Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (XII)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Finalizamos con esta entrega as reproducións na Axenda dos vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.

Coloquio da mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía.

Antón Cortizas: “A natureza é como un gran comercio, a gran xoguetería”

Entrevista a Antón Cortizas en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) “Despois de publicar Chirlosmirlos. Enciclopedia de xogos populares, en 2001, comecei con este traballo [Tastarabás]. Xa nese libro indico que falta un capítulo e púxenme con el. É unha especie de catálogo coa intención de que o que fun argallando, de recollas e memoria, non quede esquecido”, explica Cortizas, na actualidade profesor de lº e 2° de ESO no IES de Canido.
O seu interese polo xogo tradicional vén desde que era mozo. “Xa na adolescencia comecei a escribir sobre os xogos dos que eu me lembraba, dos enredos que fabricabamos no barrio de Canido nos anos 60 ou por aí. Esa foi a orixe de Chirlosmirlos e tamén dun programa de radio que fixen en Radio Fene durante máis de dous anos”. A memoria foi o punto de partida pero para lograr reunir máis de 900 entradas sobre todo tipo de artefactos que se poden facer precisou tamén de axuda. “Grazas ós meus libros de literatura infantil fun a moitos centros para encontros con autores e aproveitei para poñerme en contacto con profesores e recoller información por aquí e por alá. Tamén traballei con bibliografía, de feito o libro inclúe moitas referencias de bibliografía galega e tamén foránea, xa que que grazas a internet temos cantidade de bibliotecas ás que acodir. Atopei libros divulgativos desde o século XVIII e XIX ara a actualidade, de varios países. O xogo é universal, en todos lados xogamos ó mesmo, máis ou menos cos mesmos entedos”, asegura. (…)”.

Vigo: presentación de A punta de pistola, de Fran Alonso

O xoves 28 de febreiro, ás 10:30 horas, no IES de Teis (Vigo), preséntase A punta de pistola, de Fran Alonso, publicada en Xerais. Na presentación, que está dirixida aos alumnos e alumnas da ESO do devandito centro e busca unha interlocución directa entre o escritor, a súa novela e os lectores e lectoras xuvenís, participan o director do centro, Fernando Carrasco, o editor Manuel Bragado, e o propio autor, cun grupo de 15 estudantes coordinados pola profesora Encarna Osorio (responsable do proxecto lector do centro) que entrevistará ao autor mantendo un coloquio áxil entre o escritor e os lectores e lectoras.

Pontevedra: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás de Pontevedra (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto, onde participan, xunto ao autor, Ramón Caride, Antón Sobral e Manuel Bragado, haberá tamén unha intervención musical a cargo de Abdoulaye Bilal Traoré. Organizan a editora e o Ateneo de Pontevedra.

Sorteo de En vías de extinción, de María Reimóndez: Busca unha árbore dentro da libraría!

