Ferrol: actos destacados do venres 13 na Feira do Libro

O venres 13 de xuño continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

11:30 h. Charla coloquio de Xavier Alcalá arredor do seu libro Viaxes no País de Elal. A Patagonia das aventuras, publicado por Galaxia.
19:00 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.

Propostas con premio: Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas, premio Merlín de Literatura Infantil 2014

Entrevista de Ramón Nicolás a Ledicia Costas en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Supuxo algún cambio de perspectiva, como narradora, abordar a redacción desta novela?
– Ledicia Costas (LC): Máis que un cambio de perspectiva coido que supuxo unha escrita máis fiel co meu propio imaxinario. Sempre fun unha namorada do mundo macabro e había xa tempo que tiña ganas abordar esta temática.
– RN: Como xurdiu a idea dese xuntoiro entre un receitario e un texto narrativo?
– LC: Pareceume atractivo escribir unha obra que ofrecese dúas lecturas diferentes, pero ao mesmo tempo integradas unha na outra. É un libro co que os nenos e nenas van poder interactuar. Ademais da aventura que se relata, poderán empregalo como receitario e elaborar os seus propios pratos. Cando ideei o libro pensei que ese tipo de deseño era un valor engadido para a obra. (…)
– RN: Boa coñecedora da realidade e das perspectivas de futuro da LIX galega e, como parte activa dela, cal é a súa valoración do momento que arestora atravesa?
– LC: Coido que en Galicia estase escribindo LIX de moita calidade. Ademais, temos a fortuna de contar con mediadoras e mediadores moi implicados. A LIX é un xénero fundamental, porque no seu público temos a oportunidade de gañar lectores e lectoras para o futuro.
– RN: Que supón, finalmente, recibir este galardón para a súa particular traxectoria como narradora?
– LC: Supón a máis grande recompensa. Sempre o considerei o premio de literatura infantil galega por excelencia. Pero tamén implica unha grande responsabilidade, xa que é un galardón cunha nómina de gañadoras e gañadores aos que respecto e admiro.

Xavier Rodríguez Baixeras, Premio Cidade de Ourense con A luz extinta

Desde Sermos Galiza:
A luz extinta é o título do libro que lle valeu ao escritor Xavier Rodríguez Baixeras a trixésima edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense. Un xurado composto por Amadeu Baptista, Irene Veiga Durán, Miguel A. Fernán Vello e Millán Picouto destacou a “precisión formal na construción do poema” que mantén unha “tensión elexíaca” e leva a “lingua a unha decantación extrema”. Rodríguez Baixeras constrúe un novo libro arredor da memoria e a experiencia vital, “un discurso lírico que procura en todo momento a emoción do lector”, dixo. (…)”

Vilaboa: presentación de A voz quebrada. Da memoria histórica e do terror fascista, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O venres 13 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa de Montes de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), preséntase o libro A voz quebrada. Da memoria histórica e do terror fascista, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto, organizado polas asociacións A Regaduxa, Memoria Histórica de Vilaboa e Vilaboa Comunicacións, participan, xunto ao autor, Luís G. Bará e Miguel Anxo Mouriño.

Compostela: o poeta sirio Adonis ofrece un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego, o mércores 11 de xuño

O mércores 11 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o poeta sirio Adonis ofrece un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego.
Por primeira vez en Galicia, un dos máis firmes candidatos dos últimos anos ao Premio Nobel de Literatura lerá textos propios nun acto conducido pola promotora do mesmo, a escritora Yolanda Castaño, e que contará coa colaboración da AELG e do PEN Club de Galicia, a través das intervencións de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Luís G. Tosar, canda a presentación do poeta convidado por parte do profesor da USC Claudio Rodríguez Fer, e a interpretación musical da artista Najla Shami.

Confirmación de asistencia, aquí.

Compostela: Levantémonos! Verbas feministas. Recital poético

O xoves 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Zona C (Rúa San Domingos de Bonaval, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Levantémonos! Verbas feministas, no marco da exposición Levons-Nous! O himno das mulleres. As poetas convidadas son Xiana Arias, Marta Dacosta, Rosa Enríquez, Lucía Novas e Susana Sánchez Arins.