Gondomar: presentación de Argola, de Marta Dacosta

O venres 31 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Instituto de Estudos Miñoranos, Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase Argola, de Marta Dacosta, publicado por O Figurante. Participan, xunto á autora, Puri Ameixide e Miguel Anxo Mouriño.

José Antonio Cascudo: “Nimbos rexeita aparatos teóricos e ideolóxicos, é unha obra mestra ao sentido común”

Entrevista de Montse Dopico a José Antonio Cascudo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como comezas a recadar información sobre Díaz Castro? Xa coa idea de facer un documental?
– José Antonio Cascudo (JAC): A orixe de O instante eterno foi unha conversa con Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a comezos do 2011. Daquela ían cumprirse cincuenta anos da publicación de Nimbos e os dous coincidimos en que era necesario difundir a figura de Díaz Castro coa vista posta no seu centenario (que se celebrará dentro dunhas semanas, concretamente o 19 de febreiro). Pensamos que o mellor xeito de chegar ao público era a través dun traballo audiovisual. Alfonso entusiasmouse tanto coa idea que aquela mesma tarde visitamos o Vilariño, lugar da parroquia dos Vilares onde naceu Díaz Castro, de onde inevitablemente debería partir o relato. Mentres estabamos curioseando pola aldea pasou por alí unha veciña que se parou a falar connosco, entón Alfonso díxolle: “Imos facer unha película sobre o poeta”. Nese momento deime conta que xa non había volta atrás, coñecendo a capacidade de persuasión dunha persoa que leva case catro décadas sendo o epicentro do activismo cultural da Terra Cha. (…)
– MD: Un dos aspectos que salienta o documental é a conexión de Díaz Castro tanto cos poetas anteriores como cos posteriores. Ambas cuestións analízanse, fundamentalmente, a través de entrevistas: Félix Villares, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco… Que quixestes salientar máis, sobre iso?
– JAC: Utilizamos as entrevistas porque nos parecía o xeito máis asequible para vertebrar o relato e ao mesmo tempo tocar o espectador no aspecto emocional. Díaz Castro recoñecía que nos Vilares non atopara as condicións propicias para escribir, pero que ese clima si se daba no Seminario de Mondoñedo onde había tal bulir creativo que de alí xurdiu unha escola poética propia, a Escola da Terra Cha. Alí se enmarca o seu nacemento como poeta, á sombra de Noriega, Crecente Vega e sobre todo do seu mestre, Aquilino Iglesia. Esta etapa requiría un exame profundo, a través de dous especialistas como Félix Villares e Armando Requeixo, xa que nos “cadernos poéticos mindonienses” Follas Verdes (1934) e Follas ao aire (1935) atopamos o xerme de Nimbos, incluso xa algún poema como Esmeralda.
Desde estas obra de xuventude, a poesía de Díaz Castro foi alumeando progresivamente o universal sen deixar de lado nunca aquel microcosmos natal do Vilariño. A través duns versos en aparencia tan elementais estalle insinuando constantemente ao lector que todas as cousas, se se saben mirar, están cheas de misterios. Esa audacia creativa radica non só no seu talento como poeta senón nun fondo coñecemento da cultura humana. En diferentes entrevistas sinalaba que o seu propósito literario era fuxir do influxo doutros, e esta ansia de buscar un estilo propio levouno a filtrar a autoría de xeito admirable, metamorfoseándose nas “chousas máis íntimas”, na lingua popular, na paisaxe da infancia, nos sons dos ríos ou nos silencios das noites chairegas.
Ese amor sincero polas cousas e o xeito de expresalo creo que foi o que fascinou a moitos poetas novos. Carmen Blanco, Rodríguez Fer ou González Tosar entre outros, son mostras inequívocas desa pegada. Por iso lles pedín que contasen que era o que os seducía daquel poeta que a simple vista non parecía poeta. Se houbese que extraer unha conclusión de síntese destas entrevistas quedaríame cun paradoxo: o mesmo Díaz Castro sempre xeneroso e amable era dunha rigorosidade extrema consigo mesmo, un obseso da perfección. Disto dá conta o feito de que de non ser pola insistencia de persoas como Carvalho Calero, Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro quizais Nimbos nunca tería visto a luz, porque o autor pensaba que non tiña a calidade suficiente para ser publicado. (…)”

Vigo: XVI Certame Internacional de Improvisación Oral

Arteixo: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

O xoves 30 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Centro Cívico de Arteixo (Paseo Fluvial, s/n), preséntase Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a Asociación Cultural Monte da Estrela, estarán presentes, xunto ao autor, Xurxo Souto, Xosé Manuel Sánchez Rei e Aniceto Nunes.

A mar de historias

Do blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”