Radiocrítica do 30-12-2013, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 30 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o álbum infantil Suleiman y Salúa de Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali (I, 5’50); o disco-libro Toc Toc de Pablo Díaz (I, 8’50 e II 0’00); o ensaio Para que nos serve Galiza? de Xaime Subiela (II, 1’50); a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (II, 4’30) e a antoloxía Novas_de poesía. 17 poetas (II, 4’30 e III, 0’30), da que lin poemas de Mario Regueira (III, 6’40) e mais de Xiana Arias (III, 7’50).”



Cuestionario Proust: Iolanda Zúñiga

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Iolanda Zúñiga:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Obsesivo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que teñan cartos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me permitan tirar proveito dos seus cartos.
4.– A súa principal eiva?
– Non saber cociñar. Non querer aprender a cociñar.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ver vídeos porno.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir dopada con diazepam 10 mg.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sobrevivir alén dos trinta anos. Xa estou a vivir en desgraza.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un ourizo cacho en estado de hibernación.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Mordor.
10.– A súa cor favorita?
– O óxido.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As flores plásticas dos nichos que ninguén visita o Día de Defuntos.
12.– O paxaro que prefire?
– Galiña de curral choca.
13.– A súa devoción na prosa?
– Manual de instrucións da mesa auxiliar LACK, de Ikea.
14.– E na poesía?
Dry Martini SA (Sexo Anal), de Nacho Vegas.
15.– Un libro?
– O catecismo: forxou quen hoxe son.
16.– Un heroe de ficción?
– Patán, o can de risa asmática de Pierre Nodoyuna.
17.– Unha heroína?
– «Clara… de noche».
18.– A súa música favorita?
– As bucinas dos barcos no porto do Vigo.
19.– Na pintura?
– Un graffiti que lin no asfalto de París mentres ía acompañada dun tipo cuxo maior pasatempo consistía en menosprezarme: «je suis la femme de ma vie».
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Lorena Bobbitt.
21.– O seu nome favorito?
– Smith & Wesson.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Carencia de empatía.
23.– O que máis odia?
– Á especie humana.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Deus.
25.– Un feito militar que admire?
– Os combates entre clicks de Playmobil.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Morrer agora sen que sufra a única persoa que considero non debe sufrir máis.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Comendo Donuts, antes de que unha multinacional absorba Panrico.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Desinterese maiúsculo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Ningún; os «defectos» son subxectivos e os peores adoitan ser invisibles.
30.– Un lema na súa vida?
– «Espérote no inferno».”

Especial sobre Xosé María Díaz Castro no Diario Cultural da Radio Galega

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado xoves día 2, primeiro día hábil do ano, o Diario Cultural da Radio Galega dedicou a súa emisión á figura de Xosé María Díaz Castro, sobre a que levou a cabo un programa monográfico no que, amais do recitado de poemas de Nimbos na voz do propio poeta e a inserción de opinións sobre a importancia da súa figura expresadas por diversos autores, desenvolveuse un amplo faladoiro no que participamos a profesora e investigadora Carmen Blanco, o estudoso e responsable da Asociación Cultural Xermolos Alfonso Blanco Torrado e mais eu.
Por espazo de case tres cuartos de hora, tivemos ocasión de repasar algún dos principais trazos definitorios da súa obra, aclarar certos episodios biográficos e mesmo poñer á audiencia na pista das actividades de divulgación e recuperación da súa figura que se concretarán neste 2014, oficialmente declarado pola RAG como Ano Xosé María Díaz Castro, pois a el se dedicará o vindeiro Día das Letras e tamén este próximo 19 de febreiro celebraremos en Guitiriz a grande festa do seu centenario de nacemento, os actos da cal están xa a se preparar.
Podedes oír todo o que alí falamos clicando aquí. Beizóns aos amigos da Radio Galega e, moi especialmente, a Xiana Arias, quen conduciu inmellorablemente un faladoiro que se converteu, pola data de emisión, no primeiro evento diazcastriano do ano.”