Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Na tarde do xoves 6 de marzo tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.
Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.
Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.
Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.
Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos. (…)”
Ana Acuña: “Algúns dos primeiros madrigalegos non coñecían a Castelao”
María Reimóndez: “Constrúese a identidade das mulleres para crear desafección cara ao discurso feminista”
Entrevista de Montse Dopico a María Reimóndez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Moda galega foi un dos teus primeiros libros. Por que decidiches volver a el?
– María Reimóndez (MR): Foi o meu primeiro libro publicado, hai xa dez anos. O de volver a el foi por unha confluencia de dúas cousas. O Moda galega inicial é un libro especial para min, claro. Pero ademais segue estando vivo. Séguese lendo, chámanme para traballar arredor del… E non é habitual que un libro teña unha vida tan lonxeva. Eu nin me decataba de que pasaran xa dez anos. No Feminario Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas), da Universidade de Vigo, que é o grupo de investigación co que estou a facer a miña tese, a directora, Belén Martín, comentou que había xa dez anos que se publicara Moda Galega -isto foi no 2002-. E pensei que podería ser interesante volver aos mesmos temas, os mesmos espazos… despois deste tempo. Así, por unha banda reeditouse Moda galega e pola outra publicouse Moda galega reloaded. (…)
– MD: Moitas veces, dis, dicir “cultura” é outra maneira de dicir “patriarcado”. Onde antes se dicía raza, agora dise cultura para xustificar o patriarcado.
– MR: Ese é un tema central para min. Esa idea de que desde Occidente non se pode facer nada porque “é a súa cultura”, o que fai é ignorar os dereitos das mulleres. Ou derivar nesa outra visión penalizadora de que “é que son uns bárbaros”. O que teñen en común estas dúas visións é que consideran as culturas como entes estáticos, fixos, sen relacións de poder. E o que se consegue así é reforzar o fundamentalismo. Desafiuzar as mulleres, sobre todo as feministas. Porque favorece que, a calquera muller que defenda os seus dereitos, se a etiquete como occidentalizada. E ese é un modo de escurecer toda a historia do feminismo no seu propio país, e de estigmatizar as mulleres dobremente, como feministas e como occidentalizadas. Este é un tema que me provoca moito malestar. E que non é exclusivo dos países poscoloniais. Pois son discursos que tamén están presentes na nosa cultura. Só hai que lembrar a que se montou cando María Xosé Queizán falou do machismo dos textos de Pondal. E non estaba a dicir nada que non fose evidente.
– MD: Tes outro poemario novo, Cousiñas. Escrito inicialmente en alemán…
– MR: Pois é un libro moi distinto a todo o meu discurso habitual. É un libro de amor, ou máis ben de desamor, a unha cidade, Munich. Escribino en alemán e pensando nun público que non era o galego. Pensaba facer unha autoedición, e traducino ao galego para poder traballar con Fabulatorio, que ao final decidiu editalo en galego. Deixamos algúns epígrafes en alemán porque o que fixen foi un xogo de descomposición da lingua, pero o libro está en galego. Ademais, ten moito de libro-obxecto. É moi importante o deseño.”
Xosé Monteagudo: “O ideal para o poder é que quen sofre os recortes os xustifique como necesarios”
Entrevista de Montse Dopico a Xosé Monteagudo en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): O libro [O curioso mundo das persoas normais] baséase nun feito real. O caso dun home que vivira toda a vida nun hospital. O que ti escolles é, a partir desta idea, tentar comprender o noso mundo desde fóra del para evidenciar, se cadra, o absurdo que pode ser o que nos parece normal. Era esa a idea de partida?
– Xosé Monteagudo (XM): A idea de partida era a de contemplar a realidade desde un ángulo diferente. Esa posibilidade foi o que me atraeu da noticia. Pero non comecei a escribir a novela cunha idea predeterminada sobre o que ía contar e menos aínda que no seu conxunto se puidese extraer do relato a idea de que a realidade ten moito de absurdo. Creo que para un escritor non é bo coñecelo todo sobre a realidade que vai retratar. Estou convencido de que os apriorismos réstanlle vida propia á ficción. O escritor, cando escribe, tamén descobre. É algo que sempre teño moi presente. Tamén nesta novela, onde eu fun descubrindo a través dos ollos de Tomás, o personaxe, a realidade que lle tocou vivir e saquei con el as miñas propias conclusións. (…)
– MD: O protagonista abúrrese a primeira vez, e a única, que pasa unha fin de semana fóra do hospital. E o que observa é que as persoas normais están atrapadas, máis pechadas ca el. E crecentemente necesitadas de tranquilizantes. Se cadra este é o miolo da novela: apuntar a como vivimos pendentes de cousas absurdas. É así? En que sentido?
– XM: Probablemente eu, como autor, son a persoa menos indicada para contestar á pregunta de cal é o miolo da novela. Moitas veces os lectores fan unha interpretación das miñas novelas que non se corresponde coa visión que eu tiña do texto mentres o escribía. Pero esa interpretación do lector é tan válida coma a miña, e seguramente estará moito máis atinada ca a que eu teña. Porque o lector non está condicionado na súa interpretación por ideas previas e o autor, si. O lector ve o que hai no texto. O autor non pode deixar de ver o que quixo que houbese. Así que contestando á túa pregunta, a miña intención, á cal responde o propio título da novela, era suscitar no lector unha reflexión sobre a realidade dándolle un punto de vista diferente desde o cal contemplala. Que a conclusión a esa perspectiva que eu ofrezo sexa a que ti apuntas ou outra diferente, creo que non me corresponde a min afirmalo.
