A
segunda
feira 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Silvia Penas e a poeta italiana Laura Accerboni. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos decembro 2016.
Compostela: presentación de 1936. O Estatuto esquecido
Crónica videográfica da IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional (e IV)
A
IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, organizada pola AELG e a AS-PG, co apoio da Deputación de Lugo, tivo lugar o sábado 12 de novembro en Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Presentación da conferencia de Ana Acuña, por Isidro Novo.
– Conferencia: Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular, por Ana Acuña.
– Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría, con Ana Acuña, Pablo Vaamonde e Isidro Novo.
– Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna, con Carmen Prado Penas, María Moure Oteyza e Antonio Reigosa.
Eva Veiga: “O mundo non ten posibilidade de redención sen a inocencia”
Entrevista
de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches Silencio percutido e Soño e vértice moi seguidos, e moi perto tamén de A distancia de tambor. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?
– Eva Veiga (EV): Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro Soño e vértice e despois Silencio percutido, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que Silencio percutido e Soño e vértice teñen moito que ver.
– P: En que sentido?
– EV: É como se Silencio percutido só puidese vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre. (…)
– P: Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?
– EV: A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.
– P: Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.
– EV: Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.
Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos. (…)”
Bases do 26º Certame de narracións breves Manuel Murguía de Arteixo
A Estrada: presentación de Así aprenderán a non ter ideas, de Calros Solla
Intervención da Asociación Galega de Editoras nas xornadas de debate no Parlamento Europeo
Ponteareas: presentación de Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
Vigo homenaxea ao poeta Francisco Cortegoso
Gondomar: entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo a Xosé Iglesias
Desde
o IEM:
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor. O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:
– A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
– Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.
– O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.
– Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.
– O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
– Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.
– Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.”







