Vigo: presentación de Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa e Antonio García Teijeiro

OLendo lendas digo versos mércores 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase Lendo lendas, digo versos, de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, ilustrado por Xosé Cobas e publicado por Xerais.

Ledicia Costas gaña o Premio Lazarillo 2015 na modalidade de Creación Literaria

O Ledicia Costaspasado día 13 de novembro fallouse en Madrid o Premio Lazarillo 2015, na súa modalidade de creación literaria, convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, cunha dotación de 2500 euros, da que resultou gañadora Ledicia Costas coa obra titulada Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante.
Este prestixioso galardón, o máis antigo da literatura infantil e xuvenil, foi convocado polo extinguido Instituto Nacional del Libro Español no ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e rapaces. Desde o ano 1986 é a OEPLI a encargada de convocalo anualmente, nas modalidades de “Álbum Ilustrado” e “Creación literaria”,
O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI e por Arantxa Bea, Aurelio Erdozain, Ana María Navarrete e Antonio Manuel Fraga, designados por cada unha das catro seccións territoriais da OEPLI. Actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaría Técnica da OEPLI. O xurado destacou da obra gañadora: “Unha novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida e unha linguaxe literaria sinxela pero elaborada, que combina con precisión elementos da realidade e ficción e dándolle un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”.

A Coruña: entrega do Premio Repsol a Marcos Calveiro

OMarcos Calveiro martes 17 de novembro, ás 20:30 horas, na sede da Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17), na Coruña, Marcos Calveiro recibirá o Premio Repsol de Narrativa Breve outorgado á súa novela Fontán, publicada por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Román Rodríguez González, Ignacio Egea Kraul, Víctor F. Freixanes e Loreto Silvoso. Ao final haberá un recital a cargo dos membros do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Preséntase Lendo lendas, digo versos

DesdeLendo lendas digo versos o Diario Cultural da Radio Galega:
“As lendas en verso e en imaxes. Un libro, Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé

Desdexurado_paralle_2015-300x201 o Premio Pérez Parallé:
“O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato O vello e o minotauro.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.”

Bases do XIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil

APremio Dora e Pura 2015 Deputación de Ourense convoca o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil, dotado con 3.000 € para as dúas modalidades, un certame que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.
Ao premio, na súa modalidade de narración, poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas.
A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN.
As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve recensión bio-bibliográfica.
O prazo de admisión de orixinais remata o 31 de decembro de 2015, admitíndose, non obstante, aqueles que foran entregados nas oficinas de Correos ese mesmo día. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 €.
O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial a proposta dos grupos políticos da Corporación.
A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame no primeiro trimestre de 2016. O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.
Unha vez fallado o premio de narración (no primeiro trimestre de 2016) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.

Entrevista a Xosé Estévez

EntrevistaXosé Estévez a Xosé Estévez na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a história?
– Xosé Estévez (XE): Segue a gostarme a vella definición latina da historia coma “magistra vitae”, porque o acontecer no pasado ensina o camiño do presente e sinala o carreiro do porvir. Porén, tamén engadiría que o pensamento da historia integral, herdeira de Marc Bloch, ten que ser un estudo integral das sociedades, no que as infraestruturas básicas (demografía, economía, estrutura social..) sexan o eixo sobre o que se asentan as supestruturas ideolóxicas, políticas etc.
Tamén é importante para min comezar por estudar as comunidades que están máis preto, como é patria onde naciche ou onde te asentache. Non acredito nos cosmopolitas de salón, que enchen a boca proclamando a cidadanía universal. Normalmente un vai dende o máis próximo e despois vai ampliando horizontes e non ao contrario.
Ao remate, xa é un adaxio moi repetido que non se debe esquecer e os dirixentes actuais pásano por onde se cruzan os pantalóns: “O pobo que descoñece a súa historia, está condenado a repetila, adoito de xeito tráxico”.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a história e as artes -e a repercusão que tem na vida quotidiana-?
– XE: Tódalas ciencias humanísticas (arte, filosofía, historia, etc.) forman un conxunto integral e integrador, sen o cal calquer persoa non pode entender o mundo interior e exterior que a arrodea. Hoxe existe unha excesiva especialización en todo. Nos vellos plans de Filosofía e Letras, que eran cinco anos, había dous cursos comúns, que daban unha visión global da cultura. Agora coas carreiras reducidas a asignaturas, son cuadrimestrais, e a especialización empeza en primeiro. A formación, polo tanto, é moi restrinxida e circunscrita a un tema moi concreto. Ademais, dáse unha política perfectamente deseñada para ir eliminando e desprestixiando as humanidades. Estas contribúen a amoblar a cabeza e facer xente reflexiva e crítica e isto non interesa ao Poder. Esta mentalidade inserida solapadamente non novos plans, como o Boloña, xa a denunciei hai moito tempo nun artigo que tivo certa resonancia. Como se ía cara unha privatización raposeira do ensino universitario, un desprestixio progresivo das humanidades e a pura adaptación do ensino ás necesidades do mercado, cando o ensino debe primeiro formar integralmente persoas e non máquinas para o mercado. Está acontecendo, e isto púideno comprobar nos últimos meus anos de ensinante, que as novas xeracións están moi informadas, pero pouco formadas; están moi tituladas, pero non tan preparadas.
– P: Quais são os teus referentes como historiador (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– XE: Teño moitos referentes, polos que sempre sentín admiración: Marc Bloch, Pierre Vilar, Josep Fontana, Paco Carballo. Ademais, tiven na Universidade Complutense algúns profesores que deixaron pegada en min: José Alcalá Zamora, María Victoria López Cordón, Javier Faci.. Porén, hai un persoeiro, que, aínda que non era historiador, senón máis ben poeta, provocou en min enorme interese polo estudo da historia, sobranceiramente, a galega. Foi Manuel María. Coñecía fondamente a historia de Galiza e explicábaa con un enorme entusiasmo. É moi importante coñecer ben a nosa historia e dala a coñecer con verdadeiro entusiasmo para que as novas xeracións amen o seu país, que por desgraza non coñecen dabondo. (…)”