Cuestionario Proust: Érica Esmorís

DesdeÉrica Esmorís o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Érica Esmorís:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A sensibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade de rirse dun mesmo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Novas e divertidas aventuras.
4.– A súa principal eiva?
– Son moi despreocupada (pola miña aparencia, pola miña saúde, polo estado da miña conta bancaria, a desorde xeral na miña casa). Tan só se salva o ordenador que, de ordenado, non parece meu.
5.– A súa ocupación favorita?
– A praia en todas as estacións do ano.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Amar e ser amado e vivir como eu quero (e se é nunha casa na praia e rodeada de animais, mellor).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A enfermidade ou perda dun dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora e libre.
9.– En que país desexaría vivir?
– En todos os que me leve a miña vella furgoneta.
10.– A súa cor favorita?
– A amarela.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As que tinguen de cores os campos, as silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera das aves de mar.
13.– A súa devoción na prosa?
– As historias que narran vidas enteiras.
14.– E na poesía?
– As que dan para imaxinar vidas enteiras.
15.– Un libro?
Cien años de soledad.
16.– Un heroe de ficción?
– Agora mesmo non se me ocorre ningún.
17.– Unha heroína?
– Pippi Langstrump.
18.– A súa música favorita?
– Jam e Eddie Vedder en solitario.
19.– Na pintura?
– Turner.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Momo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os asubíos. Non soporto as melodías asubiadas.
23.– O que máis odia?
– O único que realmente odio son os pementos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non sei se son ás que máis desprezo pero a figura dun toureiro é, para min, incomprensible.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún pero, falando de Turner, gustaríame poder ver, por exemplo, ao xeneral Aníbal cruzando os Alpes para atacar Roma, simplemente por curiosidade
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don da boa caligrafía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira. Espero que non sexa obrigatorio.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non desestabilizan os meus valores.
30.– Un lema na súa vida?
– Por que non?”

Outeiro de Rei: 2º Convívio da Cultura Galega, o sábado 11 de xullo

10995389_669615503171946_2441754798931090968_nPonse en marcha, por segundo ano consecutivo, o Convivio da Cultura Galega, coa colaboración da Federación Galiza Cultura e da Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, o Convivio da Cultura Galega: será o sábado 11 de xullo, desde as 11:15 horas, durante todo o día, na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei.  ao que por suposto tod@s estades convidad@s a acudir e de nos acompañar.
Será nun espazo tan fermoso e máxico como a Carballeira da Santa Isabel, onde o Ladra vai ao encontro do Miño, “o Pai de todos os ríos galegos”; o mesmo que naquel verán de 1949 lle serviu de marco de inspiración ao Manuel María para compoñer o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, cando contaba só 19 anos, mentres coidaba das vacas da facenda familiar.

O programa será, con algunha posíbel variación de última hora, o seguinte:
11:15 h.– As bandas de música da A.C. Solfa (Compostela), Rábade e Begonte, e a Xuvenil da Escola de Música de Rianxo recíbennos na horta da Casa-Museo Manuel María.
11:45 h.– Saída a pé para a Carballeira da Santa Isabel, facendo paraxe no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María na campa onde repousan os seus restos.
12:15 h.– Xa na Carballeira, actuación da Banda de Música de Rábade e Begonte, dirixida por Armando Morales; Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, dirixida por Rafael Collazo; e a Coral e Banda de Música de Solfa, dirixidas por Francisco Tobar e Fernando Rey.
14:00 h.– Xantar demorado. Cada quen trae a súa comida. O espazo da Carballeira conta con algunhas mesas. A organización pon as cadeiras.
16:30 h.– Encontro aberto do asociacionismo cultural de base da Galiza: as directivas das entidades presentes (e quen quixer) reuniranse para articular posíbeis actuacións comúns para o vindeiro ano e para seguir creando rede de colaboración, diálogo e intercambio de experiencias entre elas. Este encontro está absolutamente aberto a todas as entidades de base do país que fan cultura en chave galega.
17:00 h.– Foliada aberta á participación de quen quixer cantar, tocar, bailar…no espazo da Carballeira. Anima a festa Xurxo Souto. Os grupos interesados en apuntarvos previamente ou en terdes máis información podédesnos contactar no teléfono 698 177 621 ou nos correos fundacion@manuelmaria.com/ conviviodaculturagalega@gmail.com

