A editorial Alvarellos recibe un dos Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego

Desde Fervenzas Literarias:
“O compostelán Pazo de Raxoi acolleu hoxe o acto de entrega dos Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial. Entre as tres categorías premiadas a editorial Alvarellos recolleu a distinción especial do Premio pola súa importante contribución cultural durante case catro décadas e incorporar as novas xeracións. O xurado do premio valorou tamén o seu vínculo coa capital do país e a calidade das súas producións, mantidas e impulsadas con iniciativas que achegan o libro á poboación lectora e que saben pescudar no pasado para convertelo en coñecemento útil e interesante no presente.
Estes premios están convocados conxuntamente pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago e teñen como obxectivo o de recoñecer o esforzo que realizan as empresas de Compostela no proceso de facer normal o uso da lingua propia de Galicia. As outras dúas empresas premiadas foron Nanube, na categoría de uso continuado do galego; e Miranda Priestly na categoría de nova incorporación ao galego.”

A Coruña: mesa de debate Novos vieiros para a narrativa

O martes 20 de decembro, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas), na Coruña, terá lugar a mesa de debate Novos vieiros para a narrativa, coa que a Real Academia Galega finaliza o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Fina Casalderrey.
Relatores:
– Ramón Nicolás. Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas.
– Camiño Noia Campos. A narrativa oral e costumista na época das Irmandades.
– Dolores Vilavedra. As coleccións de narrativa breve, ¿continuidade ou renovación? O caso da colección LAR.

Vilalba: recital poético solidario internacional Verso, ¿que traes? Esperanza

O vindeiro venres 16 de decembro ás 19:30 horas, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, agardamos por vós na celebración do III Recital Poético Solidario Internacional, baixo o lema “Verso, ¿que traes? Esperanza”.
Todo o recadado no evento irá destinado á Campaña de Xoguetes da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Vilalba, cuxa iniciativa se chama “Os seus dereitos en xogo”. Con esta causa solidaria pretendemos levar xoguetes a máis dun cento de nenos e nenas da comarca da Terra Chá de entre 0 e 12 anos.
A venda de entradas realízase na Casa da Cultura de Vilalba e no Centro Cultural e Recreativo. Prezo: 3€.
Despois do recital farase un sorteo de libros cedidos e asinados polos autores que van recitar entre os asistentes ó acto.

Eli Ríos: “Os martes e 13 pasan a ser o meu día favorito”

Entrevista a Eli Ríos en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): – Eli, como te sentes despois de recibir o maior premio da literatura galega?
– Eli Ríos (ER): Agora mesmo estou desbordada de emoción. É a miña primeira novela de narrativa de adultos e supón unha enormísima responsabilidade. Ademais a é un texto moi complicado, unha aposta arriscada que teño que agradecerlle ao xurado porque é difícil que un texto de complexidade formal así chegue a finalista dun premio e máis aínda que o leve.
– LeO: De que trata Luns?
– ER: O texto centra a súa atención na vida diaria dunha muller de 37 anos, nai dunha nena e dun neno; cando se introduce un elemento novo, como é neste caso, un diagnóstico de cancro, toda a realidade sofre unha volta, que obriga volver analizar o existente; a dor, as relacións sociais ou amorosas…non acostuma ser un proceso sinxelo. E ela é quen nos conta a través das páxinas como se sente, como se quere sentir, como quere enfrontar os atrancos que sufrimos as nais como sostedoras do sistema de coidados. (…)
– LeO: Como xorde o salto cara a narrativa para adultos?
– ER: Non hai salto, é un proceso normal para non esmorecer. Igual que non comes todos os días un chuletón no almorzo, comida e cea pois a literatura é o mesmo. Non saltei porque nun par de meses sae un poemario, simplemente alterno os xéneros.
– LeO: Como che vai cambiar a vida este premio?
– ER: O premio non cambia nada na vida dunha persoa. Vaime permitir tapar buratos, pero seguirei tentando sacar o seguinte texto e para iso hai que sentarse igualmente diante dunha folla en branco e o premio non che vai vir ditar nada.”

Acta da reunión do xurado dos Premios da X edición do Certame Literario Terras do Chamoso