segunda edición do Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía que organiza o Concello de Guitiriz.
A obra gañadora titúlase O filósofo coxo, e foi premiada por un xurado composto polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, a tradutora Ánxela Gracián e o crítico Armando Requeixo. Presentáronse 44 orixinais a este galardón. A obra será publicada nos vindeiros meses pola editorial Espiral Maior. (…)”

Compostela: Manuel Rivas no Tac, tac, tac de Numax

O xoves 2 de marzo, ás 18:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, terá lugar a segunda entrega do Tac, tac, tac. Un conto nun lugar nun límite de tempo, con Manuel Rivas. El será o encargado de escribir en directo un conto na vella Olivetti da libraría. Posteriormente, este texto mecanografado só se poderá ler no espazo físico da Libraría Numax durante un mes.
A actividade enmárcase na iniciativa deseñada por Suso de Toro que trae cada mes a un escritor ou escritora do noso panorama literario cunha característica en común: escribiron a máquina nalgún momento da súa mocidade. Esta proposta busca volver á experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario. Os relatos elaborados «converteranse nalgo case máxico, que só se poderá ver indo a un lugar, como se fose sagrado», segundo o propio De Toro. Cada texto elabórase na máquina de escribir situada a carón do escaparate da Libraría Numax e apenas hai indicacións previas, permitíndose os borróns e correccións manuscritos que farán de cada texto un obxecto único.
O texto de Rivas ocupará o lugar do creado por Margarita Ledo o pasado mes de febreiro, cando botou a andar a actividade.”

As Neves: homenaxe a Evaristo de Sela no centenario do seu nacemento

O xoves 2 de marzo, a partir das 12:00 horas, no salón de actos do IES Pazo da Mercé, nas Neves, terá lugar un acto de homenaxe a Evaristo de Sela por mor do centenario do seu nacemento. Vítima da represión franquista, Evaristo destaca por ser o tradutor ao noso idioma de obras moi importantes da literatura grega antiga, como a Ilíada e a Odisea, ou a primeira Filípica de Demóstenes, así como tamén de poetas modernos como Kavafis ou os Premios Nobel Elytis ou Seferis, entre outros. Tamén ten obra poética propia, en bo grao recollida nas publicacións Amar, 1945, e Versos de preso e outras rimas, 2007.
En dito acto de celebración do centenario van participar distintas persoas vencelladas dalgún xeito coa vida e obra de Evaristo de Sela, como a súa filla e tamén poeta Stella Maris González, o presidente da Asociación Cultural de Sela Agapito Valado, o helenista José Francisco González… Tamén haberá lectura dalgúns textos e estrearase ad hoc unha composición musical a partir dun poema de Evaristo. Tamén se inaugurará unha pequena exposición de láminas cunha escolma da obra do autor, elaboradas polo alumnado do centro.
Recentemente, Manuel Cabada Castro publicou en Atlántico Diario este artigo sobre o autor.

Bases do Premio de Tradución Plácido Castro 16ª edición

“A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.
Poderán participar na convocatoria da décimo quinta edición do Premio Plácido Castro de Tradución todas as persoas que envíen algunha obra traducida ao galego para ser incluída na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html, mesmo se xa foron editadas con anterioridade en formato papel. As obras deberán necesariamente estar libres de dereitos e pertencer ao dominio público no momento en que sexan enviadas a Bivir. Tamén poderán concorrer aquelas obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com que sexan remitidas polos seus autores á Fundación a efectos de participar no premio.
Asemade poderán concorrer as traducións para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas
As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da secretaría da Fundación Plácido Castro: IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) Centro Cívico Sur, rúa Luís Braille, 40, 36003 Pontevedra ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2017.
O xurado do Premio estará composto por cinco persoas representantes de cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Administración Autonómica. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación do IGADI.
O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves.
A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”

“O cuarto de Rosa Enríquez”

Artigo de Rosa Enríquez para A Sega:
“Non son nai. Endexamais quixen selo e estou ben contenta. Non ter fillas que educar permitiume manter a liberdade da que podía gozar, máis ou menos, aos vinte anos. Haberá quen moralice con isto e considere que son egoísta. Sono realmente? Eu non o vexo así en absoluto, e, francamente, éme indiferente o que se comente a respecto deste particular. Como diría Despentes, non escribo para nais abnegadas, nin para todas esas que, en xeral, fan, ou fixeron, o que se agardaba delas. Respecto o seu lugar, pero eu non estou aí nin tampouco non quero estalo. Prefiro non facer oposicións entre normal e raro, para, no seu lugar, contrapoñer frecuente a escaso, aínda que, a día de hoxe, talvez xa non sexamos tan poucas as mulleres que non contemplamos a maternidade como algo determinante para “realizarnos” nesta vida. O feito de representar o que a sociedade posmoderna define como “single”, con certos hábitos burgueses dos que me resulta difícil substraerme, e, sinceramente, tampouco teño gran interese en facelo, entre outras cousas porque me permiten desfrutar do cinema, da fotografía, alén doutras moitas manifestacións estéticas, xerou en min un proceso de autodeterminación emocional que se foi facendo máis e máis forte co paso dos anos. É esta especie de “autarquía” na que vivo a que maior pracer me dispensa. Daquela, máis que un espazo físico -ese cuarto propio tan necesario, certo é, non só para escribir mais para ler e pensar-, creo que conquistei un territorio mental, libre de colonización, que me custou moitos anos conseguir. Esta imaxe que vedes é unha materialización parcial do sitio no que escribo os artigos, mais tamén podo desfrutar da devandita “autarquía” en espazos públicos, que son ben máis estimulantes para min. Refírome, por exemplo, á biblioteca do instituto no que traballo, que, en certo xeito, deveu para min ese cuarto impropio, pero suxerente, no que ler o que me apetece nas horas libres. Fáiseme agradábel comprobar que hai máis persoas alí que tamén len e que son moi novas. Leña verde a piques de florecer e deixar pegada, ou así me gusta pensalo a min. Tamén leo no bus, no tren e na casa de miña nai ou dalgunha amiga que me convida a durmir de cando en vez. O feito de aprender, ese intre no que “descubro” algo que ignoraba, ten para min a categoría de “acontecemento”. Por suposto é este un “acontecemento” modesto, na medida en que non ha provocar mudanzas relevantes na vida dos demais. Tal pretensión sería ridícula pola miña parte, malia ter moi presente que este tipo de revolucións internas son as que propiciarán outras máis importantes que favorezan a vida da comunidade. No entanto, mentres esta concienciación colectiva non se produza, sei que aprender me facilitará o acceso á unha felicidade distinta da que me venderon case todas as persoas que coñecín en todos os lugares aos que acudín. Refírome a unha felicidade moi simple que, finalmente, aprendín a valorar e que eu asocio coa liberdade. Non son nai por vontade propia. Non estou casada porque non quixen. Non escribo poemas dende hai meses porque non me apetece. Leo, fundamentalmente. Vou ao cine todas as semanas. E amo a xente que sabe amarme. Á que non, éme indiferente. Teño claro, por tanto, que amar en liberdade é o único cuarto propio que pode interesarme neste momento.”