Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2014
Desde
a Asociación Galega de Editores:
O gremio editorial galego celebrou este serán en Pontevedra X edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia. (…) O acto foi presentado por María Lado e Lucía Aldao.
O acto contou coa inestimable colaboración do Concello de Pontevedra, grazas á Concelleira de Cultura Anxos Riveiro e asemade do Pazo da Cultura da cidade, con Pilar Portela á fronte, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e de Gadis, que, dende hai varios anos, apoia economicamente o acto.
Os libros finalistas, entre os cales o xurado selecciona os títulos premiados, foron elixidos polos editores mediante votación, realizada entre a proposta de candidaturas realizada por cada unha das editoriais.
O xurado estivo composto por Pilar Fernández Ruíz, bibliotecaria e directora da Biblioteca de Pontevedra; Cano Paz, libreiro da Librería Paz de Pontevedra; Alfonso G. Sanmartín, editor e ex presidente da AGE; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; e Kiko da Silva, ilustrador e editor da banda deseñada. Os premios son os seguintes:
– Premio ao libro de ficción co que se pretende recoñecer ó mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2014: A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.
– Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2014: O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Edicións Linteo.
– Premio ao Libro de poesía ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro do ano 2014: Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, editado por Kalandraka Editora.
– Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2014: Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.
– Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2014: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.
– Premio Lois Tobío ao libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2014: As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.
– Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2014: Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Barreiro. Baía Edicións.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora: María Reimóndez.
– Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2014: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.
– Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2014: Bibliotecas Escolares de Galicia.
Vilagarcía de Arousa: presentación de Amor en alpargatas, de Manuel Portas
O
martes 17 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Nobel (Rúa Edelmiro Trillo, 19) de Vilagarcía de Arousa, preséntase a novela Amor en alpargatas de Manuel Portas, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Emílio Xosé Ínsua e Fran Alonso.
A Coruña: palestra de Pilar García Negro sobre A vixencia de Afonso Rodríguez Castelao e presentación da ILP Castelao
Pontevedra: presentación de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa
O
martes 17 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal) de Pontevedra, preséntase Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, coordinado por Antonio Reigosa, editado por Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Poldo Cañizo Durán, Rafael Quintía, Calros Solla e Manuel Bragado.
A Coruña: inauguración da mostra Experimentos e matrices, de Ánxeles Penas
Basilio Losada, académico de honra
Desde
a Real Academia Galega:
“A Academia recoñece deste xeito o incansable labor na defensa e difusión da nosa cultura do profesor e escritor lugués establecido en Barcelona, Basilio Losada Castro. (…)”
Santiago Jaureguízar: “Creo nos libros que entrego; non vou facer unha liposucción para vender”
Finalistas do III Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada
Ars dedicandi: Victoriano Taibo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 13 de marzo de 1966 morría en Palencia, 37, no vigués barrio de Lavadores, o compostelán Victoriano Taibo, unha das voces máis destacadas da chamada Xeración das Irmandades, autor de poemarios como Abrente ou Da vella roseira e narrador en volumes como Da agra aberta. Mestre de profesión, foi tamén un entusiasta defensor da causa da lingua, sobre a que escribiu non poucos artigos, e pertenceu ao SEG e mais a RAG.
Hai poucos anos tiven a sorte de poder recuperar a súa obra inédita nun libro que se chamou Abicedo. Cabrinfollas. Souben, ao ir afondando alí no seu labor, que foi Taibo un ser entregue que sempre tivo a Galicia, o seu idioma e a súa cultura como norte. Del son estes versos, tantas veces citados:
O galego que non fala
na lingua da súa Terra,
nin sabe o que ten de seu
nin é merecente dela.
Pois ben, esa cuarteta adorna a lapela de Abrente que, como reza o colofón, foi impreso “na Editorial de «El Eco de Santiago», da cibdá de Compostela, o 1º de Janeiro do ano 1922”. Entre os próceres da capital galega que recibiron con maior ledicia a nova da súa aparición atopábase José Portal Fradejas, avogado, periodista e orador que chegou a ser deputado provincial, ademais de cruz vermella do Mérito Militar, terciario franciscano e destacada figura do foro galego. A el vai dedicado, admirativamente, o exemplar de Abrente que se recupera neste Ars dedicandi, onde pode apreciarse a orixinal cuberta que dispuxo para o mesmo Álvaro Cebreiro, o pintor coruñés que tan bo amigo foi do poeta da Algalia de Arriba.”