Durante toda a tarde, as persoas que o desexaren poderán visitar a Casa-Museo Manuel María (con visita guiada).
Desde algunhas comarcas está xa confirmado que haberá autobuses gratuítos para facilitar o desprazamento a Outeiro de Rei ese día. Podédesvos ir anotando xa!
A Coruña: saída da Praza da Palloza ás 10 da mañá. Contacto: 698 177 621 (fundacion@manuelmaria.com).
Ferrol: Luísa (Medúlio): 646 571 168 (vaiporelas@gmail.com).
Compostela: Lucía (Solfa): 676 675 030

Marcos M. Puhinger: “O barrio está encantado co retrato de Kruckenberg”

Desde2015062613481377980 Sermos Galiza:
“As escaleiras que soben á viguesa rúa Rosalía de Castro mudaron en tres días. Un inmenso retrato de Mª do Carme Kruckenberg están a convertelas nunha foto que se repite nas redes sociais. O autor é o artista Marcos M. Puhinger que recibe estes días moreas de parabéns pola súa obra.
– Sermos Galiza (SG): Como naceu o proxecto de pintar na rúa a imaxe de Mª Carme Kruckenberg?
– Marcos M. Puhinger (MP): Foi un encargo do Proyecto Ewa, un grupo de Vigo que fai moitas accións no mundo da poesía e a arte. Querían facerlle unha homenaxe a Mª do Carme Kruckenberg, presentárona no Concello e a súa iniciativa aprobouse. Eu son só o instrumento para levalo a cabo. (…)
– SG: A verdade é que mudou esa escaleira que sube a Rosalía de Castro…
– MP: Estaba bastante fea, estaba. Hoxe fun ver o resultado, despois de tres días de traballo intenso con entre 10 e 12 horas diaria e comprobei que no barrio están encantados. O valor do proxecto é de Ewa e eu son só o que o fago mais estes días non paran as felicitacións e no facebook foi unha revolución. (…)
– SG: Que dimensións ten o retrato de Kruckenberg?
– MP: Máis ou menos, dous metros e medio de alto por tres de longo. Iso o pano do retrato mais logo hai dous panos do mesmo tamaño no que se puxeron dous poemas da autora. A foto xa en si é extraordinaria. A súa autora Isaura Docampo é tamén coma min de Redondela e o debuxo reproduce o seu gran traballo. (…)”

O xiro da Academia: Manuel María, Xela Arias e Carvalho Calero, candidaturas ás Letras 2016

DesdeReal Academia Galega Sermos Galiza:
“Sexa quen for das tres candidaturas a que finalmente o vindeiro día 4 acade o maior número de votos de académicos e académicas, o que están asegurados son os parabéns para unha institución que aguantou como puido un ano ensombrecido polo pasado vencellado ao franquismo de Xosé Filgueira Valverde. Calquera dos tres nomes que a propia Academia Galega, nun acontecemento tamén inusual, anuncia como candidaturas presentadas cos avais necesarios ten detrás un amplo apoio social que respaldará a elección que se produza na rúa Tabernas.
O profesor, investigador e escritor Ricardo Carvalho Calero é, sen dúbida, o capítulo pendente da Academia. Durante moitos anos, os requirimentos para que se saldase a débeda co profesor sucedéronse e mesmo na pasada edición, Carvalho conseguiu, cando menos, ser valorado no debate final. A defensa de Carvalho Calero do reintegracionismo é o atranco que impide a moitos dos académicos e académicas apoiar unha candidatura que, dalgunha maneira, iría contra a filosofía das normas da propia institución. No último ano, sentíronse xa voces que reclamaban, pola contra, deixar de petar na férrea porta de Tabernas e conmemorar ao profesor máis alá da Academia, convencidas de que aínda non é o momento de que Carvalho Calero a atravese.
Canto a Manuel María, o poeta foi xa un dos nomes que se barallaron con forza na anterior edición, cando xa se cumprira unha década da súa morte. O que fora tamén académico tería ao seu favor, alén da súa propia obra, ser un referente da nosa cultura no pasado século, un dos escritores que máis foi cantado e que pode dar máis xogo nos centros de ensino en todos os seus niveis. Por outra parte, non hai que esquecer a condición de Manuel María de activista da lingua e a cultura, condición que se fai especialmente acaída no noso tempo, en especial, nas novas xeracións nas que se está a perder o uso do galego. Finalmente, a figura de Manuel María conta desde hai dous anos coa Casa  Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, un centro na Terra Chá que se convertería, de se dar na circunstancia, en lugar de referencia para as conmemoracións durante todo o ano. A propia personalidade do escritor, comprometido, afábel e especialmente sociábel, engade unha virtude máis a súa candidatura, a de ter en activo moitos amigos e amigas, en especial do mundo das letras, que se comprometerían intensamente no seu ano.
Finalmente, da poeta Xela Arias, proposta tamén o pasado ano, tense dito que, cando saíra elexida, podería provocar un ano dinámico como o que resultou cando a Academia apostou por dedicarllo a Lois Pereiro. Xela Arias tería agora tan só 53 anos e converteríase na autora máis nova, en todo caso a de menos tempo entre o seu nacemento e o seu Día das Letras, de se dar o caso. Finada en 2003, a autora converteuse en poeta de culto nas novas xeracións o que, canda a súa condición de tradutora, podería darlle enerxía a unha celebración que amosou no último ano a súa face máis lánguida. Non hai que esquecer que desde o feminismo e, concretamente, desde o feminismo literario, repetíronse ás críticas das poucas veces que a Academia mira para as mulleres para a súa grande data e, sen ir máis lonxe, neste último A Fondo de Sermos Galiza dedicado a Mª Vitoria Moreno, a escritora Susana Sánchez Arins reivindicaba a figura de Xela Arias para o Día das Letras galegas. (…)”

