O acto comezará ás 19:00 horas no Museo de Belas Artes da Coruña e contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente e do secretario da Asociación da Prensa da Coruña, Manuel González e Cristóbal Atienza, respectivamente; e do xornalista Manuel Rodríguez Rodri García.
Donas, Gondomar: sesión Lendo contigo arredor de O meu pesadelo favorito, con María Solar
O
venres 27 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Lectura de Donas, Gondomar, terá lugar a última sesión do Club de Lectura compartida Lendo contigo, organizada por Espazo Lectura. O libro escollido é O meu pesadelo favorito, de María Solar, quen estará presente no acto.
Lois Diéguez: “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”
Entrevista
a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) “Manuel María era: Primeiro home, logo galego e, despois, poeta”. Lois Diéguez cóntanos no libro-DVD, Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, a vida do poeta nestas tres facetas á que se lle suma a de viaxeiro. (…)
Diéguez explicou que a orixe deste documental parte dunha peza audiovisual que se lle adicou un ano despois da súa morte: “Considerabamos que podiamos melloralo, entón fixemos unha versión máis corta. Esta de 25 minutos, o anterior de era de 45. E nestes 25 fixemos un estudo das imaxes máis racionalizado, máis no seu contexto e seguindo a cronoloxía da súa vida. Inicio, desenvolvemento e morte.”
A cinta discorre partindo dende a súa casa natal en Outeiro, pasando pola súa estadía en Lugo, Monforte e A Coruña, onde acaba, despois de pasar por todo o mundo. Lois Diéguez aludiu ao valor sentimental das fotografías “Hai imaxes moi interesantes recollidas de viaxeiros que foron, e fomos, con Manuel María por Exipto, Israel, Palestina, tamén Grecia e Italia que eran o centro da cultura clásica que el coñecía tanto e despois regresamos a casa, a Outeiro que é onde morre.
Xoan Carlos Garrido, realizador do documental, incidiu en que “O concepto do DVD era ilustrar con imaxes a poesía de Manuel María, o seu xeito de pensar e de vivir”, ademais quixo destacar a perspectiva viaxeira desta peza: “Entendendo a vida como unha viaxe, dende as súas casas, até os lugares que visitou e dos que se interesou e rematando na súa tumba. Xa que en moitas persoas Manuel María segue vivo e é alí onde o visitan.”
O vídeo remata, precisamente, ofrecendo unha rosa en Outeiro: “Un acto que fixemos daquela en 2005 e eran miles de persoas depositando a rosa na sepultura, entón é un recordo histórico da xente que pasaba por alí”, segundo Diéguez, quen identificou o vídeo como unha peza moi nostálxica “tal como era a súa poesía: Moitas veces triste e, nos primeiros tempos, máis alegre.”
No libro explícase todo isto dun xeito máis xenérico: Introduce, primeiro, a figura de Manuel María. O que representou na nosa cultura e na nosa política, como nacionalista e como poeta. Logo hai unha parte de estudo de Manuel María como viaxeiro, dos libros que adica a elas e, finalmente, explica as características do DVD.”
A Coruña: recital de Luz Pichel e Mohsen Emadi no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
30 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luz Pichel e o poeta iraniano Mohsen Emadi, cuxos poemas en parsi irán seguidos de traducións ao galego lidas pola condutora do acto, Yolanda Castaño. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2016.
Compostela: encontro poético con María do Cebreiro
Entrevista a María Solar no Zig-zag
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Autora de O meu pesadelo favorito, premio á mellor obra infantil e xuvenil na primeira Gala do Libro Galego e premio Lazarillo. María Solar presenta agora a súa primeira novela para adultos, As horas roubadas. A entrevista pode verse aquí.”
María Reimóndez publica A dúbida
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“María Reimóndez escribe unha novela sobre os abusos sexuais e a corrupción política. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Vila Real (Portugal): actos do encontro Cultura que une (do 27 ao 29 de maio)
Vimianzo: 3ª excursión do Roteiro paisaxístico-literario Costa do Solpor
O sábado 28 de maio terá lugar o terceiro Roteiro Costa do Solpor, organizado polo CAFI, ao que asistirán arredor de 50 profesores, que acuden de diversos puntos de Galicia (Monforte de Lemos, Vigo, Baiona, Santiago de Compostela…) e que, ao longo de todo o día, percorrán os principais espazos nos que se desenvolve a novela, co seguinte programa:
– Relator: Xosé María Lema Suárez.
– Acompañarannos: Alexandre Nerium e Miro Villar.
– Saída diante do Concello de Vimianzo ás 9:30
Percorrido:
– Vimianzo
– Ruínas do Pazo de Boallo (Berdoias-Vimianzo)
– Paso polo lugar onde estivo a Casa do Camiño de Vilar de Toba (Cee)
– Praia da Langosteira (Fisterra)
– Porto de Fisterra
– Cabo de Fisterra
– Corcubión
– Cabo Touriñán
– A Casa do Crego Sabio (en Santa Mariña de Coucieiro) e a Parroquia de San Cibrán [de Vilastose]
– A Furna da Buserana e a [Praia] da Arnela
– A vila fantasma cun nome maldito
– A ponte da Ponte do Porto
– O Cabo Vilán
– Costa Norte do Concello de Camariñas: do Cabo Vilán a Santa Mariña.
Nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora
Desde
Sermos Galiza:
“Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría.
A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.
A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino.
O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), verá a luz a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.
Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer.
A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación poética e de presentación de libros.
O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez. (…)”



