Entrevista
de César Lorenzo Gil a Bieito Iglesias en BiosBardia:
“O ouro de Ourense (Engaiolarte) é, en definición dun dos seus autores, Bieito Iglesias (Ourense, 1957), unha guía de viaxes literaria ou un itinerario novelesco con fasquía de ensaio, ou viceversa, no que o percorrido pola cidade da nación, infancia e adolescencia do autor se vai entrefebrando coa propia pegada da memoria. Conversamos sobre este libro e tamén ao redor do momento creativo do escritor.
(…) – BiosBardia (B): O concepto “ourensanía” tamén se converteu nun eslogan. En verdade ten Ourense unhas condicións específicas, a nivel provincial, que a converten nun territorio diferenciado?
– Bieito Iglesias (BI): Se o da ourensanía se reduce a crear unha bandeira e un himno, estamos a falar de folclore, unicamente. Mais eu si que penso que existe un feito diferencial de Ourense en termos de cultura. Ourense foi durante moito tempo o único núcleo urbano da provincia (antes da expansión do Carballiño, Verín e O Barco) e por así dicilo foi consciente dese feito urbano, tanto que na cultura galega é unicamente en Ourense onde se dá a literatura propiamente urbana. Primeiro a Xeración Nós e logo, principalmente, Eduardo Blanco Amor, recrean e inventan a cidade con parámetros literarios que ao mesmo tempo estaban empregando outras figuras, caso de James Joyce a respecto de Dublín. Esta representación literaria marca a propia idiosincrasia de Ourense, reflíctese e proxéctase durante o tempo, crea unha tradición literaria que aínda perdura.
– B: Vostede forma parte desa tradición. Ourense está moi presente na súa obra.
– BI: No meu caso, esa tradición váleme para encontrar a casa medio feita, o que é unha axuda. De todos os xeitos, en cada caso, o peso espacial é diferente nas obras literarias de cadaquén. James Joyce, malia vivir en Francia e en Suíza, sempre escribiu sobre Dublín, onde nacera e onde se criara. O mesmo se pode dicir de Eduardo Blanco Amor, que é o noso Joyce particular e que sempre lle foi “fiel” a Ourense malia só vivir na cidade na mocidade e na vellez. O caso contrario é o de Valente, onde non hai rastros das súas vivencias. A infancia é moi importante nos escritores, en algúns, e define os temas ou necesidades literarias. No caso de Ourense, o distanciamento tivo certo valor para autores como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Carlos Casares ou máis recentemente Diego Ameixeiras.
– B: Que opina da literatura que se publica arestora?
– BI: Dáse no noso sector editorial (quizais dun xeito máis acusado por mor dos problemas económicos) unha tendencia mundial que se foi consolidando nas últimas décadas: o mercado moderno é o canon e aquilo que non vende non entra no canon. De verdade Stieg Larsson é o canon? Se collemos os catálogos editoriais galegos vemos que hoxe é máis difícil que hai 30 anos publicar unha novela adxectivada como literaria, e iso que daquela non había nin raíz dun sistema editorial digno de tal nome. (…)”
Morre o galicianista británico David Mackenzie
Desde
Sermos Galiza (na foto, nunha homenaxe do ILG):
“David Mackenzie vén de falecer en Santiago de Compostela, onde residía. Profesor emérito da Universidade de Oxford, era un dos precursores dos estudos galegos no exterior.
Mackenzie, nado en Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, en 1943, foi un investigador decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Estudou en Oxford e en Nottingham, onde se doutorou coa tese A critical edition with linguistic and historical introduction of the «Corónica de Santa Maria de Iria». Tralo seu paso pola British Library, foi profesor nas Universidades do Ulster, Birmingham e Cork. Fundador dos centros de estudos galegos nestas dúas últimas, foi asemade colaborador habitual do Hispanic Seminary of Medieval Studies na Universidade de Wisconsin-Madison.
Director tamén de diversas teses de mestrado e doutoramento de temática galega, o seu labor de investigación desenvolveuse entre os estudos ibéricos medievais, a lingüística e literatura galegas e a literatura española. O seu mestrado esténdese principalmente entre Europa e Norteamérica, onde desenvolveu o seu labor docente.
