Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro
Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (XI)
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Reproducimos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.
Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía. Presentación de Ángel Núñez Ramos
Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía. Intervención de Ángel Núñez Ramos
Xosé Luís Méndez Ferrín fala sobre Rosalía e Cantares gallegos
Gustavo Pernas acada o XII Premio Teatral Maruxa Villanueva
Desde Cultura Galega:
“A súa interpretación en Snakizados (Ancora Producións) acaba de valerlle a Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959) o XII Premio Teatral Maruxa Villanueva, concedido polo Concello de Padrón con 1.200 euros, diploma e un busco de bronce de Maruxa Villanueva. O xurado destacou do galardoado a traxectoria multifacética así como a súa firme vontade de resistencia en “tempos agresivos para as artes escénicas”.”
Ribeira: crónica do Día de Rosalía 2013
Desde a A. C. Altofalante coméntannos o seguinte sobre o acto do Día de Rosalía en Ribeira:
“O acto de Rosalía que celebramos o sábado 23 de febreiro na Casa do Pescador en Ribeira ás 19:00 horas foi todo un éxito, superando con creces o aforo e obrigando a varias persoas a presenciáreno en pé. Participaron na lectura xente de todo tipo, desde unha nena de 6 anos até unha anciá ou unha moza estadounidense. Entre os lectores estiveron tamén Quico Cadaval, Carlos Callón e Santi Páramo. Ao comezo do acto lemos o Manifesto da AELG.” Aquí van tres fotos do acto:
Convocado o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo
“O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con varios medios de comunicación escritos, convoca o IX Premio a artigos xomalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013 cos seguintes obxectivos:
– Incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega.
– Crear espazos nos medios para fomentar o uso do idioma galega.
– Promover o uso do galega na prensa escrita.
Os interesados/as poden descargar as bases ao completo nun documento en pdf nesta mesma convocatoria.
Destino: Poderán participar neste concurso de xeito individual todas aquelas persoas que o desexen, sen límites de idade, nacionalidade, profesión, etc.
Prazo: O último día para entregar os artigos é o 11 de abril de 2013, tanto no Rexistro do Pazo da Cultura como en calquera oficina de correos.
Adxudicación: O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Carballo. Outorgarase un único premio de 1.000 euros brutos e a publicación do artigo en todos os medios colaboradores.
Toda a información aquí.
Xosé Luís Méndez Ferrín dimite como presidente da Real Academia Galega
Desde Praza, Sermos Galiza e El País:
“Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión como presidente da Real Academia Galega. Este domingo remitiu unha carta na que informaba da súa renuncia, que se formalizará no próximo plenario da institución, que se convocará en breve. O escritor tamén renunciará á súa condición de membro numerario da RAG. No texto agradece a todos os membros da Executiva ao Secretario e “á maioría dos académicos e académicas polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente”. Porén, explica que algúns “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. Méndez Ferrín pecha a súa carta de renuncia cun “Viva e floreza a Academia Galega! Viva Galicia ceibe!”.
Este luns o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia un intento de “colonización” da institución por parte do ILG e do Consello da Cultura. E a Mesa pola Normalización Lingüística pediu “explicacións” por supostas “presións” para que a RAG “non presentase o recurso en defensa do galego no ensino”. Na entrevista Axeitos denunciaba “a colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva”.
Referíase ao ILG e ao Consello da Cultura Galega e engadía que “segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda”. A respecto destas declaracións o comunicado da Mesa esixía que ILG e Consello desen “explicacións urxentes” e que “se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes, porque están a prexudicar tanto a esas institucións como ao conxunto da cultura galega. A corrupción ética tamén é reprobábel”. (…)”
Xosé Luís Axeitos: “O ILG e o Consello da Cultura queren colonizar a Academia”
Entrevista a Xosé Luís Axeitos en La Voz de Galicia:
“O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos (Rianxo, 1945), analiza o labor da actual executiva, que remata o seu mandato en xaneiro do 2014, e as últimas polémicas nas que se viu envolta a corporación. (…)
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Eu coñezo moi ben a historia da Academia e ao longo da súa historia ocorreu un problema moi grave: hai determinadas institucións culturais de gran potencia que a ocupan e a colonizan. Pasou coas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, que entraron masivamente na Academia. Pasou con Galaxia, que secuestrou a Academia durante gran parte da posguerra. E pasa agora mesmo coa Universidade de Santiago, co ILG. Hai tres universidades en Galicia, pero a única representada é a de Santiago. Hai un desequilibrio evidente.
