Pontevedra: presentación de A verdade xurídica, de Antón Beiras Cal
Alfonso Rodríguez: “A deserción en masa sería a solución: darse de baixa de todo e conformar outras formas de relación”
Entrevista
de Montse Dopico a Alfonso Rodríguez en Magazine Cultural Galego:
“(…) Di o poeta Alfonso Rodríguez que mellor ser liberado vital que escravo. Mellor estar orgulloso de ser “minus bálido” para un sistema que mercantilizou a vida. Que envelenou as relacións sociais. Que tenta derrubar os dereitos que nos quedan. E diso fala no seu último libro, Lúa plenur. El chámalle artefacto. Mais podería ser mapa. Xeografía que percorrer para tentar ubicármonos no medio do caos. O seu norte é a liberdade. A súa cerna, o ritmo interno do autor. O eu que enuncia o nós.
– Montse Dopico (MD): Lúa plenur ten estética de fanzine. Por que? Sempre fixeches ese tipo de deseños?
– Alfonso Rodríguez (AR): Si, desde moi novo. Ademais de beber, fumar porros e escoitar música cañeira, formei parte dun colectivo, ‘Komando Estrela Galiza’, a primeiros dos 90. Tiñamos un logotipo feito a partir do de Estrella, por iso o nome. Tiña relación co movemento insubmiso, había algunha xente máis independentista outra máis anarca… Era un rollo moi libertario. Atopamos, ademais, un espazo, a Casa da Xuventude, onde faciamos actividades: concertos, xornadas. Tiñamos unha publicación política, ‘Desobediencia’, e o boletín ‘Adokín’.
Aínda que despois acabamos marchando, porque aquel local non deixaba de ser unha institución, e ocupamos unha casa, o Fogar Infantil, onde seguimos desenvolvendo moitas actividades. Un colega e eu fixemos un fanzine de política e música, -hardcore, punk…-, que se chamaba ‘Noxxxo’. Despois desta época comecei a facer poemas, que mesturaba con colaxes. Foi un tempo en que fixen seis ou sete fanzines en poucos anos e colocábaos en librerías, bares…
– MD: Poemas e colaxes xa xuntaches en Oremos, o libro que publicaches en formato pdf na plataforma A Regueifa. Nese sentido, Lúa plenur sería como volver a iso.
– AR: Si, é como se andase para atrás e para adiante. O primeiro libro que publiquei foi Subir ao faiado, con Positivas, no 2004. No 2007 foi Oremos, que era ademais o primeiro libro que publicaba A Regueifa en pdf. En Oremos todos os colaxes estaban feitos con capas de cassetes de música. Despois publiquei Azúcar glass, en coedición con Duen de Bux. O de ‘subir ao faiado’ foi como unha lotería. A min marcárame moito Lois Pereiro, antes dese boom que houbo sobre el polo Día das Letras. Tamén lera, de Positivas, cousas de Bukowski, de Ronseltz… Enviei unha escolma de poemas, e Paco Macías dixo que si… (…)”
Agustín Fernández Paz presenta un novo libro infantil: Amizades secretas
Desde
o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Nova obra dun dos grandes autores galegos de literatura infantil: Agustín Fernández Paz. A fascinación dos nenos e nenas polos animais é o eixe de Amizades secretas, unha narración que ten a orixinalidade de estar contada desde unha dobre perspectiva: a da familia dos ratos e a das persoas.” A entrevista pode verse completa aquí.
Redondela: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
martes 7 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Redondela, dentro da Semana do Libro de Redondela, preséntase Océano para terrícolas, unha parolada-concerto para embarcarse nas mil travesías do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais.
Antonio Tizón: “Entendo que a literatura significa espirse por dentro”
Desde
Xerais:
“A Cadea SER Galicia emitiu unha entrevista ao escritor Antonio Tizón sobre a súa novela A antesala luminosa, publicada en Xerais. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.
Noia: programa da VII semana da Historia de Noia. Homenaxe a Manuel Fabeiro Gómez
Cuestionario Proust: Rafael Lema
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rafael Lema:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tesón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Esforzo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Estar cerca.
4.– A súa principal eiva?
– Ter ética nun mundo de chupóns.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir na miña casa coa miña xente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder un sobriño.
8.– Que lle gustaría ser?
– Almirante do mar océano.
9.– En que país desexaría vivir?
– España.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Centaurea bazarensi.
12.– O paxaro que prefire?
– Arao.
13.– A súa devoción na prosa?
– Proust.
14.– E na poesía?
– Seferis.
15.– Un libro?
