O Couto (Ponteceso): actos destacados no Festiletras o luns 16 e martes 17

OFestiletras 2016 Festiletras 2016, que terá lugar na aldea do Couto (Concello de Ponteceso), terá os seguintes actos destacados para o luns 16 e martes 17 de maio:

Luns 16
20:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. Inauguración das exposicións de Viki Rivadulla “Ser outra cousa” (pintura) e “Matria” (escultura), e posteriormente: Escoito cisnes, recital poético aberto coordinado por Óscar de Souto.

Martes 17
11:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. III Premio de Poesía Infantil Eduardo Pondal. Convidad@s: Concha Blanco, Diana Varela, Xelucho Abella e María Canosa.
De 17:00 a 19:00 h., na Casa dos Veciños. Iº Certame de Teatro Infantil Xosé Neira Vilas. Para as Aulas municipais de teatro de Malpica, Ponteceso, Cabana e Laxe. Recreo e obradoiro de caricatura con Xosé Vizoso.

Coñécese a gañadora do XV Certame Literario Relato de Aventuras

O venres 13 de maio, o xurado do XV Certame Literario Relato de Aventuras, organizado polo Concello de Noia e a revista de creación literaria e cultura do IES “Virxe do Mar” de Noia, fallou o premio do Certame.

O xurado estivo composto por:
– Don José Pérez Martínez, concelleiro de cultura, en calidade de presidente.
– Dona Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora.
– Dona Oliva Fraga Lombardía, traballadora do Concello.
– Don Baldo Fernández Ramos, profesor e escritor.
– Don Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.
– Don Xavier Castro Rodríguez, profesor e co-director da revista de Creación Literaria e Cultura “Casa da Gramática” do I.E.S. “Virxe do mar” de Noia.

Dos 10 traballos presentados resultou gañador o presentado co título Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, da autoría de Alexandra Martínez Martínez, coñecida polo nome de Alex Bayorti.

Compostela: Verso busca voz, homenaxe a Manuel María

A versobuscavozCidade da Cultura celebra o 17 de maio, Día das Letras Galegas, rendéndolle homenaxe a Manuel María. Será a través dun espectáculo multimedia que inclúe versos, vídeo-creación e música en directo, co seguinte programa:
De 10:00 a 12:00 h. Obradoiro de poesía e rap. A partir de 8 anos.
De 12:30 a 14:00 h. Verso busca Voz. Recital colectivo e mutimedia.
14:00 h. Aperitivo literario cortesía de Eidos de Iria, Petroni e Caurelor
A Cidade da Cultura convida á cidadanía a participar nun recital colectivo no que ademais de poñerlle voz aos poemas preferidos de Manuel María, poderemos gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev (Roberto Casteleiro) e as videocreacións de DSK (Juan Lesta e Belén Montero). As persoas que desexen participar recitando deberán inscribirse previamente aquí. Pola súa banda, a entrada será libre para todos aqueles que prefiran asistir unicamente como público.
Previamente, a Cidade da Cultura acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos no que, partindo dos versos de Manuel María, realizarán as súas propias creacións. O resultado será parte do recital colectivo co que homenaxear ao gran poeta lucense. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente.
A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, un bo vermú galego da man de Petroni e olivas de Eidos de Iria.

I Gala do Libro Galego, o sábado 14 de maio en Compostela

GalaDoLibroGalego2016Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.

Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.

Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:

18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
A partir das 21:30 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.

No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.

Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:

  1. Obra de ensaio
  2. Obra de narrativa
  3. Obra infantil e xuvenil
  4. Libro ilustrado
  5. Iniciativa bibliográfica
  6. Obra traducida
  7. Libro de poesía
  8. Libro de teatro
  9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
  10. Proxecto literario na rede
  11. Xornalismo cultural
  12. Escritor galego universal
  13. Premio honorífico á libraría
  14. Premio honorífico á editora

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.

O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.

Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016 Sigue lendo

Escritor Galego Universal 2016: Pere Gimferrer, actos para o venres 13 e sábado 14 de maio

CoPere Gimferrer Premio Escritor Galego Universal, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga e Luiz Ruffato, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.

Nesta edición, o premio será entregado a Pere Gimferrer pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no marco da Gala do Libro Galego, que esta entidade coorganiza xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores e que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Pere Gimferrer, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir.

O venres 13 de maio, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Fundación Luís Seoane da Coruña ofrecerá unha conferencia (entrada libre até completar aforo), na que estará acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Eduard Velasco, escritor e tradutor, quen repasará a traxectoria do autor catalán.

Pere Gimferrer recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, que terá lugar ás 19:30 horas do sábado 14 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela

Pere Gimferrer (Barcelona, 1945) é poeta, narrador e ensaísta. Membro da Real Academia Española e da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona. A súa obra desenvolveuse en catalán, castelán, francés e italiano.

Iniciou a súa obra en castelán con Mensaje del tetrarca (1963), mais foi o seu poemario Arde el mar (1966) o que lle valeu o Premio Nacional de Poesía e o deu a coñecer como o gran poeta que marcou un cambio de época na poesía española. Despois de La muerte en Beverly Hills (1969), xa en 1970, inicia a súa produción poética en catalán con Els miralls (1970), ao que seguiron títulos como L’espai desert (1977), El vendaval (1988), Mascarada (1996), El diamant dins l’aigua (2001) ou os máis recentes —despois de trece anos de produción poética en castelán— El castell de la puresa (2014) e Marinejant (2015).

Como narrador publicou en 1983 a novela Fortuny, que lle valeu o Premio Ramon Llull de Novela e mais o Premio da Crítica de Narrativa Catalá. Tamén destaca o seu Dietari, que reúne prosas escritas entre 1979 e 1982.

A súa produción ensaística céntrase, principalmente, na obra de poetas como J. V. Foix, Octavio Paz ou Vicente Aleixandre (La poesia de J. V. Foix, 1974; Lecturas de Octavio Paz, 1983; Perfil de Vicente Aleixandre, 1986), na de artistas como Antoni Tàpies e Joan Miró (Antoni Tàpies i l’esperit català, 1974; Les arrels de Miró, 1993) e nas relacións entre o cinema e a literatura (Cine y literatura, 1985).

Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.