Todas as constelacións do mundo, discurso de Ledicia Costas nos Premios Xerais 2016

Desde Ledicia Costas 2Xerais:
O discurso pode lerse integramente aquí: Ledicia Costas Discurso Entrega Premios Xerais 2016.
“(…) Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos como historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo. Ledi, vas empachar con tantas letras!, dicíanme na casa. As letras engordan, pero por dentro. Por fóra non se nota. E seguín devorando libros, abrigándome nesas historias que derrubaron as miñas propias fronteiras. A lectura converteuse en fogar, refuxio e espazo íntimo. (…)”

Tabela dos Libros de xuño de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inmaculada Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. A próxima Tabela dos Libros aparecerá a primeiros de setembro. ¡Felices vacacións e boas lecturas!”

2016_xuño_tabela

Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o martes 7

OFeira do Libro de Ourense 2016 cartaz martes 7 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:00 h. Presentación de A boca do monte, de Celia Díaz, publicado por Editorial Galaxia. Participa, xunto á autora, Francisco Castro. Durante o acto intervirá o grupo musical As da Chispa.
20:00 h. José María Eguileta asina Dende Auria, na caseta da Deputación de Ourense.
21:00 h. Presentación de Silencio percutido, de Eva Veiga, gañadora do XXXI Premio de Poesía Cidade de Ourense, por Editorial Espiral Maior.

Negruña, a nova novela de Xosé Duncan, sitúase na Coruña do século XXIV

DesdeXosé Duncan o Diario Cultural da Radio Galega:
“Unha distopía e unha fantasía histórica. Negruña, a nova novela de Xosé Duncan, sitúase na Coruña do século XXIV. “A fantasía é unha ferramenta para facer unha crítica do que acontece en realidade”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xosé María Álvarez Cáccamo: “As mulleres foron protagonistas de grande parte da resistencia máis activa e lúcida contra o franquismo”

EntrevistaXosé María Álvarez Cáccamo de Montse Dopico a Xosé María Álvarez Cáccamo en Praza:
“(…) – Praza (P): Aínda que é unha novela [As últimas galerías] -o libro foi presentado como a súa primeira novela- non deixa de ter relación cos libros de memorias Memoria do poeta e Tempo do pai… Por que?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Si, e o asunto pode levarnos aos debates sobre os límites entre a ficción e a memoria. Eses dous libros que citas e As últimas galerías forman como unha triloxía. Non o fixen de xeito consciente, pero é como unha triloxía da memoria na que o peso do ficcional vai aumentando, ata este último libro, que aínda que ten unha ancoraxe na memoria persoal, é ficción. (…)
– P: En realidade, pode dicirse que é un libro sobre memoria histórica, sobre a guerra civil e a violencia que esta provocou e amparou. É así?
– XMAC: O fascismo é insaciable. E temos que insistir en que o levantamento fascista non só provocou milleiros de mortos e encarcerados, senón distintas formas de represión que afectaron de xeito especialmente dramático ás mulleres. A morte, o cárcere, a violación… e a vida baixo o xugo dunha absoluta violencia, que adoptaba distintas formas como o control… O acoso que sofre Amalia é unha desas mostras de violencia fascista. (…)
– P: Por que o libro se chama As últimas galerías?
– XMAC: O título ten un valor simbólico. Procede dunha conversa real que tiven con miña nai. Ela dixo que estabamos nas últimas galerías. Naquel momento entendino como unha revelación, un estoupido de lucidez, cun sentido poético. Aínda que creo que foi algo máis prosaico: ela pensaba que estabamos nunhas galerías comerciais. Quedei con esa imaxe e pensei que podería escribir algo… Ao principio ía ser un libro de testemuño, un libro de poemas… e acabou sendo unha novela. Pero tiven o título antes que o libro.
– P: A historia da familia reconstrúese a través da narración do fillo en primeira persoa, dos diálogos das conversas cos amigos e veciños da nai, das cartas e do diario da nai. Como pensou esta estrutura?
– XMAC: Quería que o enfoque fose o perspectivismo múltiple. Iso permitíame explicar o proceso de indagación do fillo desde distintas perspectivas e darlle variedade ao relato. Creo que tamén é verosímil que unha investigación sobre a historia familiar se faga a través de conversas, diarios, cartas… Por iso ese enfoque poliédrico, de voces múltiples (…)”

O Deserto, de María do Cebreiro, por Inma Otero

AInma Otero Varela web italiana Insula Europea acolle unha recensión do poemario O Deserto, de María do Cebreiro, a cargo de Inma Otero:
“Sobran os motivos que xustifican que se lle outorgase a este poemario o Premio da Crítica que concede a Asociación Española de Críticos Literarios cada ano ás mellores obras en poesía e narrativa de cada unha das linguas oficiais do Estado español.
Xa na súa fasquía máis externa o libro concíbese como un obxecto artístico que fala da multidisciplinareidade presente no discurso poético. O cine, as artes plásticas, a filosofía e os mitos configuran o universo ficticio da obra de María do Cebreiro, prolífica pese á súa xuventude. De sempre gustou de dialogar coas narracións que marcan o seu posicionamento cultural, como galega e como pertencente ao conglomerado da civilización occidental. No seu macrocosmos literario, tamén no ensaístico, hai moito de análise dos signos que axudan a concibirnos, e un dos relatos que inevitablemente se sitúa no noso substrato é o bíblico, tan presente no poemario.
Para alén da pesquisa en torno ao texto como acto comunicativo, neste caso centrada no valor da escrita como traza, aquí detéctase unha poesía da experiencia que privilexia a emoción fronte o intelecto malia o peso deste último aspecto. Afóndase na experiencia da dor, da culpa e da inxustiza cometida contra os marxinados, polo que a
referencia ao Antigo Testamento cobra un valor simbólico. O deserto convértese na metáfora da travesía a través do tormento, da ferida feita paisaxe como espazo da revelación. As verdades agóchanse nas fendas, no que latexa baixo a pel mais que transmuta grazas ao amor.
A exploración da dor condúcea tamén á relectura dos clásicos galegos e á Rosalía de Castro máis metafísica, outra das constantes da súa produción. A referencia rosaliana pon de relevo unha visión un tanto herética da Biblia que ten que ver co protagonismo da muller. En O Deserto espéllase o eu poético naqueles mulleres silenciadas pola historia oficial para situalas aquí no lugar central que lles corresponde para que o mito poida encarnarse, mesmo nas versións que coñecemos. Así, a María virxe e a María Magdalena, xunto coa María autora, reivindican o papel de todas as heroínas ás que se lles arrebatou a memoria da súa audacia.
A linguaxe poética converte a chaga en contradición que busca interpretar o que ocultan os pregues. Pero facendo da contradición virtude, as referencias intelectuais botan luz na escuridade para amosar como, a fin de contas, só o amor vale.”