Modesto Fraga: “A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía”

Entrevista Modesto Fragade Carlos Loureiro a Modesto Fraga en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E neste espazo vai nacer un grupo literario que adoita aparecer en letras maiúsculas na nosa literatura contemporánea: o “Batallón Literario da Costa da Morte” conformado por xoves plumas nadas nos anos sesenta e setenta -se exceptuamos á mestra Marilar, claro-… Que supuxo para ti este novo faro desta costa, neste caso un faro literario?
– Modesto Fraga (MF): A aparición do BLCM a comezos da década dos 90 supuxo unha boa oportunidade de dar a coñecer as nosas inquedanzas, pero non só desde o punto de vista literario –que tamén- senón como acción directa impulsada por un movemento cultural cívico comprometido coa sociedade na que nos tocou vivir (reivindicación da nosa lingua, restauración e dignificación da Memoria Histórica, promoción e difusión das novas voces da literatura galega, etc). (…)
– NG: Os premios adoitan marchar da man de Modesto Fraga… É esta a fonte necesaria para a publicación da nosa poesía? Pode o virtual axudar na expansión e universalización da nosa poesía?
– MF: Sempre concibín os premios literarios coma unha plataforma útil para dar a coñecer novas voces e para facilitar novos discursos se queremos pulsar a situación que vive o noso sistema literario. Non todos os premios literarios son xustos á hora de emitiren nos seus ditames, pero iso non significa que estean amañados ou que non constitúan unha ferramenta axeitada para posibilitar a aparicións de novos autores e autoras. No meu caso, recoñezo que sempre tiven boa fortuna neste aspecto e non me podo queixar do recoñecemento obtido ao longo destes anos. Por outra banda, é evidente que no mundo global no que vivimos os novos soportes dixitais xogan un papel determinante no que atinxe á difusión da creación literaria e, ademais, posibilitan, pola súa inmediatez, que cheguen a un número de lectores e lectoras certamente elevado. (…)
– NG: Realmente a poesía é para ti “o gran milagre do mundo” tal e como reza nunha obra colectiva na que participaches ou simplemente é a mostra da sensibilidade e compromiso do poeta co seu mundo, consigo mesmo…?
– MF: Eses versos fermosísimos de Luís Pimentel reflicten, ao meu entender, a meirande mostra de amor do poeta para cos valores do Humanismo. En síntese, o verdadeiro poder da poesía radica na súa función social, mais tamén na súa humanidade capaz de facer sentir ou de “dicir o que non se pode dicir”, en palabras de José Hierro. Ese -e non outro- é o grande milagre da poesía. (…)
– NG: Dicía Vicente Aleixandre que “a poesía ten que ser humana; se non é humana, non é poesía”. Estás de acordo con isto o máis ben optas por certo vangardismo?
– MF: Estou absolutamente de acordo con esa reflexión do grande poeta Vicente Aleixandre. A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía. (…)”

XII Simposio O libro e a lectura: o futuro das Feiras do Libro de Galicia, o xoves 12 de novembro

O Asociación Galega de EditoresXII Simposio O libro e a lectura: O futuro das feiras do libro de Galicia terá lugar o 12 de novembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A continuación pódese consultar o programa completo:

PROGRAMA

MAÑÁ
9:00 Entrega de documentación.
9:30 Inauguración a cargo a presidenta da AGE, Laura Rodríguez; o presidente do CCG, Ramón Villares e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
10:00 Conferencia La innovación de un festival sin límites, Mª. Sheila Cremaschi, MBE. Directora de “Hay festival”, Segovia. Presenta: Laura Rodríguez Herrera, presidenta da AGE.
12:00 Panel de experiencias de éxito: Semana do Libro en Catalán, Praza dos Libros, Salón do Libro de Pontevedra, Culturgal, Semana da Música Infantil. Presenta: Ana Guerra, Edicións Obradoiro.
Montse Ayats, editora e presidenta da Semana do Libro en Catalán.
Anxos Riveiro, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra. Salón do Libro de Pontevedra.
Xosé Aldea, editor e director de Culturgal.
Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo. Praza dos Libros.
Francisco Castro, da Editorial Galaxia. Semana da Música Infantil nas Feiras do Libro de Galicia.

