Bilbao: proxección de Alexandre Bóveda. A fazaña da liberdade
Ramón Nicolás: Berta Dávila e as fracturas da poesía
Entrevista de Ramón Nicolás a Berta Dávila en Qué leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Desde os seus comezos como creadora alterna prosa e poesía. Que a leva a un ou outro xénero?
– Berta Dávila (BD): No meu caso, os proxectos de poesía adoitan ser máis continuados no tempo, detéñense e retómanse, pero permanecen como pano de fondo. Supoñen case sempre un enfrontamento coas palabras, un acto de abrir fendas ou fracturas. Creo que, cando escribo narrativa, o intento responde máis á idea de pechar ou conectar esas fracturas entre si, de construír os bordos do oco, en vez de sinalalo como fai o poema. Iso creo, pero non o teño moi claro, porque ás veces sucede o contrario.
– RN: O proceso de creación e maduración de textos poético en vostede, polo que coñezo, é moi meditado. Tamén na narrativa?
– BD: Para min son procesos de escritura moi diferentes. Cada vez corrixo máis o que escribo e síntome máis insegura. Cando escribía Raíz da fenda fun colgando os poemas no corredor da miña casa para ordenalos e corrixilos, necesitaba velos todos á vez, se non na miña cabeza, polo menos si na miña parede. Cando traballo en narrativa o fago sempre en ordenador, imprimo as versións e corrixo a man, supoño que é o máis convencional. (…)”
Dez anos sen Xela Arias
Artigo de Marga Do Val en Sermos Galiza:
“Hai dez anos a morte de Xela Arias con só corenta e un anos, moitas ganas de vivir e quizais no mellor da súa vida, nai dun fillo, conmocionaba o mundo cultural galego. Unha delegación de escritores e escritoras atopábase no marco da reunión anual da Federación Galeusca, en concreto no Museo da Paz de Gernika, cando esta mala nova chegou a través dunha chamada telefónica do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo á escritora Yolanda Castaño, a noticia batía coma un mazazo.
Profesora de literatura de ensino medio nos últimos tempos, ligada desde o inicio a Edicións Xerais de Galicia, onde realizara traballos de corrección de estilo, poeta e recoñecida tradutora, nacera en Lugo en 1962, aos sete anos trasládase cos seus pais a Vigo que será xa o seu lugar de residencia. Xela Arias tamén foi un dos rostos que se levantou contra a burla negra do Prestige a súa voz estivo presente en moitos actos de protesta e queda reflectida en publicacións como Alma de Beiramar (2002).
Desde unha perspectiva actual aínda sorprende no panorama literario o poemario publicado en 1986 Denuncia do equilibrio, innovador de forma e transgresor de contido, como abraia en 1990 Tigres coma cabalos, quizais un dos libros máis fermosos como obxecto da poesía galega, quizais un dos espellos-pozos nos que caer ou dos que fuxir para indagarmos sobre a dependencia e a liberdade, o ser ou non ser, unha ousadía.
En 1994 ofrécenos a súa experiencia da maternidade e preséntanos unha nai inédita no seu entrañábel Darío a diario. Todos estes poemarios circulan hoxe de man en man, ás veces en exemplares fotocopiados, hai quen aínda consegue dar con algún en librerías de vello, todos, agardan unha reedición. Unha autora que xa cumpre todos os requisitos para ser homenaxeada co día das Letras Galegas, incluso o das obras esgotadas. (…)”
Compostela: obradoiro Na vertixe: construir o poema, impartido por Dores Tembrás, os 22 e 23 de novembro
Historia da Literatura Galega, das orixes a 1853, de Xosé Ramón Pena
Vigo: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández
A Coruña: presentación da exposición Lúa Coruña e posterior recital
O martes 5 de novembro, ás 19:30 horas, na Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita, s/n) da Coruña, preséntase a exposición de fotografías de José Caruncho Lúa Coruña. Tras a presentación da colección de fotografías, proxectaranse no Planetario algunhas das fotos e o autor comentará como se fixeron e que procuraba con esta serie de imaxes. De seguido, coa axuda do proxector do planetario, explicaranse brevemente os cambios que teñen lugar no noso satélite durante un dos seus ciclos, para acabar cunha escolma de textos literarios relacionados coa Lúa, escollidos e lidos pola escritora Estíbaliz Espinosa. O acto estará aberto ao público, até completar o aforo.
