Desde a Casa de Galicia en Gipuzkoa:
“En San Sebastián, a 4 de xuño de 2016, na sede social da Casa Galicia en Gipuzkoa, reunidos os membros do xurado: Don Xosé Estévez, Dona Rosalía Ferreiro, Dona Ana Bastos e Dona Rocío Dourado e, actuando como secretaria sen voz nen voto, Dona Miriam López; acordan que os premiados do IV Certame de poesía en lingua galega Manuel María sexan:
1º premio: Clara Vidal (A Coruña) Obra: De nome propio, Alois.
2º premio: Paulo Martínez (Begonte – Lugo) Obra: Caída libre.
3º premio: María Canosa (Cee – A Coruña) Obra: A desmemoria.”
Ramón Nicolás: “O universo vital de Hildegarda von Bingen é formidable”
Entrevista de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha das liñas argumentais da novela [O espello do mundo] xira arredor da vida nun mosteiro preto de Celanova na Idade Media. ¿De onde veu esta trama e como se documentou?
– Ramón Nicolás (RN): A inspiración chegou ao descubrir a inexistencia dos restos dun convento feminino en San Pedro de Ramirás, nas Terras de Celanova, isto é, nada fóra da igrexa principal, o que entendín como unha metáfora. Dun xeito casual souben que alí existira unha comunidade relixiosa feminina, rexida por abadesas chamadas onas, o que supuña tamén unha peculiaridade lingüística única. Aquelas mulleres chegaron a ostentar un poder extraordinario na baixa Idade Media e aquela parte da historia foi interesándome aos poucos. Nese sentido, o proceso de documentación foi, loxicamente, demorado e, ademais doutras fontes, tiven a sorte de consultar a colección diplomática dos textos conservados do mosteiro: neles latexa, dalgún xeito, o día a día do convento. (…)
– LVG: A alternancia de planos temporais, pasado e presente, ¿é unha forma de dicir que dende o noso tempo podemos ir alén da natural fascinación por esta época e sacar valiosas leccións?
– RN: En O espello do mundo paira, en certa maneira, esa intención. Os planos temporais superpóñense e ambos os dous avanzan na mesma dirección. Un proceso de investigación que realiza un profesor de historia sobre uns documentos da Idade Media vén ser a desculpa que ofrece a posibilidade de afondar nun tempo moi rico en matices e, por veces, bater con realidades insospeitadas que o tempo se encargou de escurecer.”
Barro: Moita poesía, pouca diversión, con María Lado e Lucía Aldao
Carral: Xornadas O Teatro de Manuel María, o 17 e 18 de xuño
A inscrición pode facerse aquí.
Outeiro de Rei: presentación de Regato do Cepelo, de Fernán López
Compostela: intervención sobre a novela A música dos seres vivos, de María Reimóndez
O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, terá lugar a intervención ao redor da novela A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicada por Xerais. No acto estará acompañada de Mercedes Peón.
Ferrol: lanzamento de A imagem de Portugal na Galiza, de Carlos Quiroga
A sexta feira 10 de xuño, ás 19:30 horas, na Fundaçom Artábria (Travessa de Batalhons, 7), en Esteiro, Ferrol, terá lugar o lanzamento de A imagem de Portugal na Galiza, de Carlos Quiroga, publicado por Através.
Compostela: programa da IX Xornada dos Clubs de Lectura, 2016
A IX Xornada dos Clubs de Lectura terá lugar na Sala Obradoiro do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
Mañá, 10 de xuño, finaliza o prazo para presentar orixinais á 16ª edición Premio Novela por entregas de La Voz de Galicia
“1.- La Voz de Galicia, S.A. convoca un concurso para elixir a novela por entregas que se publicará durante o mes de agosto do 2016 na edición impresa de La Voz de Galicia e na súa páxina web.
2.- Poderán participar todas as persoas que presenten unha novela inédita e que non opte a outros concursos, escrita en idioma galego e que responda ás seguintes características:
· Deberá constar de 31 capítulos destinados á súa publicación diaria ao longo de todo o mes de agosto do 2016.
· Cada capítulo terá exactamente a mesma extensión, que se fixa en 3.500 caracteres, con espazos incluídos.
3.- As obras presentaranse en catro copias, impresas a dobre espazo e por unha soa cara.
Ademais, requírese o envío dunha copia do escrito en versión PDF gravado nun CD ou lapis dixital. Os orixinais faranse chegar a 16.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón (15143) Arteixo (A Coruña), polo sistema de plica cerrada, introducindo nela os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el no caso de resultar finalista ou gañador. Os orixinais que non sexan reclamados no prazo dun mes a contar desde o momento do fallo serán destruídos.
