Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Hai xa uns días que Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (Galaxia) anda polas librarías. A nova obra (coral, como ten dito ela) de Mercedes Queixas Zas fai un convite dende os andeis. Durante uns dous meses, logo da invitación da editorial, o libro estivo buscando forma na cabeza da autora. Despois chegou a escrita mesma. De cara ao 17 de maio, a idea é que «a xente xa vaia facendo os deberes», ri. Este ano, as Letras Galegas son para el, para Manuel María (1929-2004), o home e escritor de Outeiro de Rei.
– La Voz de Galicia (LVG): Todo un reto, parece, este traballo sobre Manuel María, no ano no que se lle dedican as Letras.
– Mercedes Queixas (MQ): Unha ilusión e unha satisfacción. A Manuel María adóroo como poeta e admíroo como persoa. Vida e obra camiñan xuntas. O reto era grande, porque foi un autor prolífico, completo. A súa vida foi vivida intensamente. Con Manuel María resultaba posible un volume enciclopédico, pero un libro de divulgación, con páxinas limitadas, non me foi doado. (…)
– LVG: ¿Cre que somos conscientes do papel que xogou Manuel María?
– MQ: Creo que lle acontece como aos grandes autores, aos que logo chamamos clásicos. Medran e empezamos a velos dunha maneira totalizadora unha vez que non están e hai ese distanciamento físico e temporal. As grandes obras son aquelas que se sosteñen no tempo, que volves a elas e seguen tendo peso e incluso gañan presenza, comunicación. Á obra de Manuel pásalle iso e sabiamos que lle ía pasar iso: é moi completa, moi de raíz, que nace dende o máis local, o máis próximo, e que se vai ensanchando a todos os círculos da vida. É universal, unha obra dun tempo, dun país, pero tamén unha obra que vai máis alá dun tempo do propio país. (…)
– LVG: O primeiro exemplar, para Saleta.
– MQ: Foi para ela, si, tiña que selo. Axudoume moito na construción da obra. Cónstame que lle fai ilusión, como todo o que se lle dedica a Manuel. É xenerosa, coma el, sempre a disposición dos que queremos estudalo, difundilo e popularizalo máis.”
Vigo: Círculo Poético Aberto, o sábado 12 de marzo
“Xa está de volta o Círculo Poético Aberto co marzal, o teu espazo en galego e para o galego. Estamos no Café Uf “Negra Sombra Blues” o segundo sábado do mes de marzo, día 12, ás 22:00 horas, na rúa do Pracer nº 19 en Vigo. Queres participar?, pois podes facelo con poesía, música, performance, monólogo, o que queiras… Só pedimos que sexa en galego e/ou portugués.” Organizado por Penúltimo Acto.
Anxo Angueira: “Esta edición de Follas Novas busca facilitar a súa lectura”
Compostela: Traduzir literatura galega para o inglês: tradutor e autora face a face, con Philip Krummrich e Teresa Moure
Marcos Abalde: “A min o que me interesa é alimentar a esperanza”
Entrevista a Marcos Abalde en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de gañar o Lueiro Rey de poesía e o xurado salientou “o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva”.
– Marcos Abalde (MA): Isto de Exhumación é unha metáfora para se referir á historia, hai que coller a historia a contrapelo para coller a versión dos vencidos, das vítimas, dos derrotados. É o que tento facer, falar desde a súa cosmovisión, pero non reducila na súa condición de vítimas, senón tentar recuperar o seu potencial emancipador. (…)
– SG: A nivel literario segues apostando por xéneros minoritarios, o teatro e a poesía.
– MA: Si, é o que me gusta. É como preguntarlle a un pintor por que fai pintura e non escultura. Eu escribo teatro porque se me pasan historias pola cabeza e penso que o teatro sería a maneira máis eficaz de contalas, é unha arte que me gusta a pesar das dificultades que haxa. (…)”
Tabela dos Libros de marzo de 2016, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, a Tabela dos Libros ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inmaculada Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Veu visitarnos… Beatriz Maceda Abeleira
Entrevista a Beatriz Maceda Abeleira en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Como dicíamos anteriormente, publicou no 2012 o seu primeiro libro Man, o alemán de Camelle, que é que lle atraía da figura dese artista e anacoreta para escribir sobre el?
– Beatriz Maceda Abeleira (BMA): Gústanme moito as persoas como Man. Penso que son elas, as menos mediáticas e que non saen todos os días nos medios de comunicación, as que fan deste mundo un lugar aceptable.
Man, ademáis de ser un gran artista, transmite moitos valores importantes: como podemos vivir con moito menos, o respecto á natureza, a coherencia, a tenacidade… (…)
– FL: O pasado ano publicou O álbum de Garrincha (Galaxia), onde mestura integración social e fútbol. Como nace este libro?
– BMA: Este libro nace no patio dun colexio, e cuns alumnos e alumnas que tiven o pracer de estar con eles durante dous cursos no colexio de Carral.
Tiña unha clase con nenos e nenas de moitos países, e vivín as súas dificultades para integrarse. Mais tamén descubrín que o fútbol é un elemento unificador moi rápido, que rompe a primeira barreira. (…)
– FL: A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?
– BMA: Os dous libros que teño publicados están ilustrados por Laura Veleiro, que ademais de ser a miña amiga, é unha gran ilustradora. Unha persoa moi traballadora, comprometida e responsable.
O feito de que sexa a miña amiga fai o traballo mais doado, xa que nos entendemos moi ben.
Os ilustradores son fundamentais na literatura infantil e xuvenil. A determinadas idades os nenos e as nenas non collerían un libro se nón ten ilustracións, aínda máis, é o primeiro que miran.
É marabilloso que alguén debuxe as túas palabras, que lles dea forma, cor.
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– BMA: Todo o que leo e o que escribo faime crecer como persoa, vivir moitas vidas. É un privilexio.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este traballo?
– BMA: Conquistar as lectoras e lectores. Cando publicas un libro, a exposición de ti mesma é moi grande, xa que sempre hai moito de ti en cada un deles.
Tamén as dúbidas, os temores, que sempre van unidos ao proceso creativo. Cando te atopas con esa frase que as palabras son incapaces de expresar. (…)”
Mercedes Queixas: “Manuel María tíñase por labrego con algo de poeta”
Arturo Casas presenta as dúas obras reeditadas de Dieste
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Galaxia volve publicar A fiestra valdeira e Dos arquivos do trasno, primeiras obras do autor de Rianxo. A entrevista a Arturo Casas pode verse aquí.”
Mario Regueira estuda a narrativa de posguerra
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Mario Regueira estuda a narrativa de posguerra na tese A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia: “Existen determinadas inercias interpretativas a respecto da historia da literatura galega e da editorial Galaxia”. A entrevista pode escoitarse aquí.”