“A forza indicíbel do Agustín”, por Suso de Toro

ArtigoAgustín Fernández Paz Distrito Xermar 2013 de Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No mundo da cultura de calquera pais hai figuras de toda caste, intelectuais e artistas que, alén de ofrecer o seu traballo creativo, compiten, loitan, defenden intereses particulares e posicións estéticas ou ideolóxicas. A figura do Agustín Fernández Paz non semella nin deste país nin deste mundo, o Agustín foi, é, un tipo único. E por iso todos queriamos ser amigos seus.
Non me cadrara ter apenas trato previo co Agustín. porén, ao que souben que lle picara o bicho, achegueime a el na primeira oportunidade, coido que foi con motivo dunha desas homenaxes que facemos cando a alguén o consideramos inofensivo ou está marcado pola morte. Eu sei ben por que o fixen, porque gustara daquel home simplemente.
Cando coñecemos a unha persoa que é especial por un motivo ou outro desexamos reter algo dela. Nese caso a nosa motivación é procurar enerxía, buscar a luz, é un dos resortes esenciais que move a vida dentro nosa. Mais, no meu caso pódese dicir que foi un acto político, foi un acto consciente de recoñecer e reforzar unha posición dentro do noso mundo cultural. Esa posición, a de Agustín, é a posición da esperanza. E a do amor.
Tense dito antes e tamén estes días que Agustín era moi boa persoa, érao mais iso non pode resumir sen máis a súa forza, o seu poder. Porque expresouse coas armas máis humildes, a modestia insistente do mestre, o oficio tomado a serio de escritor e os modais respectuosos, porén foi un loitador duro. Non falo do seu rexeitamento a un honor porque esas autoridades que llo concedían estaban a traizoar ao seu país, iso simplesmente é a coherencia dun home que sabe que cando os días que quedan están contados cada acto é valioso e ten que ser verdadeiro. (…)”

Agustín Fernández Paz, il miglior fabbro, por Armando Requeixo

ArtigoAgustín Fernández Paz Distrito Xermar 2013 de Armando Requeixo, desde Criticalia:
“(…) O que as letras galegas deben a Agustín Fernández Paz non se dá contado: case medio século de labor entregue á nosa cultura, á súa lingua, ao pobo e máis de cincuenta libros publicados, entre os que se atopan varias obras de culto.
Levaba a escrita na xema dos dedos. As palabras espellábanlle no iris e o mundo íalle entrando polos cómbaros do seu perenne sorriso ata o fondal dos paradisos fantasiados. Escribía aquelas deliciosas maxinacións en cadernos sempre de papel amarelo e, aínda que amaba todas as súas criaturas, tenme confesado algunha vez que O centro do labirinto lle dera moitas alegrías e que tiña debilidade por algúns deses seus fillos que non foran tan queridos, como O laboratorio do doutor Nogueira ou Corredores de sombra. Mais non me cabe dúbida de que, nos últimos anos, Non hai noite tan longa, O rastro que deixamos e A viaxe de Gagarin foron tamén verbas benamadas por el. (…)
Lembro que un día, hai catro anos, lle dixen: “Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?” Respondeu coa sabenza da que só son quen os seres irrepetibles: “Sei que o meu tempo se esgota, non preciso do subxuntivo. Como calquera narrador, a través dos meus libros aspiro a deixar testemuña da miña visión da vida e da miña concepción do mundo”. Abofé que o fixo. Boa viaxe Agustín.”

Trasalba, Amoeiro: “A represión franquista contra os intelectuais galegos”

13626353_1749782468642402_1249564711790796989_n