4.- O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 10 de xuño do 2016, incluído.
5.- O xurado, designado pola organización do premio, darase a coñecer conxuntamente co seu fallo, que será inapelable e que se fará público antes do 25 de xullo do 2016 no xornal e na páxina web.
6.- Establécese un único premio, que estará dotado con 9.000 euros, cantidade que estará suxeita á normativa do IRPF e, en particular, á retención que legalmente corresponda a conta do devandito imposto. O premio levará aparellada a publicación da novela nas páxinas de La Voz de Galicia ao longo dos 31 días do mes de agosto do 2016 e, simultaneamente, a súa aparición na páxina web. Establécese tamén como pago dos dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora para o caso de que sexa La Voz de Galicia quen a publique en formato libro dentro do ano 2016. Noutro caso, o autor quedará facultado para negociar a edición libremente.
7.- Os participantes responsabilízanse da autoría real e orixinalidade da novela, así coma dos seus contidos, que non poderán ser ilícitos, ofensivos ou discriminatorios, nin lesionar bens ou dereitos de terceiros. O feito de participar no premio implica a cesión non exclusiva polo autor premiado a La Voz de Galicia, S.A. dos dereitos de explotación sobre a novela, incluíndo os dereitos de reprodución, recompilación en libro, transformación, distribución e comunicación pública, para todo o mundo, polo máximo prazo de tempo que recoñece a lei aos titulares dos dereitos e por calquera medio ou soporte. Así mesmo, o autor premiado cede en exclusiva a La Voz de Galicia, S.A. os dereitos de edición da obra durante o ano 2016, nos termos indicados no apartado 6º.
8.- Os datos remitidos polos autores conservaranse nas plicas cerradas ata o fallo do premio e, unha vez fallado, incorporaranse ás bases de datos de La Voz de Galicia, S.A. Ao participar, os autores consenten expresamente que La Voz de Galicia, S.A. trate os seus datos para xestionar o premio e ofrecerlles periodicamente información sobre os seus produtos, actividades, servizos e accións, aínda logo de finalizada a actuación. Igualmente, o consentimento outorgado considérase prestado para ceder os seus datos a outras empresas do Grupo ao que pertence La Voz de Galicia, S.A. relacionadas cos sectores editorial, de producción audiovisual, de medios de comunicación e investigación de mercados, mercadotecnia e opinión, que pode atopar referenciadas na web www.lavozdegalicia.es, co fin de informar dos seus produtos ou servizos e facer ofertas comerciais. Os autores poderán en calquera momento oporse, acceder, cancelar e rectificar os seus datos ou oporse ao seu tratamento con fins promocionais a través do e-mail lopd@lavoz.es ou dirixíndose ao enderezo indicado no apartado 3, acreditando debidamente a súa personalidade.
O nome e imaxe do gañador e dos finalistas poderá ser obxecto de comunicación pública nas actuacións que poida levar a cabo La Voz de Galicia, S.A., sempre que a comunicación pública estea relacionada coa súa participación no concurso.
9.- A participación nesta convocatoria implica a total aceptación das súas bases. La Voz de Galicia, S.A. resérvase o dereito de interpretalas ante calquera dúbida que puidese xurdir.”
Biblioteca Agustín Fernández Paz, por Manuel Bragado
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Viaxei na tarde do luns 6 de xuño a Vilalba para participar no acto de inauguración da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva que este ano celebra o seu cincuentenario. Un acto escolar ben fermoso, unha homenaxe literaria ao autor das Fontiñas no seu propio barrio, coa memoria das abidueiras sempre presente. As intervencións musicais e literarias do alumnado debuxaron un retrato humano e literario moi atractivo e acaído de Agustín, a quen o centro acordou poñer o nome da súa revitalizada biblioteca. Emocionante foi a atención coa que o alumnado seguiu a mensaxe gravada na que Agustín en cinco minutos expresou a súa gratitude e contou algunha das súas andanzas de pícaro nas terras onde se construíu o edifico do instituto nos anos sesenta. O magnífico acto do IES Basanta de Vilalba, onde só escoitei falar galego, algo hoxe sorprendente, amosa que como dixo Agustín “unha biblioteca é unha luz”; como demostra o papel dinamizador da biblioteca escolar na vida dun centro e a gran calidade de moitos dos traballos literarios que se realizan nos nosos centros educativos. Cando saín, chamei decontado a Agustín para contarlle esta marabilla.”