Artigo de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado celebrouse no CGAC a segunda sesión programada do ciclo Cara a onde? na que tiven a fortuna de participar. Foi, neste ocasión, Suso de Toro quen protagonizou este encontro que partiu, como é adoito, dun discurso da persoa convidada que se centrou, nesta ocasión e en esencia, en profundizar na “problemática existencial” dunha literatura como a nosa. Combinando claves de carácter persoal, que afondaban en experiencias particulares, con reflexións de índole máis xeneralista o certo é que deixou, ao longo da súa intervención, un saibo acedo a abalar entre o pesimismo que se deriva da análise pragmática da situación actual e a ausencia de perspectivas cara ao futuro, mais nun ton inequivocamente realista. O escritor, aseverou, “está nas mans da comunidade”, para continuar que “é un ente que, como ser vivo, quere permanecer, existir, expresar a súa existencia”. A devandita comunidade, isto é, o espectro posible do lectorado en galego determínase pola “ausencia de vontade de ser colectivo” e “pola carencia de apoio social” de onde nace un conflito pois a nosa é unha “literatura enferma de minorización, con todos os estigmas propios desta situación”.
Tratáronse, asemade, no diálogo co público e cos compañeiros Alfredo Conde, Quique Alvarellos e X. Antonio Silva, numerosos asuntos como foron os relativos á creación, e presenza literaria, en dúas -ou máis linguas-, a desaparición de espazos para o debate, o mundo editorial, a lingua galega no ensino e na sociedade, o proceso de institucionalización comercial, a experiencia de subalternidade respecto doutras literaturas próximas, os métodos para exercer a censura ou o cambio de paradigmas que estamos a vivir na actualidade e que afectan á recepción das obras artísticas.
“Eu precisaba combate e atopeino”, afirmou ao final da intervención en clave persoal. Oxalá que, como narrador, siga a buscalo, dea con novos retos e sinta a necesidade de envorcalos en palabras.”
Marilar Aleixandre publica Ovella descarreirada
Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Marilar Aleixandre publica Ovella descarreirada, composta por 33 poemas que convidan a abandonar o camiño agardado e que seguen a liña que xa é o fío común de boa parte da súa obra: a deconstrución e reelaboración de mitos. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Compostela: Roteiro Amigos e Sodomitas, guiado por Carlos Callón
Ferrol: presentación de Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”, de Francisco X. Redondo Abal
O xoves 16 de abril, ás 19:30 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, preséntase o libro Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”: a depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego, de Francisco Xavier Redondo Abal, publicado por Laiovento. No acto, será presentado por Eliseo Fernández.
Compostela: presentación de O Caminho Poético de Santiago
Pontevedra: presentación do libro Pontevedra, laranxeiras e limoeiros
O mércores 15 de abril terán lugar dous actos paralelos aos Premios Estatais da Crítica que se resolverán o sábado 18 de abril en Pontevedra:
– 19:00 h. Na Casa das Campás (Pontevedra), preséntase o libro Pontevedra, laranxeiras e limoeiros, con Ana Acuña, Víctor Freixanes e Olivia Rodríguez.
– 19:30 h., tamén na Casa das Campás, terá lugar a conferencia Humanismo e crítica literaria. O Premio da Crítica, por Ángel Basanta, presentado por Ana Acuña.
Pontevedra: actividades do mércores 15 na Feira do Libro
O mércores 15 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:
– 18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz arredor dos libros de Nova Galicia.
– 18:45 h. Lectura pública de libros de Fina Casalderrey e sinatura de libros.
– 20:00 h. Manuel Portas presenta o seu libro Amor en alpargatas, publicado por Edicións Xerais. Acompáñano Susana Pedreira e Manuel Bragado.
Elena Gallego Abad: “A historia de Dragal dá para tres triloxías”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Elena Gallego en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A receita, daquela, para os escritores galegos, é a perseveranza no traballo “comercial”?
– Elena Gallego (EG): No meu caso foi así. Non podes unicamente pensar en escribir boas historias, tes que pensar que a túa obra é coma un fillo, que precisa coidados, atención, que te preocupes por ela, que fagas todo o posible polo seu benestar. Eu sempre considerei fundamental atender os lectores nas redes sociais, visitalos nos centros de ensino, facer presentacións, que me consideren unha persoa accesible coa que comunicarse… E por outro lado, sempre estou intentando abrir mercado. A serie de Dragal está en Alemaña, en Italia, no Xapón, no Brasil e en Portugal. Confío que co tempo se publique neses países e incluso noutros. Ás veces paso as mañás enteiras ao teléfono con editores. (…)
– B: Seguro que ten reflexionado sobre cal é a “fórmula” do éxito de Dragal.
