O martes 27 de maio, ás 19:30 horas, na Biblioteca Novacaixagalicia (Rúa Frei Rosendo Salvado 14-16) de Santiago de Compostela, preséntase o número 108 da revista Peonza, dedicada a Agustín Fernández Paz. No acto intervirán algunhas das persoas que participan na revista: Xabier P. DoCampo, Xavier Senín, Isabel Soto, María Jesús Fernández, Martin Pawley e Miguelanxo Prado, sendo o cerre do mesmo a cargo do proprio Agustín Fernández Paz.
Fallo do II Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María
“Hoxe, 24 de maio, na Casa Galicia en Gipuzkoa fíxose público o fallo do II Certame de poesía en lingua galega Manuel María. O xurado composto por Xosé Estévez, Paulo Lema, Rocío Dourado e Miriam López como secretaria sen voz nen voto acordaron que os premiados foran os seguintes:
1º premio: Cruz Martínez Vilas (Vigo). Obra: O lánguido ocaso dunha dalia.
2º premio: Pura Tejelo (A Coruña). Obra: Éramos deuses entre a herba seca de agosto.
3º premio: Tito Pérez Pérez (A Coruña). Obra: Despece.
Compostela: presentación de Unha rosa encarnada, de Robert Burns, traducido por Raúl Gómez Pato
O martes 27 de maio, ás 20:30 horas, no Grândola (Cardeal Payá, 18) de Santiago de Compostela, preséntase Unha rosa encarnada, de Robert Burns, publicado por Positivas. No acto participará o tradutor, Raúl Gómez Pato, Ryan McAllister, escocés e asesor para a tradución e o texto orixinal, e Héctor Lorenzo, quen ofrecerá algunha versión musical dos poemas do autor escocés.
Vigo: actividades destacadas do luns 26 de maio na Feira do Libro
O luns 26 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:
– 19:00 h. Presentación do libro Recinto gris, de Ledicia Costas, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Marcos Calveiro e Helena Pérez.
– 19:30 h. Sinatura de Elena Gallego Abad na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Presentación do libro E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque Zapata, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Carme Adán, Braulio Amaro e Manuel Bragado.
Vigo: actividades destacadas do sábado 24 e domingo 25 de maio na Feira do Libro
Os sábado 24 e domingo 25 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:
Sábado 24
– 13:00 h. Contacontos O soño de Esther, a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
– 21:00 h. Presentación do libro Sangue 12, de Cris Pavón, publicado por Urco Editora.
Domingo 25
– 20:00 h. Presentación do libro Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, con limiar de Moncho Iglesias Míguez e ilustracións de Luís Viñas, publicado por Círculo Edições.
Agustín Fernández Paz: “A medida que vou cumprindo anos máis convencido estou de que nesta vida o único que importa é o amor”
Entrevista a Agustín Fernández Paz en Onda Cero Radio:
“Como o protagonista da súa última novela, Agustín Fernández Paz tamén confesa que os afectos e o amor son o único que importa nesta vida na que perdemos moito tempo “no metal”. Pero a diferencia de Agustín, o protagonista da novela [A viaxe de Gagarin] -Miguel Mendiguren- chega a esta reflexión demasiado tarde, cando tan só lle queda doerse polos anos perdidos. Viaxamos á Coruña franquista dos anos 60 a través das lembranzas de Miguel cando se cumpren 50 anos da viaxe de Iuri Gagarin ao espazo exterior. Unha viaxe motivada non só pola nostalxia, senon pola necesidade de honrar a memoria do pai perdido e da nai a piques de falecer.”
Nimbos sobre Barna, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Tras acomodarme no cuarto da Residencia de Investigadores, fun ao encontro da causante de que alí estivese, a profesora Malores Villanueva, unha das máis brillantes estudosas da súa xeración, docente nos últimos anos na Universidade de Barcelona.