María Lado: “Eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo”

EntrevistaMaría Lado de Carlos Loureiro a María Lado en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Por outra banda, ti sempre fuches partícipe de múltiples recitais poéticos… Que gaña a lírica con estas actividades interactivas segundo ti?
– María Lado (ML): A poesía achégase moito á xente nos recitais, iso é evidente, pero eu recito porque me gusta moito, faime moi feliz, o directo é o que máis me gusta de recitar. Supoño que tamén hai lectores que prefiren ler eles, ou mesmo recitar en voz alta eles, no canto de escoitar a un poeta, pero eu disfruto tanto recitando que non me imaxino sen facelo. (…)
– NG: Tes dito por algures que para ti “a concepción da obra literaria que traspasa xéneros” che interesa abondo e coido que foi ao te referires á túa obra Berlín, onde con posterioridade converxeu coa arte musical… Cres que esta interacción de xéneros é o futuro especialmente para a lírica?
– ML: Non necesariamente. A lírica sempre estivo moi unida á música e tamén leva séculos existindo sen necesidade de mesturarse con outras artes. Eu atopo moi divertido facer esa mestura, pero non básico nin necesario. O básico e necesario para a poesía que eu fago é a palabra. O resto son cousas a maiores que a min me parecen entretidas, curiosas, divertidas… pero o futuro da poesía supoño que seguirá sendo a palabra. (…)
– NG: Se a fin de contas a poesía é a expresión do íntimo, por que cres que aínda se ve como algo tabú o erotismo poético?
– ML: Ben, eu non creo que se vexa como algo tabú, realmente. Eu creo que a xente xa está preparada para iso e para moito máis. Ás veces pensamos que o público se ruboriza por atopar “cona” nun poema, pero eu creo que se ruborizan máis cando len un poema malo anque fale da receita das filloas. (…)”

Xa se coñece a listaxe de gañadores/as e finalistas do V Premio de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

O11538073_930183787045781_9026578350718148952_o 25 de xuño tivo lugar na biblioteca da Sagrada Familia, en Barcelona, o fallo da quinta edición do V Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia, no que colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Por parte da AELG foi Sonia Varela Pombo, profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, quen fixo parte do xurado, que tivo en conta a orixinalidade de ideas, así como o contido literario e científico.
En galego resultou gañador na categoría de adultos José de la Sota Rius con “Lección de Anatomía”, sendo finalista “A catro anos de aquí” de Benigno Yáñez Pérez.
Na categoría xuvenil o primeiro premio foi para o relato “Cando mañá non exista”, unha visión apocalíptica da Terra, da autoría de Aldara García Solar, e foron finalistas “A danza” de Sabela Domínguez Souto e “O inverno e as rosas” de Ángela Lamas Gómez.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega premia os gañadores cunha praza no obradoiro de creación literaria da Escola de Escritores-as da AELG que escollan.
Máis información aquí; fotos, aquí.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal -en calquera das linguas do concurso (catalán, español, éuscaro ou galego)- que estea inspirado nunha temática científica.