– La Voz de Galicia (LVG): Pero tamén hai un sector crítico interno, ¿non?
– XLA: A colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva.
– LVG: ¿A institución afín é o Consello da Cultura Galega?
– XLA: Si, si, é o Consello, si… E unha proba do que digo é que, no proceso sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG e o Consello da Cultura, segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda. (…)”
Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2013
Nin queixa nin folclore, hai cento cincuenta anos Rosalía de Castro asumía no prólogo dos Cantares gallegos, o grande atrevemento que supoñía traer para a escrita culta, sen gramáticas nin regras de ningunha clas, o canto dos pesares, costumes e paisaxes desta terra.
Nin queixa nin folclore, hoxe, neste día no que conmemoramos o nacemento da muller, neste ano no que celebramos o século e medio dun libro que serviu para comezar a construírmonos afectiva e politicamente como pobo, convidamos a experimentar, de novo ou por vez primeira, a conmoción, o abraio que producen uns versos que falan de min, que falan de todas.
¿Qué lle pasará a un que non sexa como se pasase en tódolos demais? En min e en todos! Na miña alma e nas alleas! – di Rosalía.
Ese modo de percibir e expresar o peso do mundo é o que consegue que Cantares fique agochado entre as dobras da memoria, que se mimetice co inconsciente colectivo e individual, en min e en todos!, como un clásico e, como un clásico persista como ruído de fondo, aguante e sacuda a poeira incesante dos eséxetas: Santa, Nai, Escura.., sen dar rematado nunca de dicir o que ten que dicir.
Porque Rosalía fala para o agora da lectura e neste agora a empatía, a rabia, a análise e denuncia que alenta na súa obra fánsenos especialmente necesarias. Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeneralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio. Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe.
Ler hoxe a Rosalía axúdanos tamén a desenvolver estratexias de resistencia ante as doutrinas oficiais que nos impoñen a brutal contracción do noso sistema cultural e lingüístico. De novo Rosalía lembrando que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa, Rosalía rexeitando o centralismo que nos esmaga, que nos folcloriza, que nos nega, Rosalía denunciando, no XIX coma no XXI, o fracaso do estado para dar cabida ao diferente.
Rosalía pois, hoxe, para axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna.
Cantares gallegos, o primeiro libro integramente monolingüe do Rexurdimento galego, deu o protagonismo absoluto ás voces femininas e, probablemente, todas as que hoxe lemos e escribimos en galego experimentamos nalgún momento o desexo intenso de ser coma ela, de seguir os seus pasos: fulgor e rebeldía. A nosa literatura moderna presenta a enorme vantaxe de ter unha muller como causa e orixe, un modelo para aquelas que non queren cantar as pombas e as froles. Con todo, xusto é recoñecer o paradoxo: a literatura galega dista moito de ser un matriarcado; aquí -como en todas partes- as literatas continúan a ser tratadas como un elemento exótico-emerxente, caixiña dentro da caixiña, engadido que os homes tratan con benévola simpatía sen entrar nun diálogo verdadeiro. A forza feminina de Rosalía, a asunción plena da condición de muller -sen mistificacións, sen simplificacións doutrinarias- continúa sendo un exemplo, un desafío para o presente, para o futuro.
Convidámosvos, pois, a celebrar este día como unha festa indispensable no noso imaxinario colectivo, unha festa na que celebremos, esperanzadas, o futuro, ese futuro que vive nas verdadeiras, nas autenticamente clásicas, como Rosalía, quen, de xeito perentorio, nos recorda que só a palabra permite poñerse a salvo da brutalidade e a estupidez humanas.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega reafírmase, máis unha vez, porque este tempo político neoliberal e centralista regresivo así nolo continúa a esixir, na nosa reivindicación da recuperación dun estatus máis xusto, digno, equitativo e equilibrado para o galego nos diferentes ámbitos de uso e, nomeadamente, no ensino, minguado cuantitativa e cualitativamente nun espazo de aprendizaxe e socialización como é a escola e apoiamos, como as palabras reivindicadoras de xustiza rosaliana nos animan, ao conxunto da sociedade que en múltiples iniciativas ten manifestado o seu compromiso coa lingua galega, soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”.
A modernidade da obra e pensamento rosaliano aloumíñanos e fálanos desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo da alborada para corearmos colectivamente:
Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. –Vente, auro-
ra, – vente abrin-
do, -co teu ros-
tro – que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!
Manifesto do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a partir dun texto de Rexina Vega.