Cuestionario Proust: Suso Lista

DesdeSuso Lista o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Suso Lista:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ter o allo no cu. É raro verme quieto.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a solidariedade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Apoio e compaña nos bos e malos momentos.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pasear. Ulir. Tocar…, sentir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A boa saúde. A paz. A serenidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xeólogo e astrofísico.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo. Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Amarelo.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Unha orquídea amarela e azul que abunda aquí e que non sei como se chama.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo. Estou seguro que nas vilas identifican os humanos veciños deles. Leva xeracións cohabitando no mesmo entorno. Xunto coas andoriñas son os autenticamente nativos das nosas vilas e aldeas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitos. Rulfo, Voltaire, Wilde… E sete ou oito máis…
14.– E na poesía?
– Walt Whitman.
15.– Un libro?
Pedro Páramo.
16.– Un heroe de ficción?
– Corto Maltés.
17.– Unha heroína?
– Pipi Calzaslongas.
18.– A súa música favorita?
– Toda menos o reguetón.
19.– Na pintura?
– Dalí. Ultimamente descubrín a Georgi Petrov e encántame.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña avoa Felisa. Nun mes morréronlle os cinco fillos que tiña, e volveu criar outros cinco, entre eles meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– Gumersindo. Pola súa sonoridade.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A guerra.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tódolos ditadores.
25.– Un feito militar que admire?
– A reconquista de Perejil. Tamén admiro o ben que desfila a cabra que levan os lexionarios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar como os corvos.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen causar problemas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Ser bo non custa nada.”

Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde12193820_987603724596403_4700766935712179039_n o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”

Casas literarias: Manuel Leiras Pulpeiro

Casa-Leiras-IIDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Esta que aquí vedes é a casa natal de Manuel Leiras Pulpeiro. Veu ao mundo nela o 25 de outubro de 1854. Entón, a vía na que se atopa coñecíase polo nome de Rúa da Ronda (pois por alí discorría, en tempos, a vella muralla medieval da cidade) e a vivenda levaba o número 18. Hoxe chámase Rúa de Febrero (en honor a José Febrero, o famoso xurisconsulto mindoniense do século XVIII) e foi renumerada.
Temos constancia da súa nacenza nesta rúa porque así o testemuña o libro de bautizados do Arquivo Diocesano de Mondoñedo, tal como documentou no seu día Andrés García Doural nun seu estudo sobre a familia Leiras.
O que logo foi o primeiro dos grandes poetas mindonienses contemporáneos residiu en diferentes vivendas da súa cidade natal, pois foi dunhas a outras primeiro con seus pais —cando era neno aínda— e logo por si mesmo debido a diferentes causas (poño por caso, o seu casamento con María de los Milagros Andía Villar).
Leiras Pulpeiro é un acabado exemplo de mindonicidade xenuína, pois contados foron os períodos que permaneceu lonxe da súa raiceira (apenas o tempo dos estudos superiores, pois, unha vez licenciado en Medicina, regresou decontado a exercer en Mondoñedo). (…)”

Entrevista a Teresa Barro no Diario Cultural

DesdeTeresa Barro 064 pardo o Diario Cultural da Radio Galega:
“A ensaísta e tradutora Teresa Barro, no ciclo Nexos, na conmemoración dos 150 anos de Alicia no país das marabillas. “O interesante é desmontar o sistema. Eu vexo o patriarcado como un sistema que funciona case matematicamente”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, con Fran P. Lorenzo, o 7 de novembro

CartelPaseosVigoOutono2015Os Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, que teñen lugar do 17 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), a partir do día 10 de outubro (inclusive) dende ás 10:00 e até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.

Todos os paseos con saída ás 11:30 h. Sigue lendo

Vilalba: entrega do premio Chairego de Honra a David Otero

O David Oterosábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org

Lugo: presentación de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira

OBeatriz Maceda sábado 7 de novembro, ás 12:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Lois Pérez e a ilustradora da obra, Laura Veleiro.