Día de Rosalía 2014 en Valga

O Día de Rosalía 2014 celebrouse pola Asociación Cultural Os Penoucos, de Valga, do seguinte xeito:
“Fixeron esta foto con versos de Rosalía, ao pé da estatua de Carolina Otero, “A Bela Otero” (que algún día dixo: “Non nacín para ser domesticada…”), lembrando estes versos de Rosalía de Castro:”
“Vexo Valga á beira hermosa
d´un camiño todo prata
casta virxe candorosa
sentadiña en chan de rosa
vestidiña d´escarlata”

Cuestionario Proust: Rosalía Fernández Rial

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rosalía Fernández Rial:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A abstracción. Así, sen concretar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A Honradez, en especial na modalidade de impulso irreprimible.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan como son. Mais, postos a pedir, “Amor” (a poder ser, platónico).
4.– A súa principal eiva?
– Pisar ás miñas parellas de tango. Coa muiñeira, o rock ou a salsa non me pasa (aclároo por se alguén que nos estea lendo me quere sacar a bailar). En calquera caso, esa debe ser unha eiva secundaria. A principal penso que é a dúbida perpetua, mais non estou moi segura.
5.– A súa ocupación favorita?
– A ningunha actividade que me entusiasme lle chamaría “ocupación”.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser Feliz.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Aquela que tivera menos graza.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un personaxe de ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Fantasía. E, de non ser posible, no das Marabillas.
10.– A súa cor favorita?
– A da Utopía.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A das “cen follas”.
12.– O paxaro que prefire?
– A Ave Fénix.
13.– A súa devoción na prosa?
– Ser moi devota duns poucos magos. E, logo, deixarme sorprender.
14.– E na poesía?
– Aínda máis.
15.– Un libro?
– Si, por favor. Grazas.
16.– Un heroe de ficción?
– Robin Hood existiu?
17.– Unha heroína?
– A de Trainspotting parece boa.
18.– A súa música favorita?
– Sempre depende do momento.
19.– Na pintura?
– Tamén.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mataríame se revelase a súa identidade.
21.– O seu nome favorito?
– O dese/a heroe/heroína real.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de copiar e pegar sen citar.
23.– O que máis odia?
– Que o ser humano sexa capaz de odiar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de quen coartou a liberdade, en calquera das súas formas.
25.– Un feito militar que admire?
– O dos Jedis contra os Siths, son os únicos exércitos nos que creo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O das ilusionistas.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En escena, tras a mellor función da miña vida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O onirismo con alucinacións.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os infantís. As cativas e cativos poden “facer de min un pandeiro”, expresión moi de Celso Emilio –de quen, si, son devota–.
30.– Un lema na súa vida?
– Miña avoa materna, Lema Touriñán.”

Carballo: recital con poesía e música, presentado por Óscar de Souto

O venres 11 de abril, ás 22:00 horas, na Sala Dublín de Carballo (Rúa Fomento, 25), Óscar de Souto presenta un acto onde Manuel de Corme e Concha Matos recitarán poemas das súas obras, e posteriormente a actuación poético-musical do grupo Versus (con Miguel Queipo e Antón Borrazás).

A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, unha das tres obras finalistas do Premio AELG á mellor obra de Literatura infanto-xuvenil

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres obras finalistas do premio á mellor obra de Literatura infanto-xuvenil A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais).

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXIX)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Valle Inclán de Pontevedra do seguinte xeito:
“Varias alumnas colaboraron no deseño duns graffiti que quedaron colgados nos corredores do centro. Ademais durante toda a mañá do día 24 os alumnos baixaron á biblioteca coas súas profesoras de galego e recitaron poemas ante os seus compañeiros/as.
O centro quere converter esta data nun día de celebración todos os anos e por iso se sumou á chamada da AELG para facer visible a figura de Rosalía nos centros de ensino.”

Aurora Marco, Republicana de Honra 2014

O xoves 10 de abril, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), presentará a Aurora Marco como Republicana de Honra 2014. No acto intervirán, xunto á autora, un representante da CRMH, un representante da Real Academia Galega e o historiador Bernardo Máiz.

Bruxelas: presentación da tradución de Ulises, de James Joyce

O xoves 10 de abril, ás 18:00 horas, na Livraria Orfeu (Rue du Taciturne 43 Willem de Zwijgerstraat) de Bruxelas, preséntase, nun acto organizado pola Asociación Couto Mixto, a tradución galega do Ulises de James Joyce, publicada por Galaxia. No acto participan Ramón Neto e dous dos tradutores, Xavier Queipo e Antón Vialle.