Compostela: presentación de Exhumación, de Marcos Abalde

OMarcos Abalde xoves 22 de setembro, ás 20:00 horas, en NUMAX (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, preséntase o poemario Exhumación, de Marcos Abalde, Premio Lueiro Rey 2016, publicado por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Irma Amado e Manuel Bragado.

María Xosé Queizán leva o Premio da Cultura Galega de Letras

DesdeMaría Xosé Queizán Cultura Galega:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega, os galardóns cos que a Xunta de Galicia recoñece “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos”, daba a coñecer o seu ditame para este ano. No mesmo, recoñecen a María Xosé Queizán polo seu labor literario, mentres Miguel Fernández-Cid levou o premio das Artes Plásticas e Sarabela Teatro o de Artes Escénicas. Maximino Zumalave foi escollido no campo musical, mentres a cooperativa Numax obtivo o premio Audiovisual. O labor da Irmandade Xurídica Galega a prol da nosa lingua viuse tamén recoñecido co galardón neste campo, mentres o Museo de Pontevedra obtivo o premio na categoría de Patrimonio Cultural e Elena Zernova na de Proxección Exterior.
O xurado, presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, estivo composto polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, por delegación do seu presidente; a bibliotecaria-arquiveira da Real Academia Galega, Margarita Ledo, por delegación do seu presidente e mais o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, delegou o voto na Consellería de Cultura e Educación. Canda a eles participaron na elección o editor Xosé Ballesteros, a música Susana Seivane, a directora teatral Fefa Noia, e o fotógrafo Manuel Vilariño, coa subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro como secretaria. Os gañadores seleccionáronse entre un total de 40 candidaturas e recibirán como galardón unha escultura de Manolo Paz.”

Compostela: Vou pola Ponte Ledesma, recital de Isaac Xubín

OIsaac Xubín mércores 21 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Isaac Xubín ofrecerá unha pequena antoloxía persoal, onde, ademais dun percorrido polas súas propias creacións, recitará textos doutros autores que lle gustan ou que tivo a oportunidade de traducir: Gabriel Aresti, Joseba Sarrionaindia, Xosé Luís Méndez Ferrín, Chus Pato, Xuan Bello… «Do que non hai dúbida é de que o recital tratará sobre a viaxe e o concepto de identidade», afima o autor.

A Coruña: obradoiro de creación O ollo da Arte (I), impartido por Antía Otero

O ollo da Arte. I é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde coñecer, descubrir e compartir a práctica contemporánea, as derivas e os desbordamentos.
Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase a través dun programa definido, un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica artística propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades de cada participante.
Mergullando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, do video á arte urbana, pasando por outras como a performance, o cinema e a literatura, en O ollo da Arte propoñemos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal tendo en conta as derivas e os desbordamentos.
Tod@s aqueles e aquelas que participen en O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en Normal.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo

Datas: todos os martes entre o 4 de outubro de 2016 e o 7 de febreiro de 2017.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula circular de NORMAL.
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía.
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 19 ao 30 de setembro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña. As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo info@istoenormal.org ou no teléfono 881 014 502 en quenda de mañá.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502. Mail: info@istoenormal.org