Miguel Ángel Alonso Diz: “Publicar baixo un selo editorial non engade ningún valor real”
Entrevista a Miguel Ángel Alonso Diz en Letra en Obras:
“Miguel Ángel Alonso Diz (Madrid, 1976) é un vigués licenciado en Economía que un día decidiu deixar a garavata das mañás grises e dedicarse a oficios menos retribuídos monetariamente pero tamén máis satisfactorios. Alonso Diz compaxina agora un traballo de formador co que realmente ama: a cultura en xeral e a literatura en particular. A súa axenda sempre ferve: é membro do colectivo literario A porta verde do sétimo andar, é un dos fundadores dos Cadernos Q de Vián, é un dos organizadores do Poetry Slam Vigo e aínda lle queda tempo para colaboracións radifónicas en Radio Allariz ou artigos xornalísticos nesta mesma casa de Letra en Obras. Mais unha das cousas polas que soa con forza o nome de Alonso Diz é polas súas dúas existosas incursións no mundo da literatura infantil. Apostando pola autoedición, o autor foi quen de colocar O cullarapo croque e A nena á que non deixaban ser feliz dentro da tabela de libros máis vendidos. Eis as respostas ao cuestionario que lle enviamos. (…)”
Manuel Gago e Manel Cráneo: “Galicia é un país cun vínculo tan forte coa Idade de Ferro que até Feijóo vive agora nun castro”
Entrevista de Alberto Ramos a Manuel Gago e Manel Cráneo en Praza:
“Entre a divulgación, a historia e fantasía móvense Manuel Gago e Manel Cráneo no seu novo proxecto conxunto. Trátase de Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia, un libro editado por Xerais no que os dous autores botan a vista atrás, até a Idade de Ferro. Gago levaba máis de vinte anos madurando a idea deste libro no seu caletre, unha idea que buscaba deitar luz sobre unha parte da cultura do país esquecida por todos ou case todos: os deuses da idade do ferro. Nesta obra. Gago descríbenos as dez deidades máis espalladas polo territorio e Manel Cráneo acompáñao na aventura cun feixe de ilustracións que procuran dar corpo a estes deuses e, tamén, recrear a época en que divinidades como Reve, Nauia ou Berobreos gobernaban o particular panteón da época neste recanto de Europa. Vento e Chuvia móvese nestas coordenadas, mais é moito máis ca un libro, é un proxecto que vai máis aló da palabra escrita nun libro. No web Vento e Chuvia ofréceselles aos lectores unha morea de contidos diferentes, dende making off, roteiros, mapas, gráficas até historias diferentes ás que veñen no libro. (…)
– Praza (P): Cantos deuses temos aquí?
– Manuel Gago (MG): En total, son dez: Reue, Bandua, Nauia, Cossue, Lugoue, Berobreos, Poemana, Bormanico, as Sulas Nantugaicas e o Vestio Alonieco.
– P: Por que eses e non outros?
– MG: Porque son os deuses máis estendidos. O Reve estivo moi espallado, Nauia estivo moi estendida tamén e Cossue, tamén. Eran os deuses máis implantados nos territorios de Gallaecia. E despois, hai outra cuestión interesante da que hai que falar: en Gallaecia está o 70% dos teónimos da península. Que se agocha detrás disto? Son deuses diferentes ou os nomes diferentes do mesmo deus? Son as dúbidas que trae Marco García Quintela no libro. En todo caso, estes dez son os máis estendidos na antigüidade. (…)”