Baixa, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas:
“Foron moi dificiles os últimos días. A petición propia, onte deixei de ser director de Xerais. Foi unha decisión meditada coa que pretendo volver á escola a comezos do vindeiro curso e continuar colaborando con Xerais e coas outras empresas do Grupo Anaya na súa estratexia de edición en Galicia. Hoxe non podo expresar máis que a miña máis fonda gratitude a todas persoas coas que colaborei neste vinte e oito anos intensos e inesquecibles nos que tiven a fortuna de formar parte do cadro de profesionais de Xerais, ao tempo que ofrezo as miñas desculpas polos erros, probablemente moitos, que puidera ter cometido. Sei que este é un momento de esperanza nun tempo de incerteza. Xaora, sei que está asegurada a continuidade anovada do proxecto editorial de Xerais como piar e líder da edición en lingua galega. Con todos os abrazos para todas as persoas coas comparto azos e esperanzas. Beizón!”
Bergondo: xornada “A cultura é un dereito”, o 25 de abril
Compostela: presentación de O Castelán de Coucy e a Dama de Fayel, de Jakemés, traducido por Raúl Gómez Pato
A Coruña: palestra O espolio cultural galego, por Felipe Senén
A
terza feira 17 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Felipe Senén pronunciará, dentro do ciclo “Economia, História e Ciências Sociais”, a palestra O espolio cultural galego, nun acto organizado pola A. C. O Facho.
A Coruña: celebración do 150 aniversario da publicación da primeira gramática galega, con Xosé Manuel Sánchez Rei
Vigo: presentación do número 2 da revista Follas Novas
Cuntis: Bases do I Maratón Literario de Poesía de Autor
A nena do abrigo de astracán, a última novela de Xabier P. DoCampo
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Percorremos as súas páxinas con Manuel Bragado, Xosé Cobas, Berta Dávila, Pepe Coira e Martin Pawley. Pode escoitarse aquí.”
Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018
Desde
Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”