– En busca do tempo perdido.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
-17.– Unha heroína?
– Justine (Sade).
18.– A súa música favorita?
– Pandereteiras.
19.– Na pintura?
– El Greco.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Inés de Castro.
21.– O seu nome favorito?
– Amelia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– As drogas.
23.– O que máis odia?
– Os narcos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Stalin.
25.– Un feito militar que admire?
– A conquista de México (nela participou o meu parente Hernando de Lema).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na cama e de vello.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Entusiasmo no que fago, asombro pola creación allea.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Saúde e terra.”
Luís Seoane: unha carta no seu trixésimo sexto cabodano
Desde
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Hai trinta e seis anos falecía na Coruña Luís Seoane. Particularmente, sen chegar a coñecelo nunca, aínda que si tratei brevemente no Grove á súa compañeira, Maruxa Seoane, entendino sempre como unha figura clave na historia máis recente de Galicia. Ao mesmo tempo aumentou o meu interese na súa obra, entre outras razóns, pola vinculación admirativa que o uniu a Manuel Lueiro Rey, quen foi o responsable de organizar -no cine “O Marino” do Grove- a primeira e grande homenaxe aos poucos días do seu falecemento e á que acudiron, como se pode advertir no cartel da dereita, unha numerosa representación da intelectualidade galega do momento a carón da presenza destacable de Rafael Alberti. Anos despois recolleríanse nun volume editado nas Ediciós do Castro algunhas desas intervencións.
Para evocar a súa figura reproduzo aquí una carta -foime imposible dar cun manuscrito autógrafo de Seoane pois adoitaba escribir case sempre a máquina e penso que foi das persoas que abrazou o xénero epistolar con máis intensidade, sobre todo por mor do seu exilio- dirixida a Ramón Piñeiro o 11 de febreiro de 1958. O seu contido, ao meu xuízo, resulta ben significativo pois transparenta tanto o seu pensamento como a perenne fidelización aos seus principios. A carta, que reproduzo abaixo, extráioa do interesante epistolario que publicou o Consello da Cultura Galega e pode consultarse no seu orixinal premendo aquí.
“Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela
Meu querido amigo:
Agradézoche moito as frases garimosas inxustificadas polas que siguen, que me adicas na primeira parte da tua carta que acabo de recibir, pois estiven fora dista cidade unhas semáns. Mais non podo ademitir en silenzo as da derradeira parte, eistranamente inxénua, de dita carta, na que te refires ao editorialista de G. E., e nas que usas, ademáis dun lenguaxe que non corresponde, uns conceptos trabucados e alonxados no meu caso da realidade.
1) O que chamas tí a confusión “arte-literatura-loita de clases-revolución”, no ten ren que ver coa posición estética nin política do “pueril” editorialista de G. E., é decir miña, a que te refires. Si algunha vez tiveses perdido tempo ollando o que fixen no terreo da pintura ou escribindo, tes que ter ollado que non é fácil clasificarme, nin desexo que me clasifiquen ledamente no meu traballo, e pódese notar que non descoñezo as tentativas estéticas que poidan ser unha novedade nos días que vivo, eisperimentando nalgunhas delas cando me pareceron serias. Falarme a mín desa confusión de fai vinte ou trinta anos e simplemente por non ter dialogado nin por carta endexamáis conmigo, nin térese tomado a molestia de ollar o que fago. Esa posición que tí tes por confusa e rematada descoñecendo a sua vitalidade aitual, gústenos ou non, sigue levantando polémicas, continúa sendo respetábel e non “puro anacronismo” como tí dís. Supoño que non terás por rematado xa a Sartre e aos seus meditando –e facéndoa– nunha literatura, (nin aos realistas norteamericáns, nin aos neorrealistas italiás), sumerxida en aición.
2) A xusticia social como tema ten de encher aínda moitas páxinas, unhas boas, e outras coma tí dís “propaganda”, sin que perdan novedade. A sua novedade ten polo menos os séculos do Novo Testamento e namentras eisista dalgún xeito a inxusticia non ten de transformarse en tema de cabaleiría. Algunhas das mellores páxinas da nosa literatura do xix nasceron con ese tema. En canto ós fins a que te refires, “o servicio de fins distintos”, no meu caso o servicio ten un nome, Galicia, e os fins un programa, o que nos fixo irmáns que tí deberas non esquencer, e que pola tua carta pensaría que estás esquecendo. Calquer outro nome que lle poñas ó meu servicio e aos meus fins sería coincidente co que lle poder pór a policía, por exemplo; e tí, estou seguro, non eres capaz deso. (…)”



