A Coruña: presentación de A música dos seres vivos, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez venres 6 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro da Coruña (Rúa Enrique Dequidt, 12), preséntase A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Fran Alonso, e terá lugar unha intervención musical a cargo de Mercedes Peón.

Compostela: XVI Xornadas de Expresión Oral Tíralle da lingua, o 21 de novembro

DesdeXVI Xornadas de Expresión Oral Tíralle da Lingua a AS-PG:
Matrícula: Desde 12/10/2015 até 20/11/2015 (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).

Calendario: Desde 21/11/2015 até 21/11/2015.

Horario: De 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Lugar de celebración: IES As Fontiñas (R/ Estocolmo 5, Santiago de Compostela).

Número de prazas: 100. Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación:
Prazas reservadas: 25% Número máximo de prazas: 25%

Modalidade formativa: Xornadas.

Obxectivos previstos:
– Transmitir no profesorado a importancia que o factor oral ten na recuperación e uso da lingua.
– Proporcionar aos/ás asistentes técnicas básicas para estimular e traballar a oralidade nas aulas.
– Dar pautas para a creación de historias ou ben para recrear historias de carácter popular.
– Traballar aqueles aspectos básicos da comunicación oral e intentar introducir novas formas de comunicación.

Contidos: PROGRAMA
De 09:45 h. a 10:00 h. Recepción e entrega de material
De 10:00 h. a 11:00 h. En galego canto, en galego sinto. Paco Nogueiras, músico e actor. A incorporación da música e da nosa cultura a través das novas tecnoloxías de xeito lúdico e pedagóxico. O Brinca Vai: obxectivos, mecanismos e ferramentas nos que se basea, filosofía do mesmo. O Brinca Vai como ferramenta de acompañamento curricular.
De 11:00 h. a 12:30 h. A maxia da palabra. Andrea Bayer, actriz, guionista, contadora… de BaoBab Teatro. A palabra e o seu poder de sedución. Aspectos a ter en conta para traballar a narración oral. As posibilidade que ofrecen os contos como recurso para formentar a oralidade. Traballaremos a voz, a súa intensidade, modulación e proxección. O ritmo e a expresión corporal, elementos esenciais á hora de contar.
De 12:30 h. a 14:00 h. E que che hei contar!. Celso Fernández Sanmartín, contador de historias, poeta. En plena centrifugación tecnolóxica, as novas máquinas que nos axudan a comunicarnos, están cambiando como nunca os modos de contarnos as cousas, de conversar, de aprender, atender e entender. Xa non será o raposo, raposo, nen o lugar, lugar, nen a escoita, escoitar… Convivimos coa última xeración de persoas que se criaron sen televisión, e non lles estamos facendo moito caso.
De 16:00 h. a 18:00 h.. Poesía, Vídeo e Graffiti. Outras achegas para a palabra. Antía Otero e Dores Tembrás, poetas, impulsoras do proxecto Apiario. O obxectivo deste obradoiro é introducir o poético na aula incorporando outras linguaxes como vías de acceso. Que teñen en común o poema e o graffiti? Que acontece na procura do videopoema? Partimos da seguinte premisa: o poético está en todo. Abordaremos este encontro nas aulas dende unha óptica eminentemente práctica e cunha proposta que insiste no estímulo da capacidade creativa do alumnado.
De 18:00 h. a 20:00 h. Calquera parecido coa realidade é pura poesía, Lucía Aldao e María Lado, poetas e artistas. Tomando o xogo como punto de partida, tentaremos crear interese pola poesía desde a oralidade e a desacralización da mesma. A poesía é ubicua, e esta verdade é o camiño para perderlle o medo e ser todos e todas quen de gozar da escrita e do recitado. A colaxe serviranos para crear textos novos e efémeros con versos xa existentes e con reflexións ou ideas que se farán verso no momento do xogo.
Ás 20:00 h. Clausura.

Metodoloxía que se vai empregar:
– Realización práctica de actividades arredor da escrita creativa, da actividade escénica e a música como recursos nas clases de lingua e literatura.
– Pautas concretas sobre usos das tecnoloxías para fomentar o uso oral nas aulas.
– Presentación de recursos útiles para a narración oral.

Plano de avaliacion da actividade:
– Asistencia ao 85% das horas.
– Seguimento do desenvolvemento da actividade.
– Cumprimentación dunha enquisa por parte dos/as asistentes.

Destinatarios: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.

Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición en www.as-pg.com, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG.

Tipo e ámbito de difusión:
– Enviarase información aos socios/as da AS-PG e aos centros de ensino.
– Publicitarase na páxina web da AS-PG.

Importe da matrícula e tipos:
Matrícula gratuíta: 0 €”

tiralle

Modesto Fraga: “A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía”

Entrevista Modesto Fragade Carlos Loureiro a Modesto Fraga en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E neste espazo vai nacer un grupo literario que adoita aparecer en letras maiúsculas na nosa literatura contemporánea: o “Batallón Literario da Costa da Morte” conformado por xoves plumas nadas nos anos sesenta e setenta -se exceptuamos á mestra Marilar, claro-… Que supuxo para ti este novo faro desta costa, neste caso un faro literario?
– Modesto Fraga (MF): A aparición do BLCM a comezos da década dos 90 supuxo unha boa oportunidade de dar a coñecer as nosas inquedanzas, pero non só desde o punto de vista literario –que tamén- senón como acción directa impulsada por un movemento cultural cívico comprometido coa sociedade na que nos tocou vivir (reivindicación da nosa lingua, restauración e dignificación da Memoria Histórica, promoción e difusión das novas voces da literatura galega, etc). (…)
– NG: Os premios adoitan marchar da man de Modesto Fraga… É esta a fonte necesaria para a publicación da nosa poesía? Pode o virtual axudar na expansión e universalización da nosa poesía?
– MF: Sempre concibín os premios literarios coma unha plataforma útil para dar a coñecer novas voces e para facilitar novos discursos se queremos pulsar a situación que vive o noso sistema literario. Non todos os premios literarios son xustos á hora de emitiren nos seus ditames, pero iso non significa que estean amañados ou que non constitúan unha ferramenta axeitada para posibilitar a aparicións de novos autores e autoras. No meu caso, recoñezo que sempre tiven boa fortuna neste aspecto e non me podo queixar do recoñecemento obtido ao longo destes anos. Por outra banda, é evidente que no mundo global no que vivimos os novos soportes dixitais xogan un papel determinante no que atinxe á difusión da creación literaria e, ademais, posibilitan, pola súa inmediatez, que cheguen a un número de lectores e lectoras certamente elevado. (…)
– NG: Realmente a poesía é para ti “o gran milagre do mundo” tal e como reza nunha obra colectiva na que participaches ou simplemente é a mostra da sensibilidade e compromiso do poeta co seu mundo, consigo mesmo…?
– MF: Eses versos fermosísimos de Luís Pimentel reflicten, ao meu entender, a meirande mostra de amor do poeta para cos valores do Humanismo. En síntese, o verdadeiro poder da poesía radica na súa función social, mais tamén na súa humanidade capaz de facer sentir ou de “dicir o que non se pode dicir”, en palabras de José Hierro. Ese -e non outro- é o grande milagre da poesía. (…)
– NG: Dicía Vicente Aleixandre que “a poesía ten que ser humana; se non é humana, non é poesía”. Estás de acordo con isto o máis ben optas por certo vangardismo?
– MF: Estou absolutamente de acordo con esa reflexión do grande poeta Vicente Aleixandre. A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía. (…)”