Eva Veiga e Isaac Xubín fanse cos Premios da Crítica 2016

Desde Cultura Galega:
“O pasado 22 de abril Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) daba a coñecer os seus tradicionais premios, que recoñecen obras nas catro linguas oficiais do Estado. Nesta ocasión, na categoría de obras en galego os gañadores foron Eva Veiga en Poesía, polo seu poemario Soño e Vértice, e Isaac Xubín en narrativa por Non hai outro camiño. Os galardoados foron propostos pola Asociación Galega da Crítica, logo de votación dos seus membros, a estes prestixiosos galardóns que non teñen dotación económica.”

Novo roteiro literario: Muros-Carnota: pedra, mar e luz, por Francisco X. Fernández Naval

A web da AELG, na súa sección O Territorio do Escritor/a, conta cun novo roteiro literario con título Muros-Carnota: pedra, mar e luz, da autoría de Francisco X. Fernández Naval. A elaboración, tradución e xeorreferenciación deste roteiro foi posíbel grazas ao financiamento da Deputación Provincial da Coruña.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Xosé Monteagudo, o 22 de abril

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 22 de abril, con Xosé Monteagudo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Emma Pedreira: “A estética pola estética non me interesa”

Entrevista de M. Obelleiro a Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Son eses os fobólogos, termo acuñado por ti, dos que falas no teu último libro Bibliópatas e fobólogos?
– Emma Pedreira (EP): A etimoloxía existe, o fobos como un rexeitamento a algo e logo para a palabra. Sería o antónimo ao filólogo, que é quen ten amor polas palabras. Estámolo vendo e vivindo constantemente, existen os fobólogos e as fobólogas, esa xente que che di “no me hables en gallego que no te entiendo”, “yo lo entiendo pero no lo hablo”… Iso é foboloxía, un odio por esa lingua, por esas palabras e unha impermeabilidade total a que ese idioma entre ti. E proliferan, cada día máis.
– SG: O feminismo está presente en toda a túa obra, por que?
– EP: Si, podes ver máis poemas feministas, de corte máis social, que eróticos. A muller sempre está, as devanceiras, a loita no agro… ou os distintos tipos de violencia contra as mulleres. Hai un libro enteiro dedicado ao maltrato que se dá nunha parella e nunca se tivo en conta esa característica. Falamos de críticos que teñen que poñer en valor as características e temas dese libro e deciden que como se di “teta” nun verso é un poemario erótico pero non están vendo que é unha teta dunha muller que está morta porque a súa parella acaba de matala. É unha cousa que me molesta bastante. Aí póñome snob. Eu penso que se a poesía non ten compromiso, non vale para nada. A estética pola estética non me interesa. Temos a potencia da palabra e témola que encher de contido, de compromiso, de loita… que sirva para algo. Gastar 20 euros nun libro de poesía que supoña en ti unha idea de revolución fai que ese libro, ese esforzo, pague a pena. Se non, non me interesa. (…)”

Francisco Rodríguez recibe o Premio Nacional Galiza Cultura

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Francisco Rodríguez: “Non nos podemos contentar cunha cultura galega en guetos, marxinal, atomizada e de leiriñas”. Pode accederse aquí.”

Entrevista a Alberte Blanco, coordinador do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?

Entrevista de M. Obelleiro a Alberte Blanco Casal en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cales son as necesidades do monte?
– Alberte Blanco Casal (AB): Neste momento, hai que formularse unha planificación dos recursos e para iso habería que resolver un problema previo, o minifundismo forestal, que impide unha explotación racional do noso monte. (…)
– SG: No libro salientades a viabilidade dun monte sustentábel.
– AB: O monte sustentábel é obxecto da política que levabamos a cabo na Xunta. O monte sustentábel é aquel que permite producir, ter unha economía forestal que satisfaga os habitantes do medio rural e garantir que quen veña despois poida seguir gozando dun monte que siga producindo e que á vez sexa respectuoso co medio ambiente, garantindo que o que se fai no presente non vai producir unha degradación no futuro. Para min iso é un monte sustentábel e é perfectamente viábel, pero hai que cambiar as tendencias e os vectores, que van na dirección de converter o monte nun monte caótico. Nós apostamos na multifuncionalidade, non só nun monte dedicado á extracción da madeira, senón onde poidan convivir outras actividades económicas rendíbeis.”