BASES

1. Organizadora do sorteo:
A escritora María Reimóndez.
2. Ámbito temporal do sorteo:
O periodo de participación no sorteo será dende o 14 de febreiro ata o 15 de marzo.
3. Participantes do sorteo:
Poderán participar todas as persoas que queiran.
4. Premio:
O premio consiste nun lote de libros composto por tres novelas de María Reimóndez (Pirata, Usha e O club da calceta). O premio do presente sorteo en ningún caso poderá ser obxeto de cambio, alteración, compensación a petición do/a gañador/a ou cesión a terceiros.
5. Mecanismo do concurso:
As/os participantes deberán seguir os pasos establecidos nestas bases: En vías de extinción é unha novela escrita como as vetas das árbores que, dun xeito innovador, nos deixan percorrer das pólas ás raíces. Ademais os cans teñen unha importante presenza, xa que forman parte da vida da protagonista da obra. Neste contexto proponse ás/ós lectoras/es da novela que participen nun sorteo para o que terán que levar unha fotografía dun can á libraría da súa cidade, que deberá ir identificada pola parte de atrás con algún nome, lema ou referencia que deberá constar logo no exterior dun sobre que a persoa deberá deixar pechado na libraría cos seus datos de contacto. O requisito de deixar os datos en sobre pechado ten que ver coa protección de datos, o concurso non implica o anonimato das persoas que participen. (Consultar ao final o listado de librarías participantes). Na libraría as/os lectoras/es atoparán unha pequena árbore onde terán que colgar a súa fotografía e unha caixa na que deixar algún dato de contacto. A cambio disto a/o libreira/o daralle ao/á lector/a unha postal do libro.
De entre todas as imaxes das/os lectoras/es a autora, María Reimóndez, realizará un sorteo entre todas as persoas que participasen.
O premio consiste nun lote de libros composto por tres novelas da autora (Pirata, Usha e O club da calceta). A entrega do premio realizarase na libraría á que a/o lector/a levase a súa fotografía. O acto será aberto ao público en xeral e participará nel a autora, quen conversará cos asistentes e firmará exemplares.
O anuncio da/o gañadora así coma o día, hora e lugar de celebración do acto de entrega do premio farase público o día 25 de marzo na páxina web En vías de extinción.
6. Comunicación da/o gañadora:
O resultado do sorteo notificarase á/ó participante gañador/a mediante o envío dunha mensaxe por correo electrónico. As/os participantes deberán deixar na libraría un sobre pechado cos seus datos de contacto: Nome, apelidos, correo electrónico e cidade.
A/o gañador/a deberá confirmar a aceptación do premio antes do 28 de marzo (ata as 15 horas).
No suposto de que a/o gañadora non acepte o premio, non o recolla ou non cumpra co establecido nas presentes bases, o premio quedará deserto.
7. Reservas e limitacións:
Os datos deberán ser facilitados pola/o participante de forma veraz. Calquera comunicación falsa de datos persoais dará dereito á organizadora do sorteo a descalificar á gañador/a para participar e poder dispoñer do correspondente premio. A organizadora queda eximida de calquera responsabilidade no suposto de existir algún erro na captura ou trascripción dos datos facilitados pola/os propias/os participantes que poidan impedir a súa identificación. A organizadora poderá solicitar á premiada/o identificación mediante fotocopia de DNI ou outra documentación válida para verificar a súa identidade.
A organizadora resérvase o dereito a descalificar calquera fotografía que non cumpra os seguintes requisitos. Vostede afirma e garantiza, con respecto a cada fotografía que envíe, que estas non mostran o seguinte: contigo ameazante, falso, mal interpretable, abusivo, difamatorio, obsceno e/ou escandaloso, non violan os dereitos das persoas á privacidade ou á publicidade, non inclúen marcas comerciais de terceiros, e non infrinxen dereitos de autoría da imaxe.
8. Protección de datos:
Os datos persoais que vostede facilite para participar no sorteo usaranse exclusivamente coa finalidade de: poder realizar o desenvolvemento e xestión do sorteo, xestión da entrega do premio e para calquera outra finalidade prevista nas presentes bases.
9. Aceptación e publicación das bases:
A participación no sorteo supón a aceptación das presentes bases.
10. Librarías participantes:
-Libraría Trama (Lugo).
-Libraría Andel (Vigo).
-Libraría Pedreira (Santiago).
-Libraría Torga-Vento do Sul (Ourense).

Coñécense os finalistas do XIX Premio Arcebispo San Clemente

Desde Cultura Galega:
“Os organizadores do XIX Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, que outorgan alumnos de institutos de toda Galicia, daban a coñecer os finalistas desta edición. Ademais, adiantaron que o vindeiro 14 de marzo se celebrará a entrega dos galardóns do pasado ano, un acto que levará a Compostela a Xavier Queipo, Marina Mayoral e Peter Stamm. Os finalistas en lingua galega son:
– Pedro Feijoo, por Os fillos do mar.
– Alberto Lema, por Da máquina.
– María Lorenzo e Manuel Lorenzo, por Tonas de laranxa.”

Posición da AELG sobre a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da RAG

Declaracións de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, sobre a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín:
“Lamento a dimisión do Presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, candidato da AELG dende hai 17 anos ao premio Nobel de Literatura, pola súa obra, e firme defensor do idioma galego e que se concretou presidindo unha Academia que tramitou o recurso a un Decreto que contiña medidas agresivas para o noso idioma e a súa planificación educativa.
Facemos un chamamento á responsabilidade dos académicos para que a institución á que teñen a honra de pertencer non sexa instrumento de intereses alleos á nosa cultura e ao noso idioma, que nada teñen que ver co fin para o que foi creada a Academia no seu día. E facémoslles un chamamento a que se manteñan firmes na defensa do ensino en galego e do noso idioma, como se fixo nesta última etapa. Sería lamentábel que se apartase, como fixo no pasado, dos seus labores fundacionais.”

A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
11:30 h. Debate.
12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.