– MD: No estilo, hai certas conexións tamén coas novelas anteriores. A sinxeleza é un dos trazos. Que é o que procuras, cando concibes o estilo das obras?
– XM: Non sei moi ben o que é a sinxeleza en literatura. Sobre todo se trato de definila en relación co seu oposto. O contrario de sinxelo é complicado? Especificamente se falamos do estilo, ese contrario pode ser rebuscado, ampuloso, rechamante? De ser así, o meu estilo é certamente sinxelo. Aínda que eu prefiro falar de transparencia. O mellor estilo para min é aquel que non se interpón entre o lector e a historia. A credibilidade literaria dun relato creo que se esvaece se o estilo non se axusta ao que conta. E iso sucede tanto por exceso coma por defecto. O que procuro sempre é o lector se somerxa no relato e que avance na lectura da novela sen tropezar a cada paso coas palabras ou coas frases. O que dicía Flaubert do estilo, xustamente. Por suposto, conseguir iso, ou tratar de conseguilo polo menos, paréceme a tarefa máis difícil. Esixe corrixir moito e sacrificar ás veces frases máis brillantes pero menos efectivas para o desenvolvemento do relato. Alén do ritmo do fraseo, o que procuro en cada novela é dotar o narrador de personalidade de seu, dunha entidade que sen decatarse se grave na memoria do lector. (…)”
Ourense: Roteiro Carlos Casares
O sábado 8 de marzo, ás 18:00 horas, diante do Liceo de Ourense, terá lugar un Roteiro Carlos Casares, coa lectura e comentario de fragmentos seleccionados da obra do autor, tras un pequeno acto de presentación pública.
Vigo: edición de marzo do Círculo Poético Aberto
O sábado 8 de marzo, ás 22:00 horas, no Café Uf Negra Sombra (Rúa Pracer, 19) de Vigo, terá lugar un novo recital do Círculo Poético Aberto. No acto, onde teñen confirmada a súa asistencia Francisco X. Fernández Naval, Raquel Pazos Garrido, Moncho Iglesias Míguez, Alexandre Insua Moreira ou José Goris Cuinha, preséntase o segundo número da revista Elipse.
A biografía do Orlando namorado, furioso e pendurado, por Eli Ríos
Artigo de Eli Ríos na revista A Sega:
“Goretti Fariña, na novela Orlando pendurado, debulla a historia de Orlando, un ex-seminarista que traballa no naval. No estaleiro, un día, ten un acidente e queda pendurado dun arnés a nove metros de altura. Mentres agarda que cheguen os bombeiros reflexiona sobre o que foi a súa vida e o que espera do futuro.
Cunha prosa amena, a autora restaura un modelo lingüístico de calidade no que a linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres ao tempo que debulla os temas da novela: a crítica ao sistema económico, á Igrexa, aos sindicatos, ás condicións laborais, ás supersticións, etc Iso si: sempre desde o burlesco, desde o ridículo e desde a ironía máis fina porque, este texto, toma o relevo de grandes obras europeas, con altas doses de sátira, como Orlando innamorato (1486) de Matteo Maria Boiardo, Orlando furioso (1532) de Ludovico Ariosto e Orlando: A Biography (1928) de Virginia Woolf. (…)”
Compostela: Congreso Internacional Editando para minorías na era dixital, do 3 ao 6 de abril
Do 3 ao 6 de abril terá lugar en Santiago de Compostela, organizado por campUSCulturae, o Congreso Internacional Editando para minorías na era dixital, unha oportunidade para debater sobre a situación do libro e da edición en tempos de recambio tecnolóxico e de agromar de propostas que redescobren o valor dos produtos artísticos de autor, únicos ou concibidos para esixentes minorías que foxen do estereotipado e comercial. Editores, bibliófilos, xestores culturais, escritores, ilustradores, expertos en novas tecnoloxías e deseñadores, entre outros profesionais, daranse cita neste encontro durante o cal se inaugurará a exposición Imprimatur. Está aberto o prazo de matrícula e o envío de comunicación até o 21 de marzo. Máis información aquí.
Santiago: presentación do libro colectivo Alén do silencio
O sábado 8 de marzo, ás 20:00 horas, no Pub Modus Vivendi (Praza de Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Iolanda Aldrei, Miguel Alonso, Alexandre Brea, Silvia Castiñeiras, Jorge Cimadevila, Natalia Concheiro, Asun Estévez, José Estévez, Luz Fandiño, Irene Fernández, Ursia Gago, Catarina Laxe, Iria López, Yoli López, Toño Núñez, Uxía Otero, Marta Pedrosa, Lorena Rei, José Antonio Rodríguez Vivián e Eva Xanín. Haberá actuacións musicais a cargo de Karla, Katuxa, Roy, Miguel Alonso e Isabel Rei.
Manuscritos: Vanesa Santiago
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.