TARDE
16:15 Mesa temática: O espazo, os produtos, os públicos. Presenta Miguel Toval.
A concepción do espazo. Xulio Turnes, arquitecto en DH (Domohomo).
Como presentamos os nosos produtos culturais. Sergio Lago, xestor cultural.
Os nosos públicos atentos. Félix Caballero Wangüemert, profesor de Facultade de CC SS e Comunicación de Pontevedra.
18:00 Mesa redonda: O futuro das feiras do libro. Presenta e modera: Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
Gonzálo Pérez, de Librería Cartabón.
Lola Puerta, de Librería Aenea.
Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
Pío Barreiro, de Librería Kómic.
Eduardo Riestra, de Ediciones del Viento.
19:00 Compromiso de colaboración ano 2016.
Intervención de representantes da Federación de Librarías de Galicia, Asociación Galega de Editores, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
19:30 Clausura da xornada. Entrega de certificados de asistencia.

Organiza : Asociación Galega de Editores.
Patrocina: CEDRO.
Colabora: Consello da Cultura Galega.

Compostela: presentación de De remate, de Héctor Cajaraville

O Héctor Cajaraville De rematevenres 6 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, preséntase De remate, de Héctor Cajaraville, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pilar Ponte Patiño e Manuel Bragado. Terá lugar tamén a proxección do booktrailer De remate. En memoria de Bieito Sanmarful, de César Galdo.

Veu visitarnos… Toño Núñez

EntrevistaToño Núñez a Toño Núñez en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?
– Toño Núñez (TN): Uf! Teño para min que o feito de ser un rapaz e un mozo moi tímido e acomplexado foi decisivo. Procurei refuxio no papel, porque o papel non me delataba. Esa necesidade de botar para fóra todo aquilo que queimaba dentro (especialmente a vivencia dos primeiros amores, sempre platónicos e inconfesables) debeu ter moito que ver. Quizais, tamén, supoño, o posuír unhas pingas de sensibilidade, o desexo de cambiar tantas realidades que atentan contra a dignidade das persoas, dos pobos, das linguas… e esa teimuda lei do máis forte, que te anula e te afunde na impotencia; nestas circunstancias non che quedan máis armas cá palabra.
Facerme profesor de Preescolar e traballar con nenas e nenos pequenos e o nacemento das nosas fillas tamén foron motivacións importantes; escribir para elas e eles foi, e segue a selo, moi pracenteiro.
E supoño que arredor da actividade creativa, polo menos no meu caso, tamén hai unha certa dose de vaidade, de desexo de transcender, de procurar a inmortalidade… O difícil é conseguilo.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– TN: Como dicía, vivir e interactuar con nenas e nenos, meterme no mundo das súas vivencias, das súas lecturas, dos seus intereses… E a chegada das nosas fillas, acontecemento tan transcendental na vida dunha persoa… (…)
– FL: Cando principia un proxecto literario, como concibe a trama dese novo libro? Como xorden as ideas?
– TN: Eu, como non paso de ser un escritor afeccionado, escribo a arroutadas, sen método, sen ningún tipo de disciplina; case que só cando o necesito. As ideas? Unha vivencia, unha lectura, unha película… Un soñar esperto pola noite, nese punto en que a consciencia é feble e soñar é de balde, moi doce… Ás veces, algún soño deses faise realidade, faise texto. Pero escribo con moita descontinuidade, e todo aquilo que non me sae case dun tirón queda aparcado nalgún caderno dalgún caixón ou no entripado do ordenador. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritor?
– TN: Eu non paso de ser un afeccionado á escrita, polo tanto, sería un ousado se falase dende a perspectiva daquelas persoas que teñen por oficio escribir. Como afección, para min escribir é, case sempre, unha necesidade. E é moi pracenteiro; porque, cando acende a chispa creativa e comezan a ferver e a bulir as ideas, ata o punto de que as mans non as dan reproducido á velocidade que burbullan nos miolos, é moi gozoso. Logo, o proceso de mellora e revisión resúltame menos gratificante. Máis adiante, a relación coas editoriais e as ansias por publicar poden chegar a ser frustrantes; pero, outras veces… hai final feliz e, entón… é marabilloso. De certo, escribir tenme dado momentos moi plenos e satisfaccións moi grandes.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– TN: Xa dixen: como para min non é un oficio, non teño unha opinión moi formada. Dificultades? A min frústrame moito que unha editorial non se tome nin a molestia de contestarme, que non valore que detrás dun texto sempre hai unha persoa ansiosa por saber algo do seu proxecto. Podería falar da falta de tempo, pero tampouco teño claro que, se dispuxese de máis tempo, fose quen de escribir máis. (…)”