Entrevista a Rosalía Fernández Rial e presentación de Sacar a bailar en Carballo, o sábado 19

DesdeRosalía Fernández Rial 2013 La Voz de Galicia:
Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) non para estes días. O xoves 17 presentou en Compostela o seu novo poemario, Sacar a bailar, e mañá [sábado 19 de novembro] fará outro tanto na súa vila natal (Pazo da Cultura de Carballo, 19:30 h.). Ademais, xa está na imprenta a súa seguinte obra, Aula sen paredes, e a próxima semana participará en dous simposios da Real Academia Galega e da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.
– La Voz de Galicia (LVG): Un título moi suxerente Sacar a bailar.
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Si, desde logo. Sacar a bailar é unha compilación de poesía e o título vén precisamente porque me din conta de que era unha especie de acto subxacente a todo o percorrido. Hai unha certa festividade poética de xeito transversal en toda a obra.
– LVG: ¿Cal é o porqué deste libro?
– RFR: Trátase de, por unha banda volver a vista atrás, aos inicios, que están moi vinculados a Carballo e a Lumieira, pero dalgún xeito tamén é unha continuación cara adiante. É como repasar a traxectoria para coller impulso cara o futuro. Remata cuns poemas inéditos que apuntan novas liñas. E o acto de sacar bailar tamén implica o tránsito da poesía escrita cara a acción, cara a poesía de carácter máis escénico.
– LVG: A escena cada vez está máis presente na súa actividade.
– RFR: Esa interrelación do poético na escena, da poesía dentro do teatro, do teatro poético, é unha evolución que veu acontecendo desde o principio, pero que agora se acentuou notablemente. Esas dúas facetas fóronse fusionando ata dar lugar a ese Sacar a bailar, por iso tamén este repaso artístico chega no momento preciso; necesitaba esa revisión en espiral, era o momento de facelo.
– LVG: ¿Busca que os lectores sintan algo concreto ou sérvelle simplemente con que sintan?
– RFR: Estou de acordo coa segunda idea. Penso que os libros, as obras, as pezas artísticas en xeral, unha vez que transcenden do persoal ao público pasan a ser máis dos receptores que do emisor. E ás veces ten unha visión moito máis obxectiva, con máis perspectiva, calquera persoa que sinta algo con ela que o autor. A min o que me gustaría sería que o lector se sentise como se o sacaran a bailar, que o poeta ao danzar coas palabras convidase ao lector ou lectora a bailar cos versos e a sentir. Simplemente sentir xa é absolutamente marabilloso.
– LVG: Onte presentou o libro en Santiago e mañá xa o traerá a Carballo.
– RFR: Claro que si, Hai que volver sempre á casa, ás orixes, como dicía Manuel María. Mañá estaremos en Carballo e ademais teremos o toque musical de ELO, ese conxunto musical que teño con Serxio Moreira. Todas as persoas que se acheguen serán benvidas. (…)”

Compostela: presentación de O cuarto das abellas, de Antía Otero

OAntía Otero venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, preséntase O cuarto das abellas, de Antía Otero, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Fran Alonso e Ana Salgado. Para pechar, Isaac Garabatos e a propia Antía Otero porán voz e música a unha escolla de textos do libro.

Cangas: presentación e contacontos arredor de Marta e a píntega, coa súa autora, Eli Ríos

OEli Ríos sábado 19 de novembro, ás 18:00 horas, na Libraría El Pozo de los tres deseos (Rúa do Sol, 5), en Cangas do Morrazo, Eli Ríos presenta Marta e a píntega, publicado en Galaxia.

Salvador García-Bodaño obtén o Premio San Martiño de Normalización na modalidade de Toda unha vida

Salvador García-Bodaño Salvador García Bodaño AELGobtivo o Premio San Martiño de Normalización Lingüística na modalidade de Toda unha vida, na XXVI edición destes premios concedidos pola Asociación Cultural O Brado. A reunión do xurado tivo lugar o mércores 16 de novembro, e serán entregados nun acto aberto a todo o público o vindeiro xoves, 1 de decembro, ás 20:30 horas no Teatro Principal da Estrada.

