Santiago: actividades destacadas do domingo 27 de abril na Feira do Libro

O sábado 26 de abril bota a andar a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para o domingo 27:

19:00 h. Encontro de literatura fantástica da man de Contos Estraños e Urco Editora.
20:30 h. Presentación do libro Fóra de portas, de Roi Vidal Ponte, publicado por Positivas. Xunto co autor, participa no acto Francisco Macías.

O Parlamento apoia a homenaxe institucional a Blanco Amor

Desde Sermos Galiza:
“A iniciativa, aprobada por unanimidade no Parlamento, reclama á Xunta que organice ao longo do ano actividades para difundir a obra e a figura de Eduardo Blanco Amor, co gallo do 35 aniversario do seu pasamento. A elaboración de material audiovisual, a organización de congresos e o apoio a investigación sobre a súa biografía e a súa obra son algunhas das propostas que se contemplan na iniciativa arredor dun autor do que se está a levar ao cinema a obra A Esmorga dirixida por Ignacio Vilar que está xa en proceso de montaxe.
Recolle ademais a proposición a recomendación da difusión da súa obra e a súa traxectoria a través dos medios públicos e en colaboración co movemento asociativo e as distintas institucións buscando a implicación máxima na conmemoración. Por parte do PP defendeuse A Esmorga como a mellor novela escrita en galego e os grupos da oposición reclamaron que a proposta que se traslade ao goberno sexa concreta e non deturpe o perfil de Blanco Amor como provocador e irreverente.”

O Foro Reimprímete promoverá un plan de actuación para o sector do libro

Desde Sermos Galiza:
“O Día Mundial do Libro foi a data escollida para a constitución do Foro Reimprímete, unha iniciativa que nace para a defensa do produto imprimido e do libro, nun momento de especial crise para o sector.
Se non hai vento, vogar foi o título do manifesto fundacional que leu a escritora Rosa Aneiros no que se reivindicou a importancia do libro e a cultura impresa como “elemento fundamental da economía e a nosa cultura”.
“A cultura dixital non debe substituír á cultura imprimida: debe convivir coa cultura imprimida. E esta convivencia debe garantir e fomentar, cos recursos institucionais e as políticas públicas necesarias, a supervivencia, interese social, visibilidade da cultura galega: dos seus axentes económicos e dos seus creadores e creadoras”, sinalou a escritora nun discurso que pulou pola defensa de todo o proceso que fai chegar os libros a lectores e lectoras. “Sen contidos non hai cultura. A xusta retribución de quen os fai posibles e, tamén, dos elos de transmisión entre quen crea e quen consume- garante a calidade, a pluralidade e a permanencia dos produtos culturais. Se non se establece unha cadea de valor xusta, seremos cómplices dunha catástrofe”, alertou Aneiros.
“Reivindicar a importancia do soporte imprimido na industria do libro e posicionar tamén ao papel como o mellor medio dende o punto de vista da sostibilidade e o medio ambiente”, é un dos obxectivos do Foro segundo a Asociación Galega de Editores, unha das dúas organizacións que levaron a iniciativa para a súa constitución. O seu presidente, Manuel Bragado expresou a vontade do sector de mostrar a súa existencia e a defensa da súa consideración como sector cultural estratéxico para Galiza. Pola súa parte, o presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Jacobo Bermejo, definiu o foro como unha “mesa de diálogo” para reivindicar o futuro do libro e os produtos impresos. O foro representa a máis de 500 empresas con máis de 1.300 profesionais, cifras que falan da relevancia tamén para a economía do papel no sector cultural.”

De contos polas tabernas de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“A iniciativa Contos de taberna petou á porta de catorce estabelecementos da vila e dunha equipa de creadores ligados a Carballo (tanto do mundo da escrita coma das artes plásticas) para proporlles o seguinte: que cada autor, que cada autora, escribira un texto inspirado en cada un dos locais, que sería ilustrado por unha ou un artista plástico. Os resultados poderán coñecerse entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras. A quen acuda aos locais participantes e faga un gasto mínimo nunhas consumicións estabelecidas, seralle entregado o conto ficcionado sobre ese estabelecemento. Ás persoas que os reúnan todos, o Concello regalaralle unha caixiña especial onde poder gardalos.
Esta é unha das iniciativas do programa Quedamos en Carballo, que ao longo deste ano, e da man da Concellería de Promoción Económica carballesa, está a levar a cabo diversas accións que botan man da cultura para promocionar o comercio local e a economía da zona. (…)
Os textos están escritos por un grupo amplo de creadoras e creadores vinculados a Carballo, algún deles ben coñecido como Xurxo Borrazás. Participan coa súa escrita Ignacio Silva, Santi Garrido, Xurxo Borrazás, Ramón Vilar Landeira, Fernando Cabeza Quiles, Cristina Abelleira, Mercedes Queixas, Henrique Mariño, Alberto Varela Ferreiro, Xosé Antón Andrade, Paco Souto, María Canosa, Rosalía Fernández Rial e Beatriz Fraga.
Os textos serán ilustrados por varias e varios artistas vinculados á zona, ben por teren nacido aquí, ben por teren participado en iniciativas, como Derrubando muros con pintura, ligadas á capital bergantiñá. Participan na iniciativa cos seus debuxos Roberta Venanzi, Mon Lendoiro, Eva Facal, Paula Fraile, Antonio Taracido, Emi de las Heras, Cristina Castro, Antonio Reino, Santi Picos, Alberto Varela Ferreiro, Milagros Cotelo, Pedro Tasende, Lidia Cambón e O´Mighelo.”

A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, unha das tres obras finalistas do Premio AELG de Narrativa

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres finalistas do premio de Narrativa 2013 A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais).

A Pobra do Caramiñal: presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila

O venres 25 de abril, ás 20:30 horas, no Liceo Pobrense (Rúa da Paz, 27) da Pobra do Caramiñal, a Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia, a Libraría Ler da Pobra do Caramiñal e o Liceo Pobrense, presentan o número 94 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como a presentación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. No acto, xunto á autora, intervirán María Xesús Blanco, Encarna Pego e Isabel Santos.