Comunicado público da AELG de apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee

AAELG Logo 3-2015 Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega declara publicamente o seu apoio ao manifesto Queremos galego na administración local de Cee e fai un chamamento a usar, apoiar e impulsar a nosa lingua propia, lingua en que se expresaron as e os poetas do noso país, algúns deles fillos desa comarca de Fisterra.

Van alá máis de cento cincuenta anos de afáns para devolver a nosa lingua ao lugar que ocupou e que lle corresponde como ÚNICA LINGUA PROPIA de Galiza, tamén recoñecida como OFICIAL polo Estatuto de Autonomía galego. Somos quen somos por termos criado esta lingua. É por ela que somos recoñecidos como galegas e galegos e así o queremos seguir sendo. É grazas á lingua oral -base da nosa cultura e raíz do noso sistema literario- que desde a escrita nos é permitido transmitir elementos patrimoniais que, de ficaren restrinxidos á vía oral, fariamos hoxe parte dunha xeración moito máis enmudecida.

Por iso non podemos máis que refugar os argumentos que pretenden impedir a súa necesaria potenciación para inverter a actual tendencia decrecente que nos fai preguntarnos con preocupación polo seu futuro.

Preocúpanos a insensibilidade de quen se estende en citas xurídicas para negar unha realidade evidente, o retroceso social por infravaloración marxinal da lingua galega, tan evidente que até todas as organizacións políticas foron quen de se pór de acordo en favor da nosa lingua nos marcos lingüísticos legais e de referencia. como é a Lei de Normalización Lingüística ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. En relación con isto non podemos comprender como eses acordos que se aceptan e asinan non son logo colectivizados polo conxunto das persoas que conforman esas organizacións, para seren defendidos por todos e cada un dos seus representantes públicos en todas as administracións.

Asemade, pretender xustificar o inxustificábel de todo punto de vista, como é restrinxir a igualdade lingüística apelando á escrita de obra literaria en castelán por parte de Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro resulta intelectualmente deshonesto, pois ignora que esta actuación tivo lugar de forma non libre, precisamente en momentos de non regulación ou, propiamente, prohibición e desamparo da lingua galega, o que implica un maior valor para a súa vontade de escrita e publicación en galego, ademais de seren autores destacados na defensa da normalización lingüística.

En todo caso o que si é obriga das institucións galegas é garantir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, que protexe o dereito da cidadanía a se dirixir en galego ás distintas administracións, o que, para ser efectivo, precisa de potenciación da lingua entre os traballadores e traballadoras da Administración. Tamén é necesario que as administracións apliquen tres actitudes sociolingüísticas que foron recollidas no seu día no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en 2004, a saber: oferta positiva, oferta informativa e cortesía, e que podemos resumir como actitude favorábel ao emprego da nosa lingua, que será a lingua en que as administracións se dirixirán ao público.

Como escritoras e escritores galegos reclamamos unha potenciación real e efectiva da nosa lingua, accións que redunden nunha ampliación do seu uso, medidas que sirvan para que a nosa lingua sexa a lingua en que fale o futuro, garantía imprescindíbel de supervivencia.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria do 14 de novembro, con Felipe Senén

Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria, da man de Felipe Senén, que tivo lugar o pasado 14 de novembro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.

1447663535713PaseoLiterarioFelipeSenenACorunha-2015-021447663536713PaseoLiterarioFelipeSenenACorunha-2015-041447663538057PaseoLiterarioFelipeSenenACorunha-2015-071447663538471PaseoLiterarioFelipeSenenACorunha-2015-081447663540915PaseoLiterarioFelipeSenenACorunha-2015-13

Histórica unión arredor do libro, por Henrique Alvarellos

ArtigoRolda Gala do Libro Galego 2016 de Henrique Alvarellos en El Correo Gallego:
“Non tivo moito eco, ata agora, nos medios de comunicación, mais foi unha nova sen precedentes. Un fito que podemos cualificar de histórico. En Galicia, falar de unión e fuxir é todo un, pero a pasada semana tivemos unha gran excepción. Chámase Gala do Libro Galego e será unha festa literaria que terá lugar en maio de 2016. Nela recoñeceranse as mellores obras publicadas en Galicia durante todo este ano. Para organizala e celebrala puxéronse de acordo, fusionáronse, os tres grandes gremios do sector do libro en Galicia: a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia.
Ata hoxe, cada un organizaba as súas propias galas, entregaba os seus respectivos premios, elexía aos seus xurados e buscaba, por separado, cadanseu financiamento. Así se foron celebrando, todos estes anos, os Premios da Edición, os Premios Irmandade do Libro, e os premios da AELG. Os tres tiñan un obxectivo común: recoñecer os mellores traballos de creación escrita galega e visualizar o mundo do libro e da lectura.
Non tiña sentido seguir así. Por iso, o pasado venres déronse cita os tres colectivos no Consello de Cultura Galega e presentaron o acordo. “O resultado non é o dunha suma senón o dunha multiplicación”, afirmou acertadamente Cesáreo Sánchez Iglesias, responsable da Asociación de Escritoræs.
Uns días antes tiña lugar, tamén no Consello da Cultura Galega, un simposio sobre o futuro das feiras do libro, organizado polos Editores. Tocoume participar nunha das mesas redondas, con outros editores e libreiros. Todos estivemos de acordo en que as feiras, tal e como hoxe estaban concibidas, non teñen futuro, que deben ser repensadas, e que nese renacer é imprescindible a unión, o camiño xuntos, polo menos, destes tres grandes colectivos organizados no sector do libro en Galicia. (Mais, tamén, outras asociacións ou agrupacións de ilustradores, distribuidoras, tradutores, críticos, impresores, etc). Esta primeira e unitaria Gala do Libro Galego de maio de 2016 será o inicio, sabémolo, de moitas outras actuacións conxuntas. Xogámonos o futuro da nosa cultura escrita. Falamos dunha industria, a cultural, a da palabra, que é riqueza económica para un pobo. E falamos tamén de algo tanto ou máis importante que esa riqueza: é a cultura da paz, pois non hai outra dentro dos libros.”

Pontevedra: presentación conxunta de Nena e o mar, de Érica Esmorís; Europa Express, de Andrea Maceiras e De remate, de Héctor Cajaraville

OCajaraville_Esmoris_Maceiras venres 27 de novembro, ás 20:00 horas, no Paraninfo do IES Valle Inclán de Pontevedra, o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais organizan a presentación conxunta de Nena e o mar, de Érica Esmorís, Europa Express, de Andrea Maceiras e De remate, de Héctor Cajaraville. No acto, xunto ás autoras e ao autor, participan Anxo González Guerra, Daniel Landesa, Anxos Rial e Manuel Bragado.

Entrevista a Antón Riveiro Coello no Diario Cultural

DesdeAntón Riveiro Coello o Diario Cultural da Radio Galega:
Antón Riveiro Coello presenta Os elefantes de Sokúrov. “Cando un escritor é capaz de lerse desde fóra é cando realmente pode acadar mellores obras, por máis que iso tampouco é matemático”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”