Agardábame unha gratísima sorpresa: Malores non esperaba soa, acompañábana outras dúas colegas, amigas de meu dende hai anos, as tamén docentes Helena González e María Xesús Lama. Todos catro compartimos conversa e tivemos ocasión de nos poñer ao día de non poucas cuestións de grande interese para o bo goberno da literatura e, particularmente, da crítica galega.
Á tarde, 18:00 h., achegueime ata o Edificio Josep Carner da UB para impartir unha conferencia aos universitarios sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, sobre quen tivera a oportunidade de ver unha moi interesante exposición preparada na biblioteca da Facultade de Filoloxía pola profesora Villanueva.
O relatorio discorreu placidamente e conseguimos crear un ambiente de franco e ilusionante diálogo entre o público asistente e os que na mesa estabamos; a saber: Villanueva, quen oficiou de presentadora e moderadora do acto, o profesor Basilio Losada, por quen tiven a honra de ser presentado e a quen puidemos oír valiosos xuízos a propósito da figura e importancia de Díaz Castro, e eu mesmo, que intervín por espazo dunha hora ante un auditorio no que se contaban, amais de activos e ben formados alumnos, compañeiros de oficio como a referida Mª Xesús Lama, Joaquim Ventura ou Camilo Valdehorras.
A sesión completouse cun amplo recitado dos versos de Nimbos por parte de varias alumnas e alumnos da Secció de Estudis Gallecs i Portuguesos, momento en que compareceu outra das agradables sorpresas do día: un deses discentes, o médico Xavier Sierra Valentí, achegou o recitado dos poemas diazcastrianos traducidos ao catalán, ofrecendo aos presentes unha copia encadernada dunha xenerosa escolma das composicións vertidas á lingua de Llull, traballo que se suma, así, e completa o que hai anos levara a cabo impecablemente Vicent Berenguer por dúas veces (1995 e 1997). (…)”
Antonio Reigosa: “As revistas orais buscan novos públicos para a cultura”
Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como surxiu este proxecto das chamadas revistas orais?
– Antonio Reigosa (AR): Modestamente, foi unha idea miña, que lle propuxen no seu día á xerencia da Rede Museística Provincial. O que buscan estas actividades é crear novos públicos para a cultura, ofrecer unha información básica sobre determinados asuntos para espertar a curiosidade e animar á xente a achegarse aos museos, utilizando para iso un formato lixeiro e atractivo. Ás conferencias que se ofrecen son moi curtas, de só dez minutos de duración, e están acompañadas de actuacións musicais, non só para amenizar os contidos, senón tamén porque a música é un elemento fundamental da nosa cultura. (…)
– LVG: ¿Non hai outra forma de acceder a estas revistas orais que non sexa asistindo persoalmente a elas?
– AR: Todas as edicións que se organizaron en Lugo foron gravadas en vídeo e por agora ese material está arquivado. Nalgún momento haberá que decidir o que se fai con esas gravacións, porque estaría ben difundilas en Internet e poñelas ao alcance de todo o mundo. Antes haberá que editalas convenientemente e darlles unha forma atractiva, porque de momento son gravacións en bruto, que non foron montadas nin retocadas de ningunha maneira. Nestes dez anos ofrecéronse conferencias e intervencións de moito interese que sería importante recuperar e divulgar e algunhas teñen un especial valor histórico porque correron a cargo de personalidades culturais que xa faleceron. Agora ben, dámoslle moita importancia ao feito de que estas actividades se ofrezan en vivo e que os espectadores poidan intervir tamén dalgunha maneira, mantendo pequenas conversas cos relatores.”
Abato, videopoesía de Esferobite en colaboración con Antía Otero sobre un poema de Xela Arias
Poema de Xela Arias. Videopoesía realizada por Esferobite en colaboración con Antía Otero para a Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, un evento realizado polo Consello da Cultura Galega o 26 de Marzo de 2014 en Santiago de Compostela.