O seu compromiso coa cultura galega levouno a ser merecente do Pedrón de Ouro en 1994 e dun Premio da Cultura 2014. Tamén foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega (RAG). Era socio de honra da Asociación Internacional de Estudos Galegos e da Hispanic Society of América.”
Bases do 8º Concurso Ciencia que conta
Aberto prazo de presentación de propostas de comunicacións Capara o Congreso Internacional Guerras e conflitos sociais de onte e de hoxe (Literatura e arte) (do 15 ao 17 de xuño, en Santiago)
Lugo: presentación pública de Semente Lugo
O Día de Rosalía está aquí para ficar
Desde
Sermos Galiza:
“Un ano máis as redes sociais ferveron co #MobilizaRosalía e co #DíadeRosalía. Asociacións, centros escolares e desta vez tamén algunhas institucións implicáronse a fondo nunha xornada que medra cada ano desde abaixo. (…)
Desde hai uns anos o Día de Rosalía converteuse de facto nunha das datas culturais máis destacadas do ano. Sen grandes investimentos, coa forza que dá un movemento desde abaixo, porque Rosalía une. Ou como dixo Xurxo Lobato, “Rosalía é unha das poucas figuras que une as diferentes tribos galaicas”. Mesmo Google lle dedicou un ‘doodle’ o ano pasado.
Este ano as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo implicáronse a fondo, algunhas delas por primeira vez. A da Coruña, da man do seu departamento de Cultura, organizou un acto de homenaxe e “liberou” catro imaxes de Rosalía deseñadas por catro autoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor. (…)
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, unha das principais promotoras desta celebración, tamén considera que é unha data consolidada. “Hai máis de 50 concellos que están a facer actos do Día de Rosalía, e iso que nós saibamos. E arredor de 100 centros escolares teñen actividades”.
Con respecto ás institucións, a Sánchez parécelle positivo que xa se inclúa no calendario cultural da Consellaría, pero sinala que “falta agora que a consellaría de Educación o inclúa como día lectivo dedicado a Rosalía, porque sería recoñecer institucionalmente a importancia da nosa poeta”.
A AELG segue apostando por unha data na que se agasalle un libro en galego e unha flor. “Sería importante porque a propia industria cultural o necesita”. E insiste en que o Día de Rosalía non compite co Día das Letras, senón que se complementa.
Para Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, esta xornada “está en camiño dunha clara consolidación”. “Non hai máis que mirar toda a cantidade de actos levados adiante por asociacións, concellos e mundo escolar. E abonda con ver as redes sociais para comprobar que ten un protagonismo cada vez maior”. (…)”
Noia: lanzamento de seique, de Susana Sánchez Arins
Vilalba: presentación de Cantigas para aprender a soñar, de María Xosé Lamas
O
venres 26 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o poemario Cantigas para aprender a soñar, de María Xosé Lamas, publicado por Edicións Embora, con ilustracións de Minia Regos. No acto de presentación deste libro, que obtivera o Premio Arume de Poesía para nenos da Fundación Xosé Neira Vilas, participan Martiño Maseda e José Antonio Pita.
Convocado o 7º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2016
Monserrat Pis Marcos gaña o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e ábrese o prazo para o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
Desde
a Deputación de Ourense:
“A escritora compostelá Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) coa obra Dos estraños ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas” (presentada baixo o lema “Cando Lady Moon acordou, o ornitorrinco aínda estaba alí”), foi a gañadora do XIII premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra galardoada que se trata “dunha historia extraordinaria, que transmite moita tenrura, e ten unha vertente educativa moi interesante na que os personaxes transmiten importantes valores”. Asemade o xurado puxo de manifesto “a narrativa, coloquial pero con cultismos, e o xénero fantástico, que denota unha autoría literaria avezada”, destacando que a obra “axéitase ben para poder ser ilustrada dentro do espírito do premio”.
Das 16 obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou “a alta participación e o alto nivel de todas as obras presentadas, polo que resultou moi difícil tomar a decisión, pero por unanimidade se acordou a obra gañadora”.
Agora ábrese o prazo para o Premio de Ilustración e os interesados en participar no XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Monserrat Pis Marcos. Nesta modalidade establécese un premio coa mesma contía co de narración de 1.500 euros, e os traballos deberán presentarse antes do día 31 de marzo de 2016.
O xurado da XIII edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez. (…)”