– EG: Coido que pode haber varias razóns pero a miña análise non é previa; non nace dun deseño. Cando me poño a escribir só teño dúas cousas en mente: que nunha saga, é imprescindible que cada novo título sexa mellor ca o anterior e que a miña fidelidade é co lector; un lector que non se deixa enganar, que sabe moi ben o que quere, que é esixente, que bufará de rabia se o texto non está á altura das súas expectativas.
– B: Íame dar o resultado desa análise a posteriori.
– EG: Si. Digo que visto o resultado, Dragal é unha serie que empata moi ben con persoas que len pouco, en moitos casos rapaces que nunca leran nada anteriormente e que encontran nestes libros os alicientes necesarios para engancharse. Cada libro facilita esa “dependencia”, primeiro polas técnicas que emprega: capítulos breves que sempre rematan en alto, que “esixen” continuar a lectura. Segundo, pola mestura de xéneros. Eu fun sempre unha devoradora de libros e esas lecturas acaban por formar parte dos meus textos. Recoñezo que tirei cousas d’Os Cinco, de Enid Blyton, de Viaxe ao centro da Terra, de Jules Verne… Hai aventura, hai amor, hai relato fantástico e novela histórica… E terceiro, porque a narración é realista. (…)
– B: De canto lle valeu esa aprendizaxe na narrativa para mozos cando publicou Sete Caveiras (Xerais), unha novela negra para adultos?
– EG: De moito. Tanto no proceso de escrita coma no de promoción. Sete Caveiras foi un libro que me fervía e escribino moi rápido. Funcionou moi ben. Xa vai pola terceira edición e estou en negociacións cunha editorial para lanzar unha versión en francés. Serviu ademais para rachar certos preconceptos sobre Dragal. Como é unha serie pensada para o público mozo, moitos lectores adultos tiñan reparos en achegarse. Logo de leren a miña outra novela foilles máis fácil. (…)”
Lourenzá inaugura un roteiro literario dedicado a Fernández del Riego
Desde Fervenzas Literarias:
“O concello de Lourenzá presentou o Roteiro Literario Francisco Fernández del Riego. O roteiro ten como obxectivo honrar o legado dun persoeiro cun grande espírito de construción cultural e figura clave para o desenvolvemento da identidade de Galicia e da súa cultura, nado hai 102 anos nesta localidade lucense.
A elaboración do roteiro, que contou coa colaboración do goberno de Galicia a través da consellería de Cultura e Educación está composto por oito paradas nas que un fito convida a ler fragmentos da obra de Fernández del Riego, o roteiro literario percorre os escenarios orixinais da vida do intelectual. Desde a Praza do Conde, diante do busto que Lourenzá lle dedicou ao autor, o camiño parte cara a casa natal de don Francisco para realizar posteriormente parada en enclaves significativos da cultura da localidade que quedaron recollidos nas obras deste galeguista e que, en casos como a Ponte da Pedra, constitúen importantes elementos do patrimonio cultural galego.
Ademais dos devanditos lugares, o roteiro detense na praza Xulia Minguillón, no muíño do Frade, na rúa Fernández del Riego, na área recreativa de Soutelo e na Capela da Gracia, antes de volver ao punto de partida.”
Pontevedra: mesa redonda Diálogo sobre a crítica literaria hoxe en Galicia
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Este vindeiro martes 14 de abril, e no seo das actividades abertas ao público que se desenvolverán na cidade de Pontevedra por mor da reunión do xurado dos Premios da Crítica, organizados pola “Asociación Española de Críticos Literarios”, que neste ano se celebrarán en Pontevedra do 16 ao 18 de abril, terá lugar unha mesa redonda coordinada por Olivia Rodríguez González, vogal da crítica galega na AECL, baixo o título de Diálogo sobre a crítica literaria hoxe en Galicia.
Neste acto, que se celebrará na Casa das Campás pontevedresa, ás 19:30 horas, participarán, alén de Olivia Rodríguez, Isabel Mociño -secretaria da Asociación Galega da Crítica-, María Xesús Nogueira -presidenta da Asociación Galega da Crítica- e quen isto escribe. Será un pracer dialogar e debater sobre a nosa crítica nesta actividade, insisto, aberta a todas as persoas interesadas.”