Justo Beramendi: “Do cambio radical das Irmandades bebe todo o nacionalismo posterior”

EntrevistaJusto Beramendi a Justo Beramendi en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vostede é o principal especialista nas Irmandades da Fala. Ten a listaxe máis completa dos militantes e o seu libro De provincia a nación segue a ser referencial no estudo desta época. Cal é foi a dimensión histórica das Irmandades?
– Justo Beramendi (JB): A importancia das Irmandades é múltiple. Por unha banda, son as parteiras do nacionalismo galego propiamente dito, porque son as que protagonizan a transición de 1916 a 1918 do rexionalismo ao nacionalismo. E isto non é un simple cambio de nome. É algo moi importante desde o punto de vista ideolóxico e político, porque pasan de considerar que Galiza é rexión da nación española, a considerar que Galiza é unha nación e España non, é un Estado plurinacional. E de aquí derivan unha serie de reivindicacións políticas que se plasman no programa da Asemblea de Lugo e avogan por unha reformulación radical do Estado español, de maneira que se pase dun estado totalmente centralista a unha federación ou confederación de estados parcialmente soberanos. E aquí xa chega un cambio radical, e dese cambio bebe todo o nacionalismo posterior.
Tamén hai un cambio respecto do sistema político vixente daquela, que era un sistema parlamentario non democrático, e eles propoñen unha democracia representativa auténtica, con igualdade de dereitos para a muller e con unha eliminación do caciquismo, da fraude electoral, dos abusos, etc. E logo na cuestión da lingua tamén supoñen un salto cualitativo porque até ese momento os galeguistas defendían a lingua galega, pero en castelán maioritariamente, e no ámbito da poesía. A partir das Irmandades hai unha coherencia entre teoría e práctica e grazas a elas Galiza asiste ao que podemos chamar o segundo Rexurdimento, de maneira que o galego queda definitivamente incorporado á prosa. E logo, no ámbito político antes do 31 non conseguen gran cousa, pero logo o Partido Galeguista recolle a herdanza das Irmandades e propicia nos anos da República o proceso autonómico. Iso quere dicir que boa parte das cousas que hoxe consideramos normais e naturais, como a autonomía política, a oficialidade do galego, a lingua no ensino, etc. en realidade teñen o seu punto de partida nas Irmandades. (…)
– SG: Pois aproveito para facer unha última pregunta que sempre lle quixen facer. Como remata un enxeñeiro madrileño converténdose no principal historiador do nacionalismo galego?
– JB: Iso é unha historia longa e complicada. Por unha serie de azares da vida eu tiven que saír fuxindo de Madrid por mor da policía política de Franco, así que fun para Barcelona, onde a miña cuñada estaba casada cun galego, Xosé Manuel Casabella, arquitecto. E alí entrei en contacto con Galiza, coa colonia galega que nos axudou e nos acolleu. E nesa colonia coñecín a César Portela, que estaba organizando naquel momento o Colexio de Arquitectos de Galicia, e contratoume a min para levar a Comisión de Cultura, así que no 74 vinme para acá. E eu empezara como segunda carreira Historia -Filosofía e Letras, vaia- en Barcelona e remateina aquí, que era o que me gustaba, non enxeñería. E aquí entrei en contacto cun ambiente nacionalista ou filonacionalista que me convenceu. Cousas da vida. Non estaba programado, pero saíu así. E non saíu mal.”

Cuntis: homenaxe a Olimpio Arca Caldas

15055731_555635781304281_816691246167802927_n

Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, premios de literatura dramática da Agadic

Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Manuel Lourenzo, coa obra Suite Artabria, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por O valo, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por Marcha fúnebre para un monicreque, e na infantil, en Inacio Vilariño por Os golfiños e o xigante, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores. (…)
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas. (…)
